Unha de cada cinco persoas en Galicia (o 20,2%) está en situación de risco de pobreza, é dicir vive en fogares cuxos ingresos económicos se sitúan por debaixo do 60% da mediada de renda no país. De igual xeito, unha de cada catro persoas (o 25,2%) atópase en risco de exclusión social, un indicador que ademais da renda ten en conta outros elementos como a carencia material de determinados conceptos ou o feito de vivir nun fogar no que os seus integrantes non teñen emprego.
Unha de cada cinco persoas en Galicia (o 20,2%) está en situación de risco de pobreza, é dicir vive en fogares cuxos ingresos económicos se sitúan por debaixo do 60% da mediada de renda no país. De igual xeito, unha de cada catro persoas (o 25,2%) atópase en risco de exclusión social
Os datos achegados pola Enquisa de Condicións de Vida do ano 2021, publicada esta semana polo INE, que amosa unha pequena mellora nos indicadores galegos, con respecto ao pasado ano, cando a poboación en risco de pobreza era o 22,1% (o dato máis elevado na última década) e a poboación en situación de exclusión social era o 25,3%. Neste último caso cómpre ter en conta que a metodoloxía empregada para medir este indicador variou lixeiramente no último ano. Os datos galegos de pobreza e exclusión son lixeiramente máis baixos que a media do conxunto do Estado (21,7% e 27,8%), despois de que no ano 2020 a taxa de risco de pobreza superase á española por primeira vez na última década.
Medio millón de persoas viven por debaixo do limiar da pobreza e 675.000 están en situación de exclusión social
Aínda que os datos mellorasen no ano 2021, estes volven indicar que máis de medio millón de persoas en Galicia seguen a vivir por debaixo do limiar da pobreza e que unhas 675.000 se atopan en situación de exclusión social, indicadores que practicamente non variaron na última década e que cada vez afectan máis a poboación máis nova.
Os datos do INE amosan que o pagamento da factura da luz supuxo un gasto medio de 797 euros por fogar en Galicia no ano 2021, a cifra máis alta da serie histórica e case 70 euros máis que no ano 2020
Os indicadores da Enquisa de Condicións de Vida do ano 2021 recollen só unha parte moi pequena dos efectos da suba de prezos que se vén experimentando dende a segunda metade do pasado ano. Neses últimos meses do ano 2021 os prezos da electricidade comezaron a dispararse, o que elevou o IPC, pero a suba aínda non afectaba por exemplo aos combustibles, como vén sucedendo dende o inicio da Guerra de Ucraína, e tampouco se trasladaran a outros elementos que dependen en gran maneira do transporte, comezando pola alimentación.
Con todo, nos indicadores publicados esta semana xa se comeza a advertir o efecto que para moitas familias tivo o encarecemento da electricidade. Os datos do INE amosan que o pagamento da factura da luz supuxo un gasto medio de 797 euros por fogar en Galicia no ano 2021, a cifra máis alta da serie histórica e case 70 euros máis que no ano 2020. O gasto en electricidade pasou de supor o 1,46% da renda media anual dos fogares galegos no 2006 a ser xa o 2,88% no 2021, practicamente o dobre.
No 2021 disparouse o número de persoas que afirman que non se poden permitir manter as súas casas a unha "temperatura adecuada", pasando do 6,2% de 2019 ao 13,1% no último ano
En consecuencia, no ano 2021 disparouse o número de persoas que afirman que non se poden permitir manter as súas casas a unha "temperatura adecuada", pasando do 6,2% de 2019 ao 9,6% de 2020 e, finalmente, ao 13,1% de 2021. A pobreza enerxética convértese así nunha das principais factores de "carencia severa", por diante da imposibilidade de "comer carne, polo ou peixe cando menos dous días á semana" (2,1%).
Fóra do maior gasto en electricidade e dos prexuízos que isto ten para moitas persoas, a maior parte do resto dos indicadores melloraron en 2021. Aínda así o 37% dos galegos e galegas afirman que non se poden permitir marchar de vacacións cando menos unha semana ao ano e un 24,7% di que non se pode permitir "afrontar gastos imprevistos".
Dende o 2006 o gasto en vivenda, electricidade, gas e combustible aumentou un 55%
A Enquisa de Orzamentos Familiares correspondente ao ano 2021, publicada tamén polo INE hai uns días reflicte igualmente o incremento dos gastos en vivenda (alugueiro e outros), electricidade e combustibles. Con respecto ao ano 2006, que se toma como base, este capítulo aumentou un 55,5%, só igualado pola sanidade e por por diante do incremento do gasto en alimentación, ensino e comunicacións.
No 2020 caeron os gastos en restaurantes e hoteis (-37%) vestido e calzado (-33%) e transporte (-27%), mentres que aumentou en bebidas alcólicas (+22%) e alimentos (+10%)
Os anos 2020 e 2021 foron singulares neste senso. A pandemia provocou grandes cambios no tipo de gastos que a poboación fixo ou deixou de facer. Así, no ano 2020 (no que o gasto xeral descendeu un 7%) caeron sobre todo os gastos en restaurantes e hoteis (-37%) vestido e calzado (-33%) e transporte (-27%), mentres que aumentou o gasto en bebidas alcólicas (+22%) e alimentos (+10%), probablemente por ter pasado máis tempo a poboación no interior dos fogares.
En cambio, no 2021 o efecto foi o contrario. Cun aumento xeral do gasto do 14%, disparouse o desembolso en transporte (+36%), restauración e hoteis (+31%), vestido e calzado (+22%), ocio e cultura (+18%), mobles (+17%), alimentos (+14%) e descendeu o gasto en bebidas alcólicas (-14%).
No 2021 disparouse o desembolso en transporte (+36%), restauración e hoteis (+31%), vestido e calzado (+22%), ocio e cultura (+18%), mobles (+17%), alimentos (+14%) e descendeu o gasto en bebidas alcólicas (-14%).
Malia a mellora dos datos xerais de pobreza e exclusión, no 2021 descendeu a renda media dos fogares galegos, que pasou de 27.862 a 27.698 euros e mantense case tres mil euros por debaixo da media española. O dato galego, que entre 2013 e 2016 se situou moi preto da media do Estado, afástase dende entón do indicador español. Ademais, a renda media por fogar segue por debaixo da que se rexistraba no ano 2010, antes de que se sentisen os peores efectos da Gran Recesión.
No 2021 descendeu a renda dos fogares galegos, que se mantén case tres mil euros por debaixo da media española
O mesmo sucede coa renda media por habitante, que tamén descendeu lixeiramente no ano 2021, a pesar do descenso no número de persoas residentes en Galicia. Nese indicador, que en 2014 amosaba datos moi semellantes para Galicia e o conxunto do Estado, tamén se voveu abrir unha fenda nos últimos anos e Galicia sitúase case mil euros por debaixo da media.