A pobreza existe e ao noso redor, nas nosas cidades e vilas, nos nosos barrios e parroquias, mesmo na nosa mesma rúa ou no noso mesmo edificio hai persoas con verdadeiras dificultades para chegar a final de mes ou para facer fronte aos máis básicos gastos de alimentación, alugueiro ou luz e calefacción. Esta mesma semana UGT-Galicia publicaba un informe que denunciaba que case 700.000 persoas están en en risco de pobreza e
exclusión social no país, a cuarta parte da poboación galega. Ademais, o 13% da poboación galega non se pode permitir manter a vivenda a unha temperatura adecuada, unha situación que se agrava nun contexto de subas do prezo da electricidade ou dos alugueiros.
Máis de seis de cada dez perceptoras son mulleres
Unha parte destas persoas deben recorrer ás axudas sociais para sobrevivir. Porén, o pasado ano o número de axudas da RISGA concedidas pola Xunta descendeu un 20%, a pesar do incremento das solicitudes. Así mesmo, a incompatibilidade entre a Risga e o IMV, debido á falta de actualización da lei galega de inclusión por parte da Xunta, dificultou a posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital en Galicia. A consecuencia é que o IMV só chega ao 11% das persoas en risco de pobreza en Galicia, con peores datos que a media do Estado.
No ano 2013 un 58% tiña menos de 45 anos, unha porcentaxe que hoxe rolda o 35%. En paralelo, foi incrementándose a porcentaxe de perceptores por riba dos 55 anos, que se duplicou, pasando do 17% ao 35%
O Informe sobre a aplicación e avaliación da Lei de inclusión social de Galicia correspondente ao ano 2021 debulla estes datos e ofrece tamén información sobre as características das persoas que reciben as axudas da RISGA. Entre as persoas perceptoras, as mulleres son maioría, entre 45 e 64 anos, cons estudos primarios e residentes nas sete grandes cidades, principalmente pagando un alugueiro en pisos. A comparación cos datos dos anos anteriores permite trazar unha evolución deste perfil, no que se produciron algún cambios significativos.
Así, por exemplo, a media de idade das persoas beneficiarias desta axuda foi incrementándose nos últimos anos. No ano 2013 un 58% tiña menos de 45 anos, unha porcentaxe que hoxe rolda o 35%. En paralelo, foi incrementándose a porcentaxe de perceptores por riba dos 55 anos, que se duplicou, pasando do 17% ao 35%. Non houbo cambios, iso si, no sexo das persoas beneficiarias, entre as que as mulleres veñen sendo, exercicio tras exercicio, ao redor do 60% do total, un 61,1% no ano 2021.
Das 7.211 axudas concedidas, case un 30% corresponden en exclusiva á cidade de Vigo, que suma 2.099 persoas beneficiarias
A poboación que percibe a RISGA é maioritariamente urbana, pois o 57% reside nalgunha das sete cidades galegas, unha porcentaxe en ascenso. Ademais, outro 16% vive en grandes vilas, entre 20 e 50 mil habitantes. Pola contra, as perceptoras da RISGA que habitan en concellos de menos de 10 mil habitantes reduciuse ata o 14% do total.
De feito, das 7.211 axudas concedidas, case un 30% corresponden en exclusiva á cidade de Vigo, que suma 2.099 persoas beneficiarias. Outro 10% corresponden á cidade da Coruña (700). Ourense (440) e Lugo (384) son os seguintes concellos con máis persoas perceptoras.
A maior parte das persoas que reciben unha RISGA contan con estudos Primarios completos, o 53%, unha porcentaxe que foi medrando nos últimos anos, dende o 44% de 2013
En canto ao seu nivel de estudos, a maior parte das persoas que reciben unha RISGA contan con estudos Primarios completos, o 53%, unha porcentaxe que foi medrando nos últimos anos, dende o 44% de 2013. En cambio, as persoas analfabetas son cada vez menos (1,4% no ano 2021) e as que non chegaron a completar a Primaria tamén van descendendo, pasando do 40% ao 33% nos últimos oito anos. Mantense estable, en cambio, a porcentaxe de persoas con estudos secundarios (8,1%) ou superiores (2,6%), sumando entre o 9% e o 11% nos últimos anos.
A maior parte das persoas que reciben a RISGA pagan un alugueiro (48%) e habitan sobre todo en pisos (63%)
A maior parte das persoas que reciben a RISGA pagan un alugueiro (48%) e habitan sobre todo en pisos (63%). Esta porcentaxe diminuíu nos últimos cinco anos, ao tempo que medraba a porcentaxe de persoas que viven en aloxamentos "precarios", do 15,8% ao 17,5%. A proporción de persoas que residen en vivendas da súa propiedade mantense estable no 11%, o mesmo que a cifra de persoas sen fogar, ao redor do 4%.
O 50% viven soas e o 36%, en familia
Unha característica común a unha parte importante das persoas que reciben a RISGA é que viven soas, chegando ao 50,4% no ano 2021, cunha tendencia de ascenso, dende o 38% de 2013. Outra parte significativa, ao redor do 36% vive en familia, tanto en tipoloxías de familia nuclear (cos seus fillos e fillas) ou ampla (con outros parentes). As parellas sen fillos representan unicamente o 6%.
UGT reclama "preservar o poder de compra dos salarios e acometer por parte das administracións políticas sociais ambiciosas que garantan non quede ninguén atrás"
No informe publicado hai uns días, UGT-Galicia subliñaba que "cunha inflación desbocada que fai o día a día moi difícil para moitas familias só hai dúas vías de traballo para afrontar a recuperación en termos de equidade e xustiza para o conxunto da poboación", destacando que se debe "preservar o poder de compra dos salarios e acometer por parte das administracións políticas sociais ambiciosas que garantan non quede ninguén atrás".
O sindicato concluía que "como sociedade, non podemos conformarnos con que a cuarta parte da poboación viva en risco de exclusión social ou pobreza, mentres as empresas de sectores enerxéticos e doutros aumentan os seus beneficios e especulan cos prezos" e incidía na necesidade de "medrar salarios, incrementar o SMI, actualizar as pensións, fortalecer o escudo social e actuar ante o comportamento especulativo de determinados sectores e empresas".