BNG e PSdeG esixen que a Xunta repoña a Tarxeta Básica de alimentos e Rueda reafírmase na cancelación

Olalla Rodil, en rolda de prensa; Formoso, na Executiva Nacional do PSdeG deste 2 de xullo, e Rueda con Feijóo, na festa-mitin do PP no Pino CC-BY-NC-SA BNG | PSdeG | PP

A cancelación da Tarxeta Básica non ten marcha atrás. Esta semana, o Goberno galego confirmou que suprime a axuda para a compra de alimentos e outros produtos de primeira necesidade que creou durante a pandemia, concibida como unha vía para fornecer de comida ou elementos de hixiene a persoas en situación de pobreza mentres non tiñan acceso ao Ingreso Mínimo Vital do Estado ou á Renda de Inclusión Social da Xunta (Risga).

Rodil (BNG) reclama que a Tarxeta Básica sexa permanente como "ponte" para persoas que agardan pola Risga ou o IMV e que a Xunta a combine cun "plan de rescate" para afrontar a inflación

A tarxeta, de entre 150 e 300 euros ao mes en función do número de membros da unidade familiar, chegou segundo a Xunta a case 60.000 persoas durante o seu primeiro ano de vixencia e foi prorrogada sucesivamente dende o verán de 2020 ata agora, cando o presidente Alfonso Rueda ratificou a súa fin. Este sábado tanto o BNG coma o PSdeG esixiron ao Goberno galego que recúe e manteña a axuda, pero o presidente da Xunta reafirmouse na cancelación.

Rueda, con Feijóo e Diego Calvo este 2 de xullo na festa-mitin organizada polo PP no Pino CC-BY-SA PPdeG

A vicevoceira do Bloque no Parlamento, Olalla Rodil, reclama "ao Goberno galego e ao PP que empaticen, que teñan a sensibilidade que é necesaria nun momento coma o actual" e "rectifiquen" a supresión da Tarxeta Básica. Na liña que vén defendendo nos últimos meses, o BNG coida que esta prestación debe deixar de ser temporal e suxeita a prórrogas para converterse nunha axuda "permanente" para as persoas que se atopan á espera de acceder a axudas como a Risga ou o IMV. 

Formoso (PSdeG) lamenta que, coa cancelación da axuda, a Xunta vaia "no senso contrario" das necesidades da poboación con menos recursos "nun momento de prezos disparados"

"É absolutamente inadmisible que, nunha crise como a que estamos a vivir, a Xunta deixe sen efecto a única medida de emerxencia que tiña, deixando milleiros de persoas tiradas", defende Rodil. Xunto á reposición da Tarxeta Básica, agrega, o Bloque reclama da Xunta un "plan de rescate para a poboación máis afectada pola crise de prezos", que vaia dende o incremento da propia Risga a outras axudas, como as destinadas a afrontar ao pagamento da vivenda.

Tamén o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, censura a anulación da Tarxeta básica e reclama a Rueda que rectifique. No marco da reunión da Executiva Nacional da formación, Formoso considerou que a cancelación deste bono de alimentos"vai no senso contrario" das necesidades da poboación con menos recursos "nun momento de prezos disparados". "Lonxe de ampliar a súa cobertura, suprime as axudas básicas", lamenta.

Información sobre a Tarxeta Básica no web creado pola Xunta ao efecto (consultado este 2 de xullo de 2022) CC-BY-NC-SA Praza.gal

Rueda defende que a Tarxeta Básica foi creada durante a pandemia, "cando non había mobilidade nin posibilidade de traballar" pero que agora "a excepcionalidade xa non está" e por iso "se suprime esa axuda"

Fronte a estas reclamacións da oposición, o presidente Rueda mantén que non haberá marcha atrás. Na liña do expresado o pasado xoves, o titular do Goberno galego respondía este sábado aos xornalistas durante unha visita ao Clínico de Santiago que "xa non existe" a "razón" pola que foi creada a axuda durante a pandemia, cando "non había mobilidade" nin "posibilidade de traballar" e "xerar ingresos". "A excepcionalidade xa non está e esa é a razón de que se suprima esa axuda", defende Rueda, a cuxo xuízo aínda que a situación actual é "difícil", é posible "traballar" se "hai postos de traballo". Ademais, agrega, existen outras axudas da Xunta para persoas en situación "complicada".

Rueda facía estas declaracións escasas horas antes de acudir a unha festa-mitin do PP no Pino xunto ao líder do partido, o ex-presidente Alberto Núñez Feijóo. Alí, Feijóo instou a Pedro Sánchez a tomar medidas para paliar os efectos da inflación das rendas "medias e baixas" porque "non podemos chegar a fin de mes miles, millóns de familias", proclamou, ademais de agregar que o PP "se debe" ás rendas baixas. Ante o seu xefe de filas, Rueda comprometeuse a seguir "reclamando o que teña que reclamar" para Galicia ante o Goberno de España.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.