Entre o paquete de medidas fiscais anunciado este xoves polo Goberno de España inclúese tamén a baixada do IVE para os produtos de hixiene feminina, que pasará do 10% ao 4%. Así o anunciou a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, antes de que a titular de Facenda, María Jesús Montero, comparecese para dar conta do acordo.
A aplicación dun tipo hiperreducido a compresas ou tampóns leva debaténdose desde hai uns catro anos e foi sempre unha reivindicación de Unidas Podemos, que puxo esta medida como condición para o pacto fiscal acordado co PSOE. "Son produtos esencias e non luxos", advertiu Díaz sobre unha redución que será incluída nos Orzamentos e que leva sendo reclamada pola coalición morada toda a lexislatura.
O IVE hiperreducido do 4% será agora aplicado a compresas e tampóns, ademais de a anticonceptivos non medicinais e preservativos
O pasado mes de maio, Montero opuxérase a incluír esta medida na reforma da Lei do Aborto, como pretendía Unidas Podemos, para facelo agora nas contas públicas. Malia que era un acordo previsto xa para 2019, non foi ata agora cando viu a luz.
Deste xeito, os produtos para a regra, gravados cun IVE reducido do 10%, pasarán a estalo cun 4%, como o que se aplica aos considerados bens de primeira necesidade: medicamentos, material escolar, froita, pan ou leite. Segundo as contas que fixo Facenda non hai moito, o Estado deixará de ingresar 18 millóns de euros con esta medida.
Ademais, os Orzamentos Xerais tamén contemplarán a rebaixa ao 4% para outros produtos como os anticonceptivos non medicinais e os preservativos, segundo avanzou tamén Díaz e confirmou logo o Ministerio de Facenda.
A baixada do IVE aos produtos de hixiene feminina foi moi celebrada pola ministra de Igualdade, Irene Montero, que considera de "xustiza fiscal e feminista" unha medida que, di, supón "combater a pobreza menstrual".
Nunhas declaracións a TVE, Irene Montero dixo estar moi "orgullosa" de "ter convencido ao socio", en referencia ao PSOE, para incorporar unha medida que levaba anos sendo reclamada polo seu grupo.
Segundo un estudo do Instituto Universitario de Investigación en Atención Primaria Jordi Gol Gurina (IDIAPJGol), un 40% de mulleres en España non pode permitirse un produto menstrual da súa escolla pro cuestións económicas.
Neste estudo -sobre unha mostra de case 23.000 mulleres- conclúese tamén que máis dun 22% das participantes aseguraron que non tiveran acceso a produtos menstruais nalgún momento da súa vida por cuestións económicas.