Feijóo muda o modelo de financiamento autonómico que defendía na Xunta para adaptarse á campaña do PP en Andalucía

Encontro organizado por Feijóo con outras autonomías para abordar o financiamento autonómico o pasado 23 de novembro en Santiago CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

O novo líder do PP estatal asume agora como prioritario o criterio da poboación que combatía cando era presidente galego e quería primar o avellentamento ou a dispersión

Ser presidente do PP non é o mesmo que ser presidente da Xunta. E Alberto Núñez Feijóo tardou moi pouco, apenas uns días, os que van da toma de posesión do seu sucesor, Alfonso Rueda, ao seu primeiro acto da precampaña electoral andaluza, en mudar o seu discurso para adaptalo aos intereses do partido que agora dirixe a nivel estatal.

Se antes defendía unha reforma do modelo de financiamento autonómico adaptada ás necesidades galegas, que tivese en conta sobre todo os factores que encarecen a prestación de servizos como a dispersión territorial, o avellentamento da poboación, a superficie, a orografía ou a involución demográfica, agora, en plena procura de votos, aposta polo contrario e di que debe primar o criterio da poboación, o mesmo que defende Andalucía. 

Feijóo e o presidente andaluz, Moreno Bonilla, nun acto da precampaña electoral © PP

A negociación do novo modelo non será fácil. Para empezar, Goberno e PP nin sequera están de acordo no método. O Ministerio de Facenda defende que primeiro PP e PSOE poñan de acordo a cadanseus presidentes autonómicos para unificar criterios e negociar un acordo que salga do Congreso co respaldo dos dous grandes partidos aínda que del se descolguen formacións que só atenden os intereses das comunidades que gobernan —como os independentistas cataláns ou os rexionalistas cántabros—. Feijóo, en cambio, propón unha negociación a 15 bandas, tantas como comunidades afectadas —Euskadi e Navarra teñen o seu propio sistema— no marco do Consello de Política Fiscal e Financeira (CPFF) para impedir, argumenta, que o Goberno acabe pactando o novo modelo mediante acordos bilaterais con Catalunya.

Feijóo quere un acordo entre todas as comunidades afectadas, non unha negociación entre PSOE e PP que obrigaría a cada partido a pactar unha posición única

“Con dificultades e con renuncias”, asegurou a pasada semana en Sevilla empuxado polo candidato do PP, Juanma Moreno, “debemos sentarnos para ver como financiamos o 50% do gasto público de España que xestionan as Comunidades Autónomas”. Un novo modelo que “ten que ser froito dun diálogo entre as partes, e as partes son 17 comunidades autónomas”, indicou incluíndo Euskadi e Navarra, cuxa contribución e recursos negocian unilateralmente co Goberno e se someten despois a aprobación por parte do Congreso.

Foi nese contexto, nun acto organizado pola patronal andaluza vinculado á precampaña do PP andaluz, no que Feijóo revelou que agora cre que o novo modelo debe ser proporcional á poboación, como reclaman Andalucía, Murcia, a Comunitat Valenciana, Madrid, Catalunya e Illes Balears.

"Se Andalucía ten máis poboación que o resto de España non pode ser que teña un financiamento por baixo da media de España, porque é un feito obxectivo: non se financian territorios, fináncianse persoas", di Feijóo

“O custo efectivo dos servizos públicos que xestionamos”, argumentou, “ten unha relación directa coas persoas, non cos territorios. Se Andalucía ten máis poboación que o resto de España non pode ser que teña un financiamento por baixo da media de España. Porque é un feito obxectivo: non se financian territorios, fináncianse persoas. Os gastos sanitarios, sociais e educativos da persoas”.

Nada que ver co documento que, con toda solemnidade, asinou Feijóo en novembro en Santiago xunto aos presidentes de Asturias, Cantabria, A Rioxa, Castela-A Mancha, Aragón, Estremadura e Castela e León, que supoñen un 61,97% da superficie española pero apenas un 24,15% do total da súa poboación. Cifras que, segundo os asinantes do acordo, “dan testemuño de que a dispersión e o despoboamento marcan a súa estrutura demográfica e impoñen retos específicos ás súas Administracións”. 

 

'Declaración de Santiago' rubricada este 23 de novembro de 2021 polo Goberno galego xunto aos de Asturias, Cantabria, La Rioja, Aragón, Castilla-La Mancha, Extremadura e Castilla y León

Aquel Feijóo defendía que o novo modelo tivese en conta “en maior medida criterios demográficos para responder con eficacia e equidade ás necesidades do conxunto dos cidadáns”, “con independencia da capacidade” de cada comunidade “para xerar ingresos tributarios”.

