Non sempre é doado identificar o punto exacto en que algo rompe. As máis das veces, é a acumulación de presión a que remata por causar a quebra, sen que a causa circunstancial deba cargar con todo o peso das culpas. Pódese dicir que choveu sobre mollado. Na resposta social á pandemia aconteceu algo semellante. Sendo unha situación sobrevida e imprevista e o suficientemente grave para afectar a todos os aspectos da vida cotiá de forma prolongada, o certo é que veu evidenciar as carencias na atención e na intervención social a todos os niveis. Como unha marea que sobe levando todo o que atopa no camiño, a pandemia deixou ao descuberto, como unha ferida na pel, a falta de preparación e as debilidades crónicas que, en última instancia, entorpeceron a actuación destinada a minorar as consecuencias sociais.
A pandemia non creou os problemas nos servizos sociais. Porén, agravounos e fíxoos visibles
A pandemia non creou os problemas nos servizos sociais. Porén, agravounos e fíxoos visibles. Pero xa antes existían situacións denunciables e moitas voces se alzaban para situalas na axenda pública. Atrasos na atención primaria, coa conseguinte cronificación de casos, burocratización, vulnerabilidade... Son palabras que son ben recoñecibles polas traballadoras e traballadores sociais. A maioría das veces son estas e estes profesionais quen denuncian a situación. Outras, non menos numerosas quen se ven na obriga de dar a cara ante as eivas administrativas. As consecuencias dos problemas nos servizos sociais páganas as persoas usuarias. Pero as causas deses problemas repercuten, á vez, sobre o persoal profesional do Traballo Social.
Os problemas non se acoutan a certos sectores. En todos os ámbitos onde o Traballo Social, como profesión orientada ao desenvolvemento social e ao apoderamento das persoas, actúa, os problemas son o suficientemente comúns para que as causas sexan tamén homologables.
Antonio é traballador social no ámbito sanitario. No contexto dunha pandemia, quere dicir o mesmo que estar ao pé do canón. Neste eido, o Traballo Social ten que ver coa intervención e o apoio familiar, a atención residencial ou a prevención e inclusión social. Lembra como as e os traballadores sociais sanitarios se situaron, dende o comezo da pandemia, en primeira liña de resposta, con “xornadas interminables, impotencia e falta de medios para a intervención social”, salienta. A acumulación de casos sen contar con máis medios nin persoal só pode afrontarse deixando de lado a vida persoal: “prolongar a xornada laboral é unha práctica moi habitual ante a carga de traballo”, explica, sen que na maior parte dos casos exista unha compensación económica.
A crise de 2008 xa incrementara notablemente o número de persoas ás que atender sen que se aumentase o número de membros nos equipos
Pola súa banda, Nuria traballa en Inclusión no Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, integrado pola Xunta, máis de 280 concellos galegos e varias mancomunidades. As protestas pola precariedade laboral no Consorcio son frecuentes, acumulándose xa varias xornadas de folga ante a situación de temporalidade nos contratos. Os equipos de Inclusión social do Consorcio botaron a andar no ano 2008 e, dende aquela, denuncia Nuria, “vimos sufrindo dificultades”. A traballadora social rememora un comezo “dende 0” onde foi preciso armar o traballo sobre recursos limitados “e chegando a áreas afastadas onde a exclusión social se suma á territorial”. Lembra que xa en 2009 se produciu “unha tentativa de desmantelamento dos servizos prestados, coa redución de persoal e servizos”. Naquel momento programas como Igualdade, Familia e Menores foron abolidos sen alternativa.
Novamente, a desproporción entre volume de traballo e número de profesionais aflora na conversa. A crise económica de 2008 incrementou notablemente o número de persoas ás que atender, sen que se aumentase o número de membros nos equipos. A carga laboral, como acontecía no caso das e dos traballadores sociais sanitarios, medraba e desbordaba o tempo acoutado. A esta situación súmase o feito de que, ao prestar servizo en amplas áreas xeográficas, os desprazamentos sexan constantes e se dificulte o servizo de proximidade e acompañamento social.
