Catro meses despois de suceder a Feijóo, o presidente da Xunta avanza medidas dos orzamentos do próximo ano e recibe os aplausos dos seus altos cargos nun evento semellante a un mitin organizado na Cidade da Cultura
O 20 de xuño de 2019, dous meses despois de perder o PP por primeira vez na historia unhas eleccións en Galicia, nas xerais, e un mes despois de facelo por segunda vez, nas europeas que seguiron, o daquela presidente Feijóo tentou retomar a iniciativa política a un ano das eleccións galegas organizando unha arenga pública a altos cargos do seu goberno nun auditorio da sede central da Xunta en San Caetano. Cun público similar, pero desta volta na Cidade da Cultura, este luns Alfonso Rueda organizou un acto semellante a medio camiño entre un mitin e unha rolda de prensa sen preguntas que presentou como un “encontro de todos os membros do Goberno galego sobre fitos, logros e obxectivos”, obviando que os membros do Goberno galego xa se encontran oficialmente todos os xoves nas reunións do Consello da Xunta.
O acto deste luns, retransmitido pola web da CRTVG, foi empregado por Rueda para avanzar ou reiterar algunhas medidas que incluirán os orzamentos da Xunta para o próximo ano, como a actualización segundo a inflación de diversas axudas públicas como a Renda de Inclusión Social (Risga). Tamén anunciou o aumento das axudas para materiais escolares de 50 a 75 euros por neno ou reiterou a súa promesa de que as familias con dous fillos serán tratadas a efectos da cota do imposto da renda que recada Galicia como se fosen familias numerosas.
O ton de Rueda na súa intervención estivo máis próximo ao dun mitin de partido que ao dunha comparecencia institucional, en parte semellante ao que podería ser un discurso de investidura ou nun debate de política xeral no Parlamento pero sen que neste caso a oposición tivese a oportunidade de replicarlle ou os medios de comunicación de formularlle preguntas, como si acontece tras as reunións semanais do seu Goberno.
Foi, daquela, un balance e avance de propostas o deste luns que vén encher o baleiro que haberá este ano no Parlamento de debate de política xeral, o coñecido tamén como debate sobre o estado da autonomía, celebrado por última vez con Feijóo á fronte no outono do pasado ano pero que non pode celebrarse no mesmo ano no que a Cámara investise un presidente, como fixo con Rueda o pasado maio.
Catro meses despois de tomar posesión como presidente, e tras unha axenda pública centrada neste tempo en darse a coñecer e co turismo e a gastronomía como principal foco amable das súas intervencións, este luns Rueda realizou unha intervención de autoafirmación interrompida en diversas ocasións polos aplausos dos seus conselleiros, conselleiras e altos cargos. A dous anos como máximo dunha nova cita coas urnas, e tras máis de 13 anos de goberno ininterrompido do PP, Rueda asegurou que a situación política e económica internacional fai que xa “practicamente non hai nada seguro”.
Porén, dixo sentirse “acompañado” polos seus altos cargos e amosouse convencido de que non fará só o “camiño” que lle queda por diante. Con esa compaña, dixo, chegará o “éxito”, sen deixar claro se será o éxito electoral do PP ou da Xunta como administración, aínda que advertindo aos seus de que “o pobo galego somos esixentes, inconformistas”.
Rueda anuncia axudas por 2,3 millóns de euros para material escolar o mesmo día que Abel Caballero ofrece o dobre para a compra de libros de texto, cuxa gratuidade a nivel galego anulou Feijóo en 2009
Entre as medidas anunciadas este luns polo presidente a propia Xunta salientou por riba das demais a actualización segundo a inflación das axudas de inclusión social e o incremento "con efectos inmediatos, nun 50% a axuda a compra de material escolar que perciben as familias máis vulnerables, cun investimento de 2,3 millóns de euros", o que suporá que pase de 50 a 75 euros por neno ou nena.
O aumento desa axuda chega despois de que a oposición de BNG e PSdeG e asociacións de nais e pais lembrasen e criticasen durante as últimas semanas a decisión de Feijóo en 2009 de suprimir a gratuidade dos libros de texto que implantara o goberno bipartito previo. E xusto este luns, e como contraposición á nova axuda que a propia Xunta cuantifica nun custo total de 2,3 millóns de euros, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, anunciou que o Concello destinará o dobre, 5,2 millóns de euros, para axudar con 205 euros a cada alumno para a compra de libros de texto.
Rueda tamén reiterou a súa promesa de que os orzamentos do próximo ano da Xunta equipararán as familias con dous fillos "coas familias numerosas a efectos de IRPF, ademais de novas bonificacións fiscais para os fogares con máis fillos", e asegurou que o Goberno galego "acometerá unha nova baixada no tramo máis baixo" dese imposto "que fará que Galicia teña a carga fiscal máis reducida de España para os fogares máis humildes".
O acto deste luns chega ao tempo que o Goberno galego está a organizar unha serie de visitas de Rueda, acompañado polos seus delegados territoriais, ás principais cidades galegas, ningunha das cales goberna o PP e que supoñen o obxectivo electoral máis inmediato para os populares cos comicios locais do próximo mes de maio.