Rueda busca espazo no ano sen debate de política xeral

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, chegando ao seu escano antes da sesión de control do pasado 14 de setembro, a primeira do novo período de sesións CC-BY-SA David Cabezón / Xunta

Nos primeiros días do mes, a dirección estatal do PP que encabeza Alberto Núñez Feijóo e a súa contorna avaliaron o acontecido na comparecencia de Pedro Sánchez no Senado sobre o plan de aforro enerxético, concibida mediaticamente como un cara a cara entre o presidente do Goberno de España e o líder conservador, como un encontro inxusto. O xefe do Executivo dispuña de tempo ilimitado e o antigo presidente da Xunta só dunha quenda de resposta de 15 minutos e outros 12 nos retruques, argumentaron como queixa ante o funcionamento ordinario da Cámara Alta.

O vindeiro martes, 27 de setembro, o sucesor de Feijóo na presidencia gozará dun formato moi semellante. Alfonso Rueda solicitou comparecer ante o Pleno do Parlamento para abordar un asunto inusual nos titulares do Goberno galego: "dar conta dos principais eixos e liñas estratéxicas dos orzamentos da Xunta de Galicia para o vindeiro ano 2023", segundo consta na solicitude formal. Como corresponde aos membros do Goberno no lexislativo galego -e no estatal-, Rueda poderá falar o tempo que queira en todas as quendas, mentres que a oposición terá que condensar as súas respostas en 10 minutos iniciais e réplicas de 5, como marca o Regulamento.

Ana Pontón, portavoz nacional do BNG, no pleno do Parlamento do pasado 14 de setembro, o primeiro do novo período de sesións © Parlamento

Alén dos tempos, o movemento do novo presidente resulta inusual polo feito de que o orzamento do ano vindeiro aínda está en elaboración e polo momento non foi aprobado. Serao en outubro, cando acto seguido será enviado pola Xunta ao Parlamento para a súa tramitación, que adoita liderar a persoa titular da Consellería de Facenda, actualmente Miguel Corgos.

Rueda protagonizará unha inusual comparecencia sobre as "liñas estratéxicas" dos vindeiros Orzamentos na que gozará dun formato moi semellante ao que tivo Pedro Sánchez recentemente no Senado e incomodou abertamente a Feijóo, moito máis cómodo para o presidente que un debate de política xeral

A comparecencia de Rueda chega no inicio do primeiro período de sesións no que é presidente da Xunta. Ofrécelle un escaparate para realizar os anuncios que considere oportunos tras apenas catro meses na presidencia, á que chegou con necesidade de maior proxección pública. E todo, con marxe reducida para a resposta dos grupos da oposición. A priori, cabe agardar promesas en clave económica, máis aínda despois de que o pasado venres, nun foro organizado por La Voz de Galicia e Abanca, avanzase a súa intención de duplicar a bonificación do imposto de patrimonio, que só atinxe ás rendas máis altas (superiores a 700.000 euros, excluída a vivenda habitual), do 25% aprobado por Feijóo ao 50%.

O formato é moito máis cómodo para o presidente que o debate de política xeral, a sesión anual popularmente coñecida como "debate do estado da autonomía" ou "da nación" que principia cun discurso do xefe do Goberno -igualmente sen límite de tempo- e continúa con intervencións máis amplas dos grupos parlamentarios (nos últimos anos fixáronse en 45 minutos) seguidas de réplicas e contrarréplicas. No de 2021, o que acabaría por ser o derradeiro con Feijóo na presidencia, a líder do principal grupo da oposición, Ana Pontón (BNG) aproveitou a súa quenda inicial para expoñer un bosquexo de programa de goberno e tentar facerse ver como alternativa para a presidencia, aposta que incomodou o PP e que, a priori, o faría en maior medida ante un novo presidente aínda en construción.

O secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, ás portas do hemiciclo xunto co portavoz parlamentario, Luis Álvarez, no inicio da investidura de Rueda, o pasado maio CC-BY-NC-SA PSdeG

Pontón, precisamente, foi quen nos últimos días reclamou a celebración dun debate de política xeral "para que o Parlamento aborde en profundidade a situación de crise que vive Galiza" no canto de "agocharse tras un debate trucado", coa oposición constrinxida e sen opción a presentar e votar propostas concretas. A aposta da líder soberanista pasa por volver facerse ver como potencial presidenta fronte a Rueda como plan b do PP, máis aínda tendo en conta que o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, non ten escano no Parlamento e que o voceiro socialista, Luis Álvarez, non será en ningún caso cartel electoral.

O Regulamento propicia que neste 2022 non se celebre o debate de política xeral que reclama Ana Pontón (BNG), quen aposta por facerse ver como alternativa na presidencia, e Rueda opta por unha comparecencia máis favorable á súa necesidade de proxección pública

Pero non haberá debate de política xeral en 2022. O Regulamento do Parlamento vixente dende 2015 establece que "non caberá celebrar este debate cando no mesmo ano a Cámara investise o presidente ou a presidenta da Xunta", un precepto concibido pensando nos anos electorais pero que neste caso rexe porque Rueda foi investido o pasado maio, dentro do mesmo exercicio. 

Teoricamente, cabería celebrar un debate semellante por acordo da Mesa do Parlamento (órgano reitor da Cámara) abrindo a man, por exemplo, para os tempos de intervención de BNG e PSdeG tras comparecer Rueda. Pero sería unha sesión absolutamente inusual que ademais prexudicaría os intereses do grupo que ostenta a maioría absoluta, o PP, e dun presidente necesitado de proxección pública e de marcar espazo de seu non só fronte a nacionalistas e socialistas, senón tamén ante a ampla sombra do seu antecesor e xefe de filas. 

Mostra disto último son, por exemplo, os numerosos eventos aos que leva acudido en clave de presentación ao país, moitos deles de contido turístico ou gastronómico. Ou aínda máis, se callar, o acto de autoafirmación que celebrou esta mesma semana reunindo a todos os altos cargos do seu Goberno, no que pediu unidade, avanzou diversas axudas e advertiu de que neste momento "non hai nada seguro".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.