O vínculo entre a persoa usuaria e a profesional do Traballo Social
Porque “acompañamento” é unha palabra que sempre aparece na conversa coas persoas profesionais do Traballo Social. Cando a administración lles reclama ser certificadores de carencias, lembran que o seu papel non é ese. O vínculo entre traballadora ou traballador social e persoa usuaria dos servizos debería estar por riba de calquera outra consideración. A intervención social require confianza e coñecemento. Non sempre son temas doados de comentar para as persoas usuarias. Quen se achega a unha oficina de servizos sociais procura empatía, pero tamén vence un muro: o da estigmatización.
Quen se achega a unha oficina de servizos sociais procura empatía, pero tamén vence un muro: o da estigmatización
Emma, traballadora social en servizos sociais comunitarios, salienta que “como en todas as profesións, a todas as persoas nos gusta que nos atenda a mesma persoa de referencia”. “Hai un vínculo entre ambas persoas, porque se tratan temas íntimos e delicados que van repercutir na familia e na contorna”, explica. A creación dese clima de confianza é un proceso lento, demorado, que require en moitas ocasións meses de achegamento e, porén, moi pouco tempo para romperse: unha mudanza no persoal pode botar para atrás a unha persoa usuaria que requira un proceso de intervención social. Logo de moito tempo abríndose e explicando a súa situación a unha persoa na que xa confía, tócalle acudir ao portelo e atopar un rostro que descoñece. Cando o atopa. A temporalidade nos servizos sociais comunitarios, explica Emma, fai que un posto quede baleiro durante un tempo e non poida producirse o necesario seguimento dos casos. Problemas que eran abordables dunha maneira máis sinxela cronifícanse mentres o portelo permanece pechado. Ás veces, o caso que atopará a nova traballadora social -pois trátase dun sector claramente feminizado- non terá xa nada que ver co que deixou a anterior cando o seu contrato rematou.
Temporalmente indefinido
No caso das administracións locais, a temporalidade e a precariedade toma traza de verdadeira picaresca na xestión. Os concellos, incluído aqueles grandes onde sería o propio pensar que a estabilidade laboral é maior, recorren ás bolsas de emprego para parchear os servizos sociais. “Convocan unha bolsa cun proceso selectivo e cobren a praza”, explica Emma, lembrando que en moitas ocasións a relación laboral co Concello dura meses e a traballadora ou traballador social chouta dun concello ao outro, encadeando contratos temporais en lugares completamente afastados entre si, con realidades distintas ou contrapostas. Do rural ao urbano, do interior á costa, sempre cun contrato temporal entre as mans.
Existen casos de temporalidade, porén, máis rechamantes. O daqueles contratos de traballadoras sociais nos servizos sociais comunitarios que se prorrogan indefinidamente nun mesmo Concello, chegando á fraude de lei. Cando isto sucede, a persoa profesional do Traballo Social queda nun auténtico limbo laboral: ao non notificárselle a extinción do contrato este continúa vixente de maneira irregular e por un tempo indeterminado. Tempo que chega a superar a década en ocasións. Porén, esa persoa non conta con ningún tipo de seguridade xurídica. Unha saída, ademais, cada vez máis frecuente: conforme se produce a xubilación de persoal con praza, os Concellos tenden a cubrilas con bolsas temporais.
A pandemia non modificou esta forma de obrar na Administración local. Emma lembra que durante os últimos dous anos as bolsas de emprego continuaron a ser ferramentas habituais de contratación persoal sen que se fixese un esforzo para asentar un posto a persoas que xa teñen experiencia no mesmo. “É un absurdo”, sinala a traballadora social.
“Ninguén entendería que unha empresa se desfixese de súpeto de boa parte do seu persoal despois de 13 anos”
O mesmo criterio dos Concellos rexe na Xunta. Ana, traballadora social neste ámbito, alerta de que o recente proceso selectivo en Traballo Social da Xunta de Galicia vai significar, ao tratarse da primeira proba convocada en 13 anos, a perda de traballo para moitas persoas que levan unha década ou máis exercendo na Xunta. “No seu momento entramos polos procedementos legais que había naquel momento”, explica, cando a Xunta recorreu a listas de persoal e non a oposicións. “Non había outro xeito de entrar”, afirma. Considera que “non se nos está valorando”: o proceso selectivo converteuse nun “súper exame” que non pode suplir trece anos sen convocatoria e que para moitas persoas suporá que a súa praza sexa consolidada por un terceiro. “Tes a sensación de que o tempo investido, do teu tempo libre e de lecer·, non se valora”, afirma. Peor aínda: como acontece nos outros ámbitos, a sobrecarga de traballo estira a xornada laboral e mantén a moitas e moitos traballadores no seu posto laboral máis alá da súa xornada establecida. Novamente, ratios incumpridas e horas de máis nun traballo e nunha función insuficientemente recoñecidos. E, novamente, un desperdicio de recursos e experiencia acumulada. “Ninguén entendería que unha empresa se desfixese de súpeto de boa parte do seu persoal despois de 13 anos”, opina Ana.
