A carreira de rebaixas fiscais iniciada por varias comunidades autónomas presididas polo PP, a crise enerxética impulsada pola invasión rusa de Ucraína e a escalada inflacionista dos últimos meses levaron o Goberno de España a aplicar unha serie de medidas fiscais coas que prevé aumentar a recadación nuns 3.000 millóns de euros en dous anos.
Á creación dun imposto ás grandes fortunas -que atinxirá a quen teña máis de 3 millóns de euros- únenselle rebaixas no imposto sobre a renda, o IRPF, para aqueles que menos gañan. A poboación con menos recursos verase beneficiada cunha iniciativa que segue a outras autonómicas, aínda que con notables diferenzas. No caso de Galicia, por exemplo, con modificacións e reducións que abranguen o conxunto de contribuíntes ou que supoñen para as clases máis desfavorecidas moitos menos beneficios. E outras que son claras vantaxes para os máis ricos.
No caso das medidas anunciadas polo Goberno de coalición de PSOE e Unidas Podemos, supón incrementar a redución por rendementos do traballo e ampliar ata os 21.000 euros de salario bruto anual os beneficios fiscais dos que agora gozan os soldos de ata 18.000. Estas reducións refírense a un beneficio fiscal que desde hai anos se aplica ás rendas máis baixas percibidas do traballo. Ata ese mínimo -agora elevado- aplícase unha rebaixa estipulada segundo o tramo, aplicando o imposto sobre unha base máis baixa e permanecendo unha maior parte do salario no ingreso neto do traballador.
A redución xeral por rendas do traballo impulsada polo Estado amplíase a salarios de ata 21.000 euros e abrangue unhas 860.000 persoas en Galicia
Segundo os últimos datos da Axencia Tributaria, en Galicia esta rebaixa afectaría máis de 860.000 persoas que declaran menos de 21.000 euros brutos anuais, limiar ata o que o Executivo central subiu as reducións para adaptalas ao salario mediano no Estado, aquel baixo o que se atopa o 50% da poboación. No caso de Galicia, no entanto, abranguería o 65% do total das declaracións.
Ademais, e tendo en conta a elevación do limiar a partir do cal se aplican esas reducións fiscais, serán arredor de 100.000 -segundo os últimos datos de Facenda- as persoas que en Galicia se engadirán á lista de beneficiadas por unhas rebaixas que antes non as atinxían: aquelas que declaran máis de 18.000 euros brutos anuais pero menos de 21.000.
Os diferentes casos individuais de cotización fan complicado determinar como afecta a cada persoa esta rebaixa no IRPF, xa que depende do estado civil ou dos menores a cargo, por poñer só dúas casuísticas. Aínda así, o Ministerio de Facenda puxo varios exemplos: un traballador ou traballadora sen fillos que gaña 18.000 euros aforraría 746 euros ao ano en IRPF; outro casado, co mesmo salario e dous fillos, facendo a declaración conxunta co seu cónxuxe, aforraría 331 euros; mentres que unha xubilada, cunha pensión de 16.500 euros, aforraría preto de 700 euros, un 47% do que paga actualmente.
Mentres as rebaixas estatais no IRPF benefician as persoas con menos recursos, as da Xunta atinxen todos os contribuíntes
Ademais, o Goberno de España tamén prevé subir de 14.000 a 15.000 euros o mínimo obrigatorio para facer a declaración da renda. "É relevante -exemplifica o Ministerio- e garante, por exemplo, que un traballador que hoxe gaña o salario mínimo interprofesional, fixado en 14.000 euros, non tributará por IRPF cando o Goberno aumente o SMI en 2023" e "tamén supón que un traballador que hoxe gaña 14.500 euros" deixe de estar suxeito a este imposto.
