Este venres 22 de marzo celébrase o Día Mundial do Traballo Social. Como xa fixera o pasado ano, o Colexio Oficial de Traballo Social celebra unha xornada técnica para os e as profesionais do sector, centrada nesta ocasión no traballo social dirixido ás mulleres, sobre todo aquelas que sofren ou sufriron situacións de violencia de xénero. As actividades terán lugar a partir das 17 horas no Edificio Cersia de Santiago de Compostela.
"Queriamos facer fincapé no feminismo porque nós traballamos cos colectivos máis desfavorecidos da poboación e neses colectivos as mulleres adoitan ser quen están nunha posición de maior desvantaxe", explica Antía Sobrino, vicepresidenta da entidade.
A Xornada comezará coa intervención de Elena Molanes, que traballa no Centro de Emerxencia para Mulleres Vítimas de Violencia de Xénero, dependente do Consorcio Galego de Servizos de Benestar, e que falará sobre o apoderamento das mulleres dende unha óptica profesional. Así mesmo, contarase coa intervención de alumnado da Escola Universitaria de Traballo Social de Santiago, que levará a cabo unha presentación de Mapas Corporais. E, finalmente, Chus Olivares, que traballa na Casa de Acollida de Ferrol para mulleres vítimas de violencia de xénero e que imparte módulos de formación en igualdade no cárcere de Teixeiro, falará sobre o "traballo social feminista". Falamos con Antía Sobrino.
"As mulleres que sofren esta situación veñen directamente a nós para preguntar que deben facer para denunciar, como ten que ser a súa saída do domicilio ou simplemente quen un asesoramento inicial"
Que función cumpren as traballadoras e traballadores sociais na axuda ás mulleres que sofren violencia machista?
Nós traballamos en moitos eidos diferentes. Por exemplo, na administración local os servizos locais comunitarios teñen sempre un ou unha profesional de traballo social de referencia. Nós somos sempre os receptores; facendo unha analoxía co sistema sanitario, somos como o médico de referencia. En moitos casos as mulleres que sofren esta situación veñen directamente a nós para preguntar que deben facer para denunciar, como ten que ser a súa saída do domicilio ou simplemente quen un asesoramento inicial. Somos o profesional de entrada a todo o sistema de atención a mulleres vítimas de violencia de xénero.
De igual xeito, moitas veces ocórrenos que compañeiras que traballan en entidades do terceiro sector e que en principio nada teñen que ver coa violencia de xénero, acaban detectando estas situacións entre as usuarias dos seus servizos. E nese momento convértense na vía de escape que lles permite a esta mulleres fuxir diso.
Que melloras son necesarias para que poidades desenvolver mellor o voso traballo neste ámbito?
Faría falla unha maior dotación de recursos humanos. Consideramos que é moi importante a presenza nos centros de información a mulleres da figura do Traballo Social, que na actualidade non é obrigatoria, aínda que si a hai en moitos centros. Tamén consideramos que debería haber máis prazas para mulleres vítimas de violencia de xénero, porque moitas veces a rede está saturada e unha muller do Barco de Valdeorras ten que marchar a unha casa de acollida en Ferrol, co problema que isto xera.
"Debería haber máis prazas para mulleres vítimas de violencia de xénero, porque moitas veces a rede está saturada e unha muller do Barco de Valdeorras ten que marchar a unha casa de acollida en Ferrol"
Tamén se poden mellorar os trámites burocráticos para tramitar todos os tipos de axudas que lles permiten a esas mulleres tirar para adiante nun primeiro momento e ser independentes. Se estes trámites fosen máis rápidos, sería todo máis doado. Dende o Traballo Social tentamos mobilizar todos os recursos económicos, humanos e de todo tipo para que as mulleres poidan deixar atrás a súa situación de maltrato e seguir adiante coas súas vidas.
Hai, finalmente, un problema de recursos. Os centros de información a mulleres son comarcais. Non todas as mulleres que sofren violencia, sobre todo as que viven en zonas rurais, se poden permitir ir todas as semanas á cabeceiras comarcais, sobre todo sen que o saiba o seu maltratador
Nas xornadas faise tamén fincapé no apoderamento das mulleres que sofren estas situacións. Como se leva a cabo este proceso?
Cando unha muller é vítima de violencia de xénero ten baixo mínimos a súa autoestima. Esta muller leva sendo sometida durante un tempo longo por unha persoa que a converte en vítima, que a fai crer que todo o que lle está a ocorrer é porque ela fai cousas mal. Son mulleres coas que hai que facer un traballo longo para conseguir que comecen a valorar o que son como persoas, para que comecen a valorarse. Tamén para conseguir que non volvan caer nunha relación deste tipo.
"Cando unha muller é vítima de violencia de xénero ten baixo mínimos a súa autoestima. Hai que facer un traballo longo para conseguir que comecen a valorar o que son como persoas"
Que elementos son importantes neste traballo?
O paso dunha muller de ser unha vítima de violencia de xénero a ser unha persoa apoderada non é algo que leve cinco minutos, senón que é froito dun traballo constante de moitos meses, de moitas sesións de intervención. Por iso fai falla tempo de atención, que as traballadoras sociais que estamos con elas dispoñamos dun número de sesións mínimo que nos permita atendelas correctamente. A atención psicolóxica e o asesoramento xurídico son moi importantes. E están funcionando moi ben os grupos de axuda mutua: grupos de mulleres vítimas de violencia de xénero que se apoian entre elas, que se comprenden e que ven situacións semellantes de persoas que conseguiron tirar para adiante.