Os procesos selectivos tamén agochan, ás veces, a desnaturalización da propia función. No caso particular das prazas da Rede de Equipos Comarcais de Inclusión Social do Consorcio, recollidos na Estratexia galega de Inclusión Social 2014-2021, está enriba da mesa de negociación a convocatoria destas na categoría de "orientación laboral". Nuria denuncia que isto desvirtúa “totalmente os mecanismos de intervención en procesos de exclusión social, ademais de contradicir tanto a Lei galega de Servizos Sociais como a Lei de Inclusión Social de Galicia”.
Persoal sanitario non recoñecido
A estas situacións comúns ao persoal dos distintos ámbitos do Traballo Social únese un agravio comparativo no caso daquelas e aqueles profesionais que exercen no ámbito sanitario, como Antonio. Estas traballadoras e traballadores sociais en centros hospitalarios, de saúde mental ou atención primaria non son considerados persoal sanitario, contravindo así a propia consideración da Organización Mundial da Saúde. Para a OMS, a saúde é un estado de “perfecto e completo benestar físico, mental e social”. As e os traballadores sociais que operan, como unha parte máis, dentro do ámbito sanitario, fano sen que se teña en conta esta directriz. Unha das consecuencias máis graves e rechamantes foi a súa exclusión no proceso de vacinación do persoal sanitario, malia traballar en ámbitos onde o contaxio é doado e frecuente. Os distintos colexios profesionais españois, incluíndo o Colexio Oficial de Traballo Social, veñen reclamando esta consideración á Administración.
Externalizacións
Os servizos sociais en Galicia teñen cada vez menos de públicos. A administración foi, deliberadamente, enmagrecendo
Os servizos sociais en Galicia, porén, teñen cada vez menos de públicos. A administración foi, deliberadamente, enmagrecendo. Ana lembra como as unidades técnicas, que constitúen os servizos sociais especializados legalmente recoñecidas, ven as súas funcións “cada vez máis limitadas” en pro de entidades do terceiro sector. A perda de presenza dos servizos públicos -que ven como cada vez se perde máis persoal nas unidades técnicas fai inasumible a carga de traballo. Á vez, o feito de que moitas das funcións dos servizos sociais funcionen baixo concesións, significa que se crean, para a persoa usuaria, situacións de dobre vitimización: unha mesma persoa terá que expor o seu caso, con toda a carga desta palabra, ante distintas persoas profesionais. Acreditando “unha e outra vez as súas circunstancias económicas e vitais”, lembra Nuria. Novamente, o vínculo quebrado.
Ana considera que esta privatización encuberta supón un desbalde de recursos. Denuncia que a Xunta se escuda na existencia do burocratismo nos servizos sociais, obviando que é á propia Administración á que lle compete simplificar ao máximo as barreiras de entrada. “É unha decisión política”, explica: “non é inviable reducir a burocracia nin axilizar a tramitación pública”.
Persoas usuarias: a factura social
A precariedade, a externalización e a falta de medios repercute sempre sobre o último elo da cadea da intervención social: as persoas que se ven forzadas a recorrer aos servizos sociais. As consecuencias da falta de coordinación entre institucións puxéronse de manifesto recentemente, cando a Xunta esixiu cantidades económicas inasumibles ás persoas que, sendo perceptoras da Renda de Inserción Social de Galicia, foron recoñecidas e recibiron con efecto retroactivo pagamentos do Ingreso Mínimo Vital.
As consecuencias da descoordinación manifestáronse recentemente, cando a Xunta esixiu cantidades inasumibles ás persoas que, sendo perceptoras da Risga, foron recoñecidas e recibiron con efecto retroactivo pagamentos do Ingreso Mínimo Vital.