A Xunta, pola súa banda, tamén anunciou medidas fiscais, como a que supón que o primeiro treito da cota autonómica do imposto da renda (IRPF), o que vai ata os primeiros 12.450 euros de ingresos, pasará de estar gravado cun tipo do 9,4% ao 9%. A diferenza principal coa mudanza fiscal do Goberno central é que a rebaixa non só beneficiará ás rendas máis baixas, como asegurou o presidente da Xunta, senón que afectará a todos os declarantes, xa que se aplica a ese primeiro treito de ingresos sexan cales sexan os ingresos totais.
Ademais, a Xunta tamén anunciou que “deflactará”, con efectos xa desde este mesmo 2022 e efecto retroactivo desde o 1 de xaneiro, os tres primeiros treitos impositivos do IRPF autonómico, ata os 35.000 euros, elevando os límites de cada treito, o que suporá un aforro de algo máis de 40 euros por declarante.
A deflactación que a Xunta anunciou para os tres primeiros tramos do IRPF autonómico afecta tanto aos que menos tributan como aos que máis
Deste xeito, o limiar polo tramo do IRPF máis baixo medrará un 4,5%, dos 12.450 euros aos 13.010, unha fórmula que será aplicada en todos os tramos ata os 35.000 e nos que se vai pagando máis a Facenda canto máis se ingrese. Ao contrario tamén que no caso do Estado, a rebaixa afectará tanto aos que tributan menos desa cantidade pero tamén a quen ingresa 60.000, que se verá beneficiado polas medidas nos primeiros 35.000 euros de tributación.
O Goberno de España creará un tributo a grandes fortunas; a Xunta anuncia que duplicará a rebaixa de impostos á poboación máis rica
Antes de que a Xunta anunciase estas medidas de rebaixa fiscal para todos os contribuíntes -pero máis beneficiosas para os que máis teñen-, Rueda aproveitou a súa intervención nun foro privado, organizado por La Voz de Galicia e Abanca, para anunciar que duplicaría a bonificación do imposto de patrimonio aprobada por Feijóo: do 25% que rexe en 2022 ao 50% en 2023. Son arredor de 8.000 persoas en Galicia, as máis ricas, que no último ano con datos dispoñibles incrementaran ata un 55% o seu investimento en coches, peles ou xoias.
Segundo os últimos datos, de 2020, o imposto de patrimonio tiña en Galicia 8.242 declarantes cun patrimonio total de 49.463 millóns e un patrimonio medio de 6 millóns. Deles, tiveron que pagar 7.646 cunha achega total de 66,6 millóns de euros. Tributaron, de media, ao 0,64%.
Só uns días despois do anuncio de Rueda, o Goberno de España anunciaba a creación dun "imposto de solidariedade das grandes fortunas" que afectará parte deste colectivo e que se estruturará en tres tramos. De 3 a 5 millóns de euros terán que tributar ao 1,7%; de 5 a 10 millóns terán que facelo ao 2,1% e o que exceda de 10 millóns de euros, ao 3,5%. A súa vixencia é temporal, pero revisable "para avaliar ao termo da súa vixencia se cómpre mantelo ou suprimilo".
O imposto xorde na práctica, para neutralizar os recortes do imposto de patrimonio como o que impulsou Alfonso Rueda ou o anunciado polos seus homólogos madrileña e andaluz, nos seus casos cunha rebaixa total, do 100%.
Así, o que pague esta poboación millonaria polo novo imposto ás fortunas desgravará para o imposto de patrimonio. Evítase así o que sería un escenario de dobre imposición, isto é, pagar dúas veces polo mesmo. E ao tempo, quen teña máis de 3 millóns de euros terá que pagar polo novo imposto o que non pague polo de patrimonio, se é o caso. Ficarían na situación actual quen teñan -excluída a vivenda habitual- patrimonios entre 700.000 e 3 millóns de euros.
Ademais, o Executivo central elevará tamén o IRPF ás rendas do capital superiores a 200.000 euros (por exemplo, dividendos por accións en empresas, xuros por depósitos bancarios ou alugueiros). Neste caso, a suba chega en dous tramos: de 200.000 a 300.000 euros tributarán ao 27% (ata agora era o 26%) e de 300.000 euros en diante entrará en vigor un novo tramo con gravame ao 28%.