Tras as críticas por rebaixar o imposto do patrimonio á cidadanía máis rica o presidente anuncia outras baixadas xerais no IRPF que tamén benefician a quen máis ingresa pero asegura que non afectarán á calidade dos servizos públicos
Do “non parece razoable” ao “goberno con experiencia”. Se Feijóo adoitaba gabar as supostas bondades das súas políticas en contraposición coas do resto de formacións, cualificadas de xeito recorrente como irracionais, o seu sucesor, Alfonso Rueda, vén sendo máis directo nos eloxios ao seu propio goberno. El non ten tanta experiencia como presidente, pero si como conselleiro, ao igual que o resto do seu goberno herdado, así que este martes, nun debate extraordinario no Parlamento deseñado á súa medida, el mesmo salientou do seu executivo que ten “un proxecto” e que o “sabe xestionar” porque é “o goberno con máis experiencia de toda España”.
Ao haber xa este ano un debate de investidura, o seu, en maio, o regulamento do Parlamento non contempla que haxa debate de política xeral, o tamén denominado debate sobre o estado da autonomía. A falta dese escenario no que seguir afianzando a imaxe presidencial de Rueda, e mentres segue a potenciar na súa axenda pública oficial os eventos festivos, o Goberno galego decidiu iniciar o curso político con varias comparecencias controladas do seu titular.
No debate deste martes o presidente falou preto dunha hora e media, fronte aos 15 minutos de cada portavoz da oposición, formato similar ao que hai uns días Feijóo criticou a Pedro Sánchez
A semana pasada comezou cun acto ante os altos cargos da Xunta cun desenvolvemento semellante ao dun mitin. E este martes continuou cunha comparecencia a petición propia de Rueda no Parlamento, un formato no que o comparecente ten tempo indefinido para falar -foron 50 minutos na súa intervención inicial, 20 na réplica e 10 no seu peche do debate- mentres que os voceiros da oposición o tiveron acoutado -10 minutos cada un na primeira intervención e 5 na segunda e última-. Un debate “trucado” ou “marcado”, segundo o denominaron a nacionalista Ana Pontón e o socialista Luis Álvarez cunha disparidade de tempos similar á que hai uns días criticou o equipo de Feijóo a Pedro Sánchez a nivel estatal a conta doutra comparecencia similar celebrada no Senado. [BNG e PSdeG contrapoñen a rebaixa de impostos aos ricos coas deficiencias dos servizos públicos e as políticas sociais].
Na súa comparecencia Rueda adiantou algunhas das novidades que incluirán os orzamentos da Xunta para 2023, que terán os seus propios debates parlamentarios nas próximas semanas. O presidente reiterou anuncios xa coñecidos como que a Xunta rebaixará o imposto do patrimonio á cidadanía máis rica, que asumirá con fondos públicos a inflación das peaxes das autoestradas da súa titularidade, ou que as familias con dous fillos serán tratadas como familias numerosas a efectos do imposto da renda ou IRPF que recibe a Xunta, medida que afectaría a todas as familias por igual con independencia do volume de ingresos.
A esas medidas engadiu Rueda o anuncio de que o primeiro treito da cota autonómica do imposto da renda (IRPF), o que vai ata os primeiros 12.450 euros de ingresos, pasará de estar gravado cun tipo do 9,4% ao 9%. Unha rebaixa que non só beneficiará ás rendas máis baixas, como asegurou Rueda, senón que afectará a todos os declarantes, xa que se aplica a ese primeiro treito de ingresos sexan cales sexan os ingresos totais. Ademais, engadiu Rueda, para compensar o efecto da inflación, a Xunta “deflactará”, con efectos xa desde este mesmo 2022, os tres primeiros treitos impositivos do IRPF autonómico, ata os 35.000 euros, elevando os límites de cada treito, o que suporá un aforro de algo máis de 40 euros por declarante.
Rueda di que “rebaixar impostos non é rebaixar a calidade dos servizos públicos” e asegura que mentres sexa presidente "os galegos e galegas poden estar seguros de que este goberno vai estar con eles”
Segundo Rueda, as novas rebaixas no IRPF suporán “máis de 46 millóns de euros de aforro” que se sumarán aos “máis de 1.200 millóns de euros” que a Xunta deixou de ingresar por medidas similares tomadas desde 2009 non só no imposto da renda senón tamén nos do patrimonio, herdanzas ou compra de vivendas.
Ademais da redución de ingresos por impostos, Rueda tamén avanzou algunhas novas medidas de gasto. En liña coa estratexia iniciada por Feijóo de non consolidar gasto nos orzamentos da Xunta en servizos públicos estables ofrecidos por ela senón de optar por subvencións á cidadanía ou a outras administracións, boa parte dos anuncios de Rueda deste martes foron incrementos en fondos destinados a concellos ou axudas directas xa existentes. Uns aumentos que chegan nun ano de teito de gasto récord grazas ás transferencias que á súa vez a Xunta recibe do Estado e a UE.
Na súa intervención final Rueda insistiu na idea de que “rebaixar impostos non é rebaixar a calidade dos servizos públicos”. E rematou cunha sentenza: “Mentres eu sexa presidente os galegos e galegas poden estar seguros de que este goberno vai estar con eles”.