Un xulgado salienta que a devolución do xa cobrado só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación, pero que se o cidadán avisa de que obtivo outro ingreso Política Social só pode compensar a diferencia en futuras prestacións
Case dous anos despois de que o Estado crease o Ingreso Mínimo Vital (IMV) a Xunta segue sen adaptar a Lei de inclusión social de Galicia de 2013 que estableceu que a Renda de Integración Social de Galicia (Risga) é incompatible con outras prestacións similares. Á espera de que se establezan os graos de compatibilidade, a Consellería de Política Social vén reclamando ás persoas que obteñen o IMV e que xa tiñan a Risga que lle devolvan o que cobraron desta última, poñendo así en máis dificultades a persoas en situación vulnerable que en ocasións xa destinaron os cartos a pagar débedas.
Agora un xulgado do Contencioso-Administrativo de Vigo, nunha sentenza divulgada polo Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia, vén de anular a reclamación que Política Social fixo a un cidadán para que lle devolvese 4.500 euros que cobrara da Risga tras obter tamén o IMV. A sentenza salienta que a devolución do xa cobrado, segundo establece a aínda non reformada lei galega, só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación, pero que se o cidadán avisa de que obtivo outro ingreso, como foi o caso, Política Social só pode compensar a diferenza en futuras prestacións.
No caso agora analizado polo xulgado de Vigo, o cidadán en cuestión tiña a Risga concedida desde 2018. En abril de 2021 recoñecéronlle o IMV e comunicouno a unha traballadora social do Concello de Vigo, que o traslado á Xunta. Política Social revisou de oficio a Risga do home, extinguiulle o dereito por incompatibilidade con outros ingresos e reclamoulle algo máis de 4.500 euros. É a suma recibida pola Risga entre xullo de 2020 e maio de 2021, as datas en que se lle recoñeceu o IMV con efecto retroactivo por parte do Estado e que a propia Xunta foi coñecedora da duplicidade de rendas, malia que a propia sentenza di que “o primeiro mes en que recibiu cantidade algunha” do IMV foi “en maio de 2021” e que “ata daquela, só percibira ingresos procedentes da Risga”.
A sentenza recoñece que tal e como está redactada a lei galega de 2013 a Risga é incompatible co IMV. Pero salienta que esa mesma redacción establece que o procedemento para que os afectados reintegren as contías duplicadas é outro e non o reintegro que reclama a Xunta. A lei, lembra o xuíz, só prevé o reintegro das contías indebidamente percibidas “cando a extinción se deba á apreciación de ocultación ou falseamento dos datos ou calquera outra actuación fraudulenta”. E neste caso “a causa última pola que se decidiu a extinción non descansaba na consideración dunha intención defraudadora por parte do beneficiario” senón só incompatibilidade das dúas rendas.
O propio xuíz salienta que “é evidente que o demandante non ocultou nin falseou ningún dato; non incumpriu as súas obrigas con relación á percepción da Risga”. “Cando solicitou o outorgamento do IMV, loxicamente descoñecía se se lle concedería, a contía que se lle recoñecería e a data de efectividade”, di a sentenza, e engade que “inmediatamente que tivo noticia” da obtención do IMV “comunicouno responsablemente aos servizos sociais”. Tamén reprocha que posteriormente a Xunta “no procedemento administrativo de revisión omitiuse o trámite de audiencia do interesado”.
O Colexio de Educadoras e Educadores Sociais critica que o que está a ocorrer neste e noutros moitos casos é “consecuencia nada máis que da falta de coordinación entre a administración autonómica e a estatal”
A sentenza conclúe que “non resulta procedente” o mecanismo empregado por Política Social para pedirlle o reintegro do que cobrou da Risga. O que pode facer a Xunta, matiza o xuíz, é aplicar outro mecanismo de compensación con cargo a prestacións futuras, que para as persoas afectadas resultaría máis asumible que ter que reintegrar de golpe prestacións que en moitos casos xa gastaron.
Ante esta sentenza o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia critica que as reclamacións dos “cobros indebidos” é “consecuencia nada máis que da falta de coordinación entre a administración autonómica e a estatal”. Unha práctica que, din, “atenta contra os dereitos sociais de persoas en situación de vulnerabilidade”. Desde o colexio inciden “no desenvolvemento de políticas sociais que garantan o sistema de protección social, a carón da cidadanía, para salvagardar o seu benestar e dignidade”.