BNG e PSdeG contrapoñen a rebaixa de impostos aos ricos coas deficiencias dos servizos públicos e as políticas sociais

Ana Pontón (BNG) e Luis Álvarez (PSdeG), nas súas quendas durante a comparecencia de Rueda deste martes no Parlamento © Parlamento | CC BY-NC-SA PSdeG

A nacionalista Ana Pontón e o socialista Luis Álvarez salientan que a Xunta podería contratar entre 500 e 700 médicos co que deixará de ingresar

Propaganda e debate “trucado” ou “marcado” foi a principal crítica formal que lanzaron BNG e PSdeG ao que para Alfonso Rueda foi un exemplo da súa “transparencia” ao avanzar este martes no Parlamento algunhas das medidas que contemplarán os orzamentos da Xunta do próximo ano. [Rueda defende que ten un proxecto e sabe xestionalo nun debate parlamentario a medida]. Canto ao contido, a rebaixa de impostos anunciada para a cidadanía con máis patrimonio foi o foco no que se centraron a nacionalista Ana Pontón e o socialista Luis Álvarez, que coincidiron en comparar o que deixará de ingresar a Xunta co que custaría contratar a entre 500 e 700 médicos para a sanidade pública ou as diversas eivas existentes nos servizos públicos ou as políticas sociais.

Tamén coincidiron Pontón e Álvarez en criticar que a comparecencia de Rueda non fose acompañada de ningunha documentación que permita aos grupos parlamentarios comprobar que os anuncios da Xunta se corresponden co efectivamente planificado nos orzamentos

Intervención da portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, durante a comparecencia de Alfonso Rueda este martes © Parlamento de Galicia

“Vostede é un presidente de palla que fai o que lle ordenan desde Madrid”, di Ana Pontón a Rueda

Ana Pontón cualificou de “pelotazo fiscal” a rebaixa do imposto do patrimonio, que cifrou en 34 millóns de euros que deixará de ingresar a Xunta de mans das 7.700 persoas máis ricas de Galicia. Algo que ao seu ver “demostra que o PP goberna para unha minoría” e que Rueda “é un presidente de palla que fai o que lle ordenan desde Madrid”. 

Como Rueda tentou presentar as súas anunciadas rebaixas de impostos no treito máis baixo do IRPF autonómico ou ás familias con dous fillos como máis relevantes que a redución do imposto do patrimonio, Pontón tentou desmontar o seu alcance. Así, a nacionalista salientou que a mellora no trato fiscal ás familias con dous fillos será igual para unha familia que ingrese pouco e para outra que ingrese moito, o que ao seu ver ratifica que o PP goberna para os privilexiados. “Dime a quen lle baixas máis impostos e direiche para quen gobernas”, sentenciou Pontón.

Para o socialista Luis Álvarez os populares son "malos xestores" por non executar todos os fondos que obteñen doutras administracións

Desde o PSdeG o seu voceiro parlamentario, Luis Álvarez, reclamou sen éxito que a Xunta “renuncie” á rebaixa do imposto do patrimonio, que cualificou de “medida inxusta”, e puxo o foco en que os populares son “malos xestores”. O socialista salientou as “baixas execucións orzamentarias” de diversas partidas dos orzamentos da Xunta ao longo dos últimos anos e criticou que o Goberno galego non sexa quen de dar adecuado uso aos fondos que lle chegan do Estado ou da UE.

Intervención do portavoz parlamentario do PSdeG, Luis Álvarez, durante a comparecencia de Alfonso Rueda CC-BY-SA PSdeG

Álvarez tamén chanceou con algunha das medidas sectoriais concretas que Rueda avanzou este martes e lamentou que o “principal problema” do sector agrario para o Goberno galego sexa “o lobo” e a postura que o Goberno de España ten ao respecto.

Fronte ás críticas de BNG e PSdeG no seu tempo acoutado, no debate deste martes tamén interveu, co mesmo tempo que a oposición, o grupo parlamentario do PP, que por boca do seu portavoz, Pedro Puy, agradeceu a “transparencia” de Rueda e a Xunta.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.