Por iso é polo que as oito comunidades que subscribiron o documento de Santiago, con Feijóo como principal impulsor, consideraban “necesario reforzar o principio de suficiencia” e esixían fixarse “nos factores determinantes das súas necesidades de gasto reais”, non exclusivamente na poboación. Iso significa fixarse, enumeraban, “ademais de nos custos fixos, na superficie, a dispersión, a baixa densidade, a orografía, a baixa natalidade ou o avellentamento da poboación” como “condicionantes innegables dun maior custo na prestación de servizos, cuxo efecto debe cuantificarse de forma completa e ponderarse en maior medida que no actual sistema”.

O peso do territorio

Nada que ver que os cambios que defenden comunidades como Andalucía ou Madrid, que queren que o novo modelo se axuste máis ao peso da súa poboación. Feijóo defendía ata o de agora que para acadar “un sistema de financiamento xusto e igualitario” se tivesen en conta “os efectos reais sobre o custo dos servizos da extensión do territorio, da baixa densidade e da dispersión que obriga aos poderes públicos a multiplicar as unidades de prestación de servizos de proximidade (escolas, centros de saúde, centros de día...) ou do avellentamento que adoita ir asociado a unha maior dependencia, prevalencia de patoloxías e co consecuente gasto farmacéutico, que supón necesariamente diferentes intensidades na utilización dos servizos públicos”.

Esquema do novo financiamento autonómico proposto polo Goberno de España e comparación co anterior, caducado en 2014 © Ministerio de Facenda

Para abrir o debate coas Comunidades Autónomas, o Goberno comprometeuse a elaborar unha proposta que a ministra de Facenda trasladoulles o pasado mes de decembro. Nunha resposta parlamentaria difundida hai unha semana, o departamento que dirixe María Jesús Montero explicou que desde xaneiro xa recibiron as “achegas e observacións das comunidades autónomas” ao documento orixinal e “actualmente estanse analizando”. O obxectivo deste proceso de escoita é, segundo o Goberno, “obter unha fórmula que permita acadar o maior consenso posible entre todas as Administracións implicadas”.

Esta proposta do Goberno é, en opinión de Feijóo, “unha cortina de fume. Mandáronnos un papel” para entreter ás comunidades para “enfrontar aos presidentes autonómicos”. [O plan para financiar máis a 'España baleira' beneficia ás autonomías que secundaron o cumio de Feijóo e prexudica a Galicia].

O debate sobre a reforma do modelo actual, do que todas as comunidades esperan saír con máis ingresos, non é alleo ao que se abriu sobre a presión fiscal. Mentres piden máis cartos, as cinco comunidades autónomas gobernadas polo PP —nalgúns casos en coalición con outros partidos, incluídos tránsfugas de Ciudadanos e membros de Vox— reducen os seus impostos propios.

A Xunta, con Feijóo como presidente, queixábase acotío de que recibe do Goberno central menos diñeiro do que debería se se tivesen en conta factores como o avellentamento ou a dispersión da súa poboación nos municipios rurais. Isabel Díaz Ayuso denuncia con frecuencia a suposta discriminación da Comunidad de Madrid na repartición dos fondos que o Goberno distribúe ás comunidades autónomas, en especial dos que a administración central empregou, de forma extraordinaria, para axudar á sanidade pública e o sistema educativo durante a pandemia.

No caso andaluz, o seu presidente, Juanma Moreno, cifrou en numerosas ocasións o diñeiro que, segundo el, a súa comunidade perde cada ano: entre 800 e 900 millóns. O presidente da Junta de Castilla y León, Alfonso Fernández Mañueco, tamén se queixa de que a súa comunidade recibe menos diñeiro do que necesita para atender “os sobrecustos de servizos públicos” que padece e Fernando López Miras, o presidente de Murcia, asegura que a súa rexión tamén está infrafinanciada.

O PSOE, que se saiba, non deu ningún paso parta conciliar as demandas contrapostas de comunidades como a Comunitat Valenciana ou Castela-A Mancha. Pero o PP tampouco. Coa particularidade de que o novo líder conservador era ata hai apenas unha semana presidente de Galicia e lideraba unha das posicións enfrontadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.