Tan só dende o mes de xaneiro os prezos dos alimentos aumentaron un 7,9% en Galicia, moi por riba do incremento da electricidade, gas e combustibles no que levamos de ano (+3,7%)
Os prezos seguen a subir en Galicia, nun contexto de alza en toda Europa ligada en parte á guerra en Ucraína e á decisión de interromper o comercio con Rusia. Os datos do IPC correspondentes ao mes de maio seguen a roldar o 10%, cun incremento superior á media do Estado español. Ata agora destacouse sobre todo o encarecemento da electricidade (iniciado hai xa un ano) e dos combustibles, que acumulan unha suba que se achega ao 40% no último ano. Porén, o aumento da inflación está xa impactando de forma moi importante sobre a alimentación e a compra de produtos básicos.
Nos últimos 12 meses os produtos de alimentación encarecéronse un 11,2%, a mesma porcentaxe que no conxunto de España. Tan só dende o mes de xaneiro os prezos dos alimentos aumentaron un 7,9% en Galicia, moi por riba do incremento da electricidade, gas e combustibles no que levamos de ano (+3,7%), cun impacto mitigado debido ás medidas e bonificacións postas en marcha polo Goberno central.
Servizos turísticos, transportes e aestauración están entre os grupos que máis se encarecen, xunto cos alimentos, combustibles e electricidade
En termos interanuais o aumento dos prezos dos produtos enerxéticos segue sendo moi superior, iso si, debido ás subas que se produciron no segundo semestre do ano 2021. Xunto con eles e coa alimentación, os prezos da restauración e dos comedores (+7% nos últimos doce meses), os servizos turísticos, comezando polo aloxamento vacacional (+14,5%), e tamén os transportes (+15%) encabezan as subas.
O aceite encareceuse un 42% no último ano e os ovos un 32,4%
Dentro da alimentación hai grandes variacións na evolución seguidas por uns e outros grupos e produtos. Algún vense máis afectados pola redución das importacións de cereais de Rusia e Ucraína ou polo encarecemento dos combustibles e do transporte. Noutros casos o impacto é menor e os prezos só experimentan unha leve alza.
Así, o aceite encareceuse un 42% no último ano e os ovos (moi dependentes das importacións de cereais) un 32,4%. Nos últimos cincos meses os prezos de aceites e ovos medraron un 27% e un 25% respectivamente.
Leite (+15,3%), cereais (+14,7%), polo (11,4%), pan (11,9%) ou as froitas (9,8%) son algúns dos alimentos básicos que máis aumentan
Outros produtos básicos tamén se encarecen de forma moi notable. Por exemplo, o leite (+15,3% en termos interanuais, +9,9% dende xaneiro), os cereais (+14,7% e +8,9%), o peixe fresco (+12,6% e +4,4%), os preparados de legumes e hortalizas (+12,3% e +11,9%) ou o pan (+11,9% e +8%). Tamén se encarecen de forma moi importante as carnes, especialmente o polo (+11,4% dende maio de 2021 e +8,1% dende xaneiro), pero tamén o cordeiro (+10,7%), a tenreira (+9,1%) e en menor medida o porco (+3,9%).
Froitas frescas (+9,8%) e legumes e hortalizas frescas (+5,6%) tamén aumentan moito, uníndose a un efecto xeral na maior parte dos produtos que conforman a cesta da compra, coa única excepción das patacas, que mesmo baixan o seu prezo no último ano (-0,3%)
As subas dos cereais e dos transportes teñen un impacto moi importante sobre o prezo dos alimentos
Trátase do meirande incremento experimentado polos alimentos nas últimas décadas, máis que duplicando o anterior máximo dos últimos 20 anos, que se acadara no ano 2013, con subas anuais próximas ao 5%. O encarecemento dos alimentos (+11,2%) supera xa o dato xeral da inflación e ameaza con manter un nivel elevado do IPC nos vindeiros meses.
Nos últimos días a OCDE elevou ata o 8,1% a previsión de inflación para o Estado español no conxunto do ano 2022, mentres que o Banco de España a sitúa no 7,2%, apenas dous puntos por debaixo do nivel actual.