Rueda xustifica a supresión da denominada Tarxeta Básica de ata 300 euros mensuais por familia co argumento de que foi creada para unha “situación excepcional que agora mesmo non hai”
No verán de 2020, ao tempo que o Goberno de España aprobaba o ingreso mínimo vital (IMV), Alberto Núñez Feijóo puxo en marcha a denominada Tarxeta Básica, unha tarxeta precargada para a compra de alimentos e produtos de hixiene. Presentouna como unha solución temporal coa que facer fronte aos problemas que a pandemia da COVID engadiu ás familias máis necesitadas.
Ía funcionar durante tres meses, mentres as persoas receptoras non tivesen acceso ao IMV do Estado ou á Risga da Xunta. Porén, o Goberno galego foina prorrogando sucesivamente. Ata agora.
Este xoves o presidente Rueda confirmou que a derradeira prórroga aprobada pola Xunta, para os primeiros seis meses deste ano, será a derradeira e a Tarxeta Básica desaparecerá. Foi, dixo, “unha medida excepcional adoptada durante a pandemia” para unha “situación excepcional que agora mesmo afortunadamente non hai”. Unha xustificación que lanza ao tempo que el mesmo vén criticando ao Goberno de España polas súas medidas contra a crise, que considera “insuficientes”. “A xente necesita medidas urxentes”, chegou a dicir Rueda o pasado sábado.
Segundo a Xunta, no seu primeiro ano en funcionamento a Tarxeta Básica beneficiou "máis de 55.000 persoas" cun desembolso de 31 millóns
A Tarxeta Básica foi deseñada como unha tarxeta precargada con entre 150 euros ao mes no caso das familias unipersoais e 300 para as de tres membros. A Xunta xestionouna a través da Cruz Vermella e dos servizos sociais dos concellos, e segundo o balance que fixo do seu primeiro ano en funcionamento emitíronse 40.000 que axudaron a “máis de 55.000 persoas” cun desembolso por parte da Administración de 31 millóns de euros.
Segundo a última cifra actualizada na súa web, esas cifras do primeiro ano seguiron aumentando no segundo ano en funcionamento, ata un total de 58.000 tarxetas emitidas.
“Non quere dicir que non continúen outras medidas de apoio, sobre todo no eido da inclusión social, como a Risga", di Rueda, mentres a Xunta leva dous anos sen adaptar a súa renda ao ingreso mínimo vital, o que dá problemas aos perceptores
Ante o remate agora da última das prórrogas da Tarxeta Básica, Rueda argumenta que foi pensada para unha situación na que “moita xente” non podía traballar polas restricións da pandemia. E asegura que a súa desaparición “non quere dicir que non continúen en vigor outras moitas medidas de apoio da Xunta, sobre todo no eido da inclusión social, como a Risga ou o bono social térmico” para pagar facturas enerxéticas. Porén, dous anos despois a Xunta segue sen adaptar a súa lei de inclusión para que desaparezan os problemas e incompatibilidades entre a Risga galega e o IMV estatal.