En xuño de 2020, o Goberno de España aprobou o Ingreso Mínimo Vital (IMV). Ao lanzar a nova prestación -lastrada nos seu primeiro ano de andaina por demoradas tramitacións que limitan o seu alcance-, os ministerios de Dereitos Sociais e Inclusión subliñaron que o IMV fora concibido para ser compatible coas rendas mínimas e de inclusión que funcionaban dende décadas atrás nas comunidades autónomas. No caso galego, esa prestación é a Renda de Inclusión Social (Risga), existente dende 1991 e que non é compatible co IMV porque, aínda que a lexislación estatal si o contempla, a lei de inclusión galega do ano 2013 impídeo.
Dende a propia aprobación do IMV, foron diversas as reclamacións de entidades sociais e da oposición parlamentaria para que a Xunta seguise a senda doutras autonomías -caso de Canarias- e aprobase con celeridade a reforma precisa para facelo compatible coa Risga. Pero esa rapidez non existiu. No intervalo, a Consellería de Política Social reclamou a devolución de miles de euros cobrados pola Risga a persoas sen recursos que tiñan o IMV concedido e o cobraron retroactivamente tras meses de espera.
A pasada primavera, Política Social accedeu a paliar estas devolucións mediante aprazamentos e condonacións parciais. Mentres, anunciaba que non sería ata finais de ano cando abordaría a reforma da lei de inclusión. O departamento que dirixe Fabiola García vén de lanzar a reforma, pero nun proceso moi inicial: unha consulta pública aberta dende este 30 de setembro e ata o 14 de outubro no que bosquexa cales son as intencións da modificación. En esencia, adaptar a Risga ao IMV sen explicitar se contempla ou non facer compatibles ambas prestacións.
Tras máis dun ano de espera, durante o cal a Xunta reclamou miles de euros a persoas sen recursos que percibían a Risga e accederon ao IMV, Política Social lanza a reforma da lei de inclusión para introducir "melloras na xestión" das prestacións e achegar "seguridade xurídica", pero sen aclarar se prevé que sexan compatibles, como prevía o Estado
No breve texto que a Xunta fixo público, Política Social explica que a aprobación do IMV "obriga a clarificar e achegar seguridade xurídica á coexistencia de prestacións cuxos obxectos de concesión son, en moitos casos, recorrentes". Tamén, agrega, é preciso "establecer apoios nos proceso de inclusión social e laboral das persoas beneficiarias do IMV" e "simplificar e axilizar a xestión da Risga" e doutras prestacións como as Axudas de Inclusión (AIS). Trátase, agrega, de adecuar a lei ao "novo contexto" e "evitar duplicidades".
Deste xeito, o Goberno galego explicita que vai reformar a lei de inclusión social e tamén o decreto que, dende 2019 -con cinco anos de atraso sobre o previsto na propia lei galega- regula especificamente a Risga. Todo, para "adaptalas" á existencia do IMV e inserir "melloras na xestión" da Risga e das AIS.
Fica por saber, daquela, se a intención política do Goberno galego é que as persoas sen recursos poidan acceder a ambas prestacións ou teñan que seguir optando por só unha delas. Tampouco ofreceu pistas neste sentido a propia conselleira ao ser cuestionada, durante os pasados meses, a respecto das devanditas devolucións, das que culpou ao Goberno de España en xeral e ao ex-vicepresidente Pablo Iglesias en particular. No entanto, o Ministerio de Inclusión sinalaba o pasado maio que a Xunta rexeitara todas as vías que lle propuxo para que as beneficiarias da IMV non tivesen que devolver cartos.