Novo imposto ás fortunas e rebaixa a quen menos gaña: as claves da reforma fiscal que vén

Proceso de fabricación de billetes de 20 euros CC-BY-NC-ND Banco Central Europeo

A reforma fiscal planeou sobre o Goberno de España dende o inicio da lexislatura, toda vez que o acordo entre o PSOE e Unidas Podemos para gobernaren en coalición incluía unha aposta neste sentido. As urxencias da pandemia mudaron as prioridades e a ministra de Facenda, María Jesús Montero, chegou a dala por desbotada o pasado verán.

Malia dar por desbotada a reforma fiscal, o Goberno de España lanza un paquete de modificacións na materia que inclúe novos tributos para quen teña máis de 3 millóns e diminucións de impostos para salarios inferiores a 21.000

Pero o escenario volveu mudar. A invasión rusa da Ucraína e as consecuencias internacionais da guerra e das sancións a Rusia están a axitar a economía mundial en forma de crise enerxética e incrementos das subas de prezos que xa marcaban o escenario pos-COVID. E no contexto español, nas últimas semanas diversos gobernos autonómicos lanzaron unha carreira de rebaixas fiscais, encabezados polos recortes ao imposto de patrimonio -que só abonan as persoas máis ricas- como o anunciado pola Xunta (do 25% ao 50% de rebaixa) ao remolque de Madrid e Andalucía.

Este é o pano de fondo co que a propia Montero anunciou este xoves o que non é unha reforma fiscal completa en sentido estrito, pero si mudanzas substanciais coas que prevé aumentar a recadación nuns 3.000 millóns de euros en dous anos. A comezar pola creación dun imposto ás grandes fortunas para os anos 2023 e 2024 que atinxirá a quen teñan máis de 3 millóns de euros e a seguir por rebaixas tributarias para quen menos gaña, entre outras medidas.

A ministra de Facenda, María Jesús Montero, presenta en rolda de prensa a reforma fiscal, este 29 de setembro de 2022 © Ministerio de Facenda

Máis impostos ás maiores rendas e freo a rebaixas como a  da Xunta

Como informa Javier Guzmán para infoLibre, o "imposto de solidariedade das grandes fortunas" estruturarase en tres tramos. De 3 a 5 millóns de euros terán que tributar ao 1,7%; de 5 a 10 millóns terán que facelo ao 2,1% e o que exceda de 10 millóns de euros, ao 3,5%. A súa vixencia é temporal, pero revisable "para avaliar ao termo da súa vixencia se cómpre mantelo ou suprimilo".

O pagado por imposto de patrimonio desgravará no das grandes fortunas, o que na práctica neutraliza o groso das rebaixas fiscais á poboación máis rica como a anunciada nos últimos días pola Xunta

Sinala Montero que o Goberno de España estima que son unhas 23.000 persoas (0,1% dos contribuíntes) as atinxidas por este imposto, que deixará nas arcas públicas uns 1.500 millóns de euros. O cálculo, non obstante, variará en función das políticas autonómicas, toda vez que este imposto vai, na práctica, neutralizar os recortes do imposto de patrimonio como o que nos últimos días promociona o presidente Alfonso Rueda ou o anunciado polos seus homólogos madrileña e andaluz, nos seus casos cunha rebaixa total, do 100%.

A explicación é que o que pague esta poboación millonaria polo novo imposto ás fortunas desgravará para o imposto de patrimonio. Evítase así o que sería un escenario de dobre imposición, isto é, pagar dúas veces polo mesmo. E ao tempo, quen teña máis de 3 millóns de euros terá que pagar polo novo imposto o que non pague polo de patrimonio, se é o caso. Ficarían na situación actual quen teñan -excluída a vivenda habitual- patrimonios entre 700.000 e 3 millóns de euros.

A reforma fiscal acordada por PSOE e UP -que se tramitará de xeito paralelo aos Orzamentos Xerais do Estado de 2023- inclúe tamén elevar o IRPF ás rendas do capital superiores a 200.000 euros (por exemplo, dividendos por accións en empresas, xuros por depósitos bancarios ou alugueiros). Neste caso, a suba chega en dous tramos: de 200.000 a 300.000 euros tributarán ao 27% (ata agora era o 26%) e de 300.000 euros en diante entrará en vigor un novo tramo con gravame ao 28%.

Instalacións da Axencia Estatal Tributaria, nunha imaxe de arquivo © UGT

Suba para as grandes empresas, baixada para as pequenas

Sempre segundo o anunciado por Montero -e á espera do correspondente trámite parlamentario-, a reforma inclúe tamén medidas para o eido empresarial, cunha suba "cirúrxica para grandes contribuíntes". Así, as grandes empresas só poderán compensar en España a metade do que perdan as súas filiais no estranxeiro. Ata agora, podían compensar o perdido fóra cos beneficios 'dentro' e só pagar pola diferenza, pero agora só poderán facer esa conta co 50%.

Na banda contraria, as empresas máis pequenas verán reducida en dous puntos a súa tributación por imposto de sociedades. Será do 25% ao 23% para as compañías que facturen menos dun millón de euros ao ano, unhas 400.000, segundo o Ministerio.

Mudanzas no IRPF para soldos baixos de ata 21.000 euros

A ministra Montero contrapón as subas de impostos ás grandes fortunas coas rebaixas previstas no imposto sobre a renda, o IRPF, para a poboación con menos recursos. Entra, deste xeito, tamén ao debate que marcou a axenda nos últimos días pola banda autonómica no caso galego, con rebaixas e modificacións que atinxirán a conxunto de contribuíntes.

Traballadoras dunha conserveira, nunha imaxe de arquivo CC-BY-NC-SA CIG

Pola banda estatal, o Goberno do PSOE e UP prevé subir de 14.000 a 15.000 euros o mínimo obrigatorio para facer a declaración da renda. "É relevante -exemplifica o Ministerio- e garante, por exemplo, que un traballador que hoxe gaña o salario mínimo interprofesional, fixado en 14.000 euros, non tributará por IRPF cando o Goberno aumente o SMI en 2023" e "tamén supón que un traballador que hoxe gaña 14.500 euros" deixe de estar suxeito a este imposto.

O mínimo obrigatorio para facer a declaración pasa de 14.000 a 15.000 euros, de xeito que "cando o Goberno aumente o SMI en 2023", sinala a ministra, quen cobre só o salario mínimo seguirá sen obriga de tributar

Ademais, Montero avanza a intención de "incrementar a redución por rendementos do traballo", ampliando ata os 21.000 euros de salario bruto anual os beneficios fiscais dos que agora gozan os soldos de ata 18.000. Sinala a ministra que escollen ese límite porque é "o do salario mediano en España" no marco dunha medida que "beneficia exclusivamente a quen máis o necesita". "Un traballador que gaña 18.000 euros ao ano, aforrará 746", exemplifica.

No que atinxe aos autónomos, a reforma contempla unha rebaixa adicional do 5% no rendemento neto dos seus módulos, o que prevén que beneficie unhas 577.000 persoas. Ademais, o limiar para gastos deducibles de difícil xustificación pasa do 6% ao 7%.

Á marxe destas medidas en materia de impostos directos, Montero confirmou outra novidade relevante nos indirectos. O Goberno de España, confirmou, disponse a baixar ao 4% o IVE dos produtos de hixiene feminina e tamén a anticonceptivos non medicinais e preservativos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.