O Colexio Oficial de Traballo Social remitiulles aos partidos políticos que concorren ás eleccións do 25S un documento de compromisos por un Sistema Público Galego de Servizos Sociais. No texto que as formacións deberán asinar, pídese garantir os dereitos sociais, camiñar cara a un pacto galego polos Servizos Sociais que contemple ratios de profesionais suficientes para atender a demanda e resolver as problemáticas da cidadanía antes do agravamento das mesmas, e incídese na necesidade de transparencia e rendición de contas, de xeito que as medidas orzamentarias do executivo vaian encamiñadas a obxectivos de redución da pobreza e de apoio a colectivos vulnerables.
O COTSG tamén lles enviou aos partidos un programa completo das "medidas urxentes" que deben acometerse no eido do Traballo Social e os Servizos Sociais. No documento incídese, especialmente, en dous capítulos que están “desmantelados ou abandonados”: o eido sociosanitario e a inclusión ou pobreza. Para Marta Capeáns, presidenta do Colexio, a “posta en marcha” dun “auténtico” modelo sociosanitario “non pode esperar máis”. O Colexio cre fundamental que, nesta nova lexislatura, se “corrixan as desigualdades xeradas polos recortes acometidos no sistema e garantir uns mínimos vitais mínimos dignos que chegarán pola implantación dun modelo público de Servizos Sociais eficaz, eficiente e que rache con propostas de beneficencia que poñen a énfase na marxinalidade. Falamos con Marta Capeáns.
"O persoal que se suprimiu nunca se volveu contratar, non se reverteu o efecto da aplicación da taxa de reposición, por exemplo no SERGAS. Non hai unha vontade política de repoñer o que había no tempo anterior á crise"
A lexislatura anterior foi a dos recortes e a destrución do sistema de benestar e dereitos. O reto para os vindeiros catro anos é a reconstrución dese sistema?
A prioridade sería a reconstrución do sistema de dereitos sociais que se destruíu, do que se recortou. Iso é o que queremos os e as profesionais e o que nós priorizaríamos. Porén, o que vemos é que a tendencia das políticas que se están aplicando non vai por aí. O persoal que se suprimiu nunca se volveu contratar, non se reverteu o efecto da aplicación da taxa de reposición, por exemplo no SERGAS. Non hai unha vontade política de repoñer o que había no tempo anterior á crise.
Facedes especial fincapé na necesidade de que haxa máis profesionais desenvolvendo ese traballo social e en reforzar en xeral os recursos humanos nos servizos sociais. A recuperación non chegou aínda a ese capítulo?
Este ano aumentaron os orzamentos para servizos social, un 12%, a primeira subida en moitísimos anos. Pero non se ofrecen máis prazas de traballador social, nin sequera naqueles lugares, que son moitos, nos que os ratios mínimos non se cumpren. Moitas das cidades e vilas galegas están moi por debaixo do que marca a lei.
"No documento que estamos facendo chegar a todos os partidos incídese moito no campo sociosanitario, que é o grande esquecido: faltan profesionais e falta coordinación entre eles"
O papel destes profesionais é fundamental para mellorar a coordinación, a detección temperá de problemas, a eficacia na aplicación de medidas, non si?
Si, a ese respecto no documento que estamos facendo chegar a todos os partidos incídese moito no campo sociosanitario, que é o grande esquecido: faltan profesionais e falta coordinación entre eles. Penso por exemplo no caso da saúde mental, no que debería haber unha comunicación permanente entre psiquiatría, toxicoloxía e o traballo social, o que evitaría consecuencias fatídicas. Por exemplo, o recente caso de Arzúa, das dúas persoas maiores que faleceron porque unha persoa enferma non tomara a súa medicación. Comprobamos que non se estaba facendo un seguimento a esta persoa, non se sabía se tomaba ou non a medicación.
"Nestes momentos as cidades galegas teñen listas de espera duns dous meses para que un traballador social poida ofrecer a súa primeira consulta. Porén, a lei de estabilidade orzamentaria non lles permite aos concellos realizar contratacións"
As limitacións para os concellos son aínda maiores?
Nestes momentos as cidades galegas teñen listas de espera duns dous meses para que un traballador social poida ofrecer a súa primeira consulta. Porén, a lei de estabilidade orzamentaria non lles permite aos concellos realizar contratacións, non poden sacar ofertas de emprego público, o que promove a privatización dos servizos. Polo tanto, entran empresas privadas e intermediarios, que prestan un peor servizo e que lles ofrecen aos seus traballadores e traballadoras peores condicións laborais, xa que as empresas deben levar a súa porcentaxe de beneficios.
O PP celebra que nos últimos anos se incremento a partida orzamentaria para o pagamento da RISGA e que aumentou o número de beneficiarios. É suficiente?
É certo que agora se están destinando a política social máis cartos que hai uns anos, por exemplo para a RISGA. Pero precisamente na RISGA o número de solicitudes tamén se incrementou notablemente, o que fai que sigan sendo moi extensos os tempos para a súa resolución. O decreto que regula a RISGA non se está a cumprir, nel están previstos unha serie de complementos que se poden conceder e que fan que aumente a contía que perciben os beneficiarios, pero non se aplican.
"Debemos garantir que os servizos sociais se entendan como un dereito, e debemos esixir e garantir que teñan calidade e sexan eficientes, o mesmo que a sanidade ou o ensino"
Incidides tamén da necesidade de que os servizos sociais se entendan como un dereito, fuxindo do asistencialismo, da caridade...
É unha tendencia que parece que nos últimos anos vai a máis, coa organización -mesmo por parte da administración- de eventos ou actos solidarios e de beneficencia, que o que fan é descargar a responsabilidade que os poderes públicos teñen sobre os servizos sociais. Debemos garantir que os servizos sociais se entendan como un dereito, e debemos esixir e garantir que teñan calidade e sexan eficientes, o mesmo que a sanidade ou o ensino.