Para Ana, unha das consecuencias máis graves é a cronificación de casos. Lembra que existe un importante volume de atrasos na primeira atención, co cal “chegas a atender casos que se fixeron moi graves, grandes emerxencias”, explica. Aínda que haxa moitas entidades a traballar nun caso -outra consecuencia das externalizacións-, é o servizo público “quen ten a última palabra”. O problema é que ese servizo “moitas veces non conta co persoal suficiente para sacar a resolución ou levar a cabo esa intervención”. O que acaba acontecendo é que os casos se alongan. “No día a día, o máis duro e ver como os casos se converten en crónicos cando o grande problema para afrontalos é a infradotación de persoal que non pode cumprir os prazos”, denuncia.
Antonio sinala como un dos problemas destes atrasos na atención “a denegación de recursos e prestacións”ás persoas usuarias. Tamén “o atraso na atención e a burocratización nos trámites”. “Situacións nas que as e os traballadores sociais teñen pouca marxe de actuación”, lamenta.
No caso do departamento de Inclusión do Consorcio, Nuria opina que a escaseza de persoal e recursos económicos “repercuten directamente nas persoas participantes na Estratexia de Inclusión, pero tamén nas que podían ser beneficiarias”. O acompañamento social vese limitado pola carga de traballo, mentres que as actividades formativas ofertadas sofren os recortes orzamentarios, impedindo a capacitación profesional das persoas usuarias.
Para Emma, as persoas usuarias acaban pagando os custos da precariedade do persoal. “Nun sitio onde as e os profesionais teñen estabilidade, coñecen mellor os recursos, as contornas, o tipo de familias que hai...”, explica. “Podes ofrecer máis alternativas”, engade. Porén, a situación no día a día vai polo camiño contrario: profesionais acabados de chegar e horizontes limitados para as persoas usuarias.
E agora, que?
O Relator Especial das Nacións Unidas Philip Alston declaraba, sobre a pobreza extrema e os dereitos humanos en febreiro do ano pasado que a recuperación económica tras a recesión deixou atrás a moitas persoas. No caso español, o desemprego, os problemas da vivenda, as cifras de pobreza e unha protección social inadecuada, sustentada sobre unha política fiscal máis benévola coas persoas que posúen máis capital, pintaban un horizonte moi difícil de abordar.
Esta situación é resultado de fallas que veñen acumulándose, nos Servizos Sociais, desde a segunda metade dos anos 90, nun proceso involutivo ao que nin a pandemia puxo fin
A Traballadora Social Patrocinio Las Heras sinalaba recentemente nun artigo no nº23 da Revista Galega de Traballo Social FERVENZAS que o andazo da COVID-19 constatara, a ollos do persoal do Traballo Social, un medre exponencial de demandas de necesidades sociais básicas. Tamén a exclusión sanitaria das persoas maiores e o falecemento de persoas en situación de dependencia en listas de agarda. Las Heras non agochaba que esta situación é resultado de fallas que veñen acumulándose, nos Servizos Sociais, desde a segunda metade dos anos 90, nun proceso involutivo ao que nin a pandemia puxo fin. “Fóronse concatenando crises após crises”, lamenta.
Pola súa banda, o Colexio Oficial de Traballo Social de Galicia colaborou coa Unión Profesional de Galicia nas súas ‘Propostas das Profesións Colexiadas para a reconstrución de Galicia ante a pandemia da Covid19’. As e os traballadores sociais apostan aí por fortalecer o sistema público de servizos sociais a través dunha Lei de Servizos Sociais Básicos do Estado. Nesta lei deberían recollerse programas de intervención social adaptados ás situacións específicas de vulnerabilidade causadas pola pandemia e tanxenciais a outros factores previos -a idade, a orixe ou o xénero, entre outros-.
A situación actual non convida ao optimismo. As ondas da pandemia pasaron e pasan co efecto devastador dun tsunami. Na tensa, por falsa, calma que vén despois, seguirán oíndose as voces das e dos traballadores sociais. Persoas como Antonio, Emma, Nuria ou Ana volven aos seus postos de traballo sabendo que os custos sociais desta pandemia están caendo do lado de sempre. Só que cada vez hai menos costas para sostelos. Non sempre é doado identificar o punto exacto en que algo se rompe. Pero sería moi irresponsable ollar para outro lado.