O Estado acusa a Xunta de rexeitar todas as vías para que perceptoras da Risga co IMV concedido non teñan que devolver cartos

Fabiola García, conselleira de Política Social, no medio, e Arturo Parrado, director xeral de Inclusión Social CC-BY-SA Xunta

Desde hai xa semanas, son centos as persoas vulnerables perceptoras da Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) ás que a Xunta está a reclamar a devolución de todas as mensualidades cobradas desde que solicitaron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) vixente desde xuño. 

A Xunta reclama a persoas sen recursos que devolvan varios meses da Risga ao mantela incompatible co Ingreso Mínimo Vital

A Consellería de Política Social recoñece o envío de milleiros de cartas --ata unhas 2.000 persoas se viron afectadas xa-- nas que reclama os cartos cobrados da renda autonómica durante os meses nos que os pagos coincidiron cos do IMV estatal, ingreso que empeza a ser recibido dunha vez e de maneira retroactiva desde o pasado mes de abril. 

Pouco despois de cobrar de golpe todo o adebedado da renda estatal, a Xunta reclama as mesmas mensualidades da Risga. Nalgúns casos, son ata oito meses (máis de 3.000 euros) e entidades sociais levan tempo avisando a quen segue a recibir a renda autonómica malia ter aprobado a estatal que non toque os cartos ante a seguridade de que lle serán reclamados. 

Formularios para a solicitude da Risga CC-BY-SA Praza Pública

Chegan tarde en moitos casos: "Falamos de persoas en situacións complicadas, que viven ao día e que ao dispoñer dos cartos é lóxico que os utilicen", conta Cristina de la Puente, directora da entidade social Poten100mos que, como outros colectivos ou o o Colexio de Educadoras e Educadores Sociais de Galicia (Ceesg), pide que as dúas rendas sexan compatibles ou que non se reclame a devolución. 

Política Social di que esixe a devolución da Risga por culpa do Estado, ao que pide un "mecanismo de compensación" para evitar "prexudicar" as persoas afectadas

Pola contra, a Xunta culpa o Estado  e asegura que seguiu concedendo a Risga a quen xa solicitara o IMV "para axudar estas persoas a saír adiante" e porque "tardaron meses en ver resolta a súa solicitude". Ademais, pide ao Goberno central un "mecanismo de compensación para evitar que as persoas que transitaron" da renda autonómica á estatal "se vexan prexudicadas a causa dos meses nos que compatibilizaron ambas prestacións, polos atrasos na concesión do Ingreso Mínimo Vital". 

O Executivo central, ante as acusacións da Xunta, responde con contundencia. Así, o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións --en resposta a Praza.gal-- reprocha que o Goberno galego non fixese nada por facer compatibles ambas rendas, como si fixeron outras comunidades autónomas, ou que non utilizase as "ferramentas e protocolos" facilitados polo seu departamento para poder comprobar a que persoas beneficiarias da Risga lles fora aprobado o IMV e poderlles advertir así da incompatibilidade ou levar a cabo "os axustes pertinentes". 

O Estado lembra que ofreceu á Xunta a pasarela para que os beneficiarios da Risga "puidesen ser recoñecidos en bloque como beneficiarios do IMV": "Rexeitouno"

O Ministerio lembra que ofreceu "a todas as comunidades autónomas" a posibilidade de entrar na súa pasarela "para que os beneficiarios das rendas mínimas puidesen ser recoñecidos en bloque como beneficiarios do IMV" de cumpriren os requisitos esixidos pola Seguridade Social. "A Xunta, coa que nos reunimos en non menos de cinco ocasións, rexeitou esa posibilidade", explica. 

Pola contra, como advirte o Ministerio, esa pasarela xa foi utilizada polo País Vasco, Aragón ou Navarra e na nómina de maio incluíronse por primeira vez en bloque persoas beneficiarias destas comunidades. 

O ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá © Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións

Ademais, o departamento que dirixe José Luis Escrivá, recorda que "o Goberno galego, como o resto de gobernos autonómicos, sabía que as súas rendas mínimas eran subsidiarias". "Galicia, a diferenza doutras comunidades, non modificou a súa norma para que fose compatible co IMV", reprocha, e lembra, entre os varios casos, o da Comunitat Valenciana. 

O Govern valenciano, xa o pasado mes de xuño, modificou a Lei de renda valenciana de inclusión para de maneira "inminente" permitir "a compatibilización urxente e necesaria ante a nova prestación do IMV", así como para "simplificar administrativamente o procedemento de xesitón da renda valenciana de inclusión" de xeito "coordinado coa prestación estatal".  

O Ministerio recórdalle tamén á Xunta que "semanalmente envía ás comunidades autónomas a información sobre recoñecementos do IMV que dispón o Instituto Nacional da Seguridade Social para que poidan facer os axustes pertinentes". Lémbralle, xa que logo, que cada sete días a Administración autonómica coñece os datos das persoas ás que se lles aproba o IMV e, polo tanto, das que, pola incompatibilidade que aínda se mantén, non poderían cobrar a Risga. 

"Galicia, a diferenza doutras comunidades, non modificou a súa norma para que fose compatible co IMV", di o Ministerio de Inclusión

En Galicia a compatibilidade de ambas rendas non sucederá ata que o Parlamento tramite unha reforma da lei de inclusión social. Constituída a nova Cámara lexislativa desde o pasado agosto, non hai traza aínda de mudanza ningunha, tampouco por parte da Xunta, que nada dixo nas súas queixas ante o Estado desa posibilidade. 

Para que a compatibilidade fose posible, debería tramitarse unha reforma da norma da que, dende 2013, depende a aplicación da Risga, existente dende 1991. Dende 2019 -con máis de cinco anos de atraso sobre o estipulado na devandita lei-, a renda de inclusión está tamén regulada por un decreto de seu

Ambas normas fixan o réxime de incompatibilidades da Risga e considerána incompatible "coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de importe igual ou superior ás ditas pensións". Para superar este atranco cómpre que o Goberno galego ou os grupos parlamentarios impulsen unha reforma lexislativa e que o Parlamento a aprobe.

Respecto da elevada tardanza en resolver as solicitudes do IMV que denuncia a Xunta, o Ministerio cre que "non se tardou tanto". "É unha prestación moi complexa aprobada ademais en tempos de pandemia", di o Ministerio, que anima a "comparar co tempo que tardaron comunidades como a galega en xestionar as súas rendas minimas". 

O Goberno central rexeita as críticas da Xunta e lémbralle que o IMV supera os 13.000 fogares receptores en Galicia: "Cinco veces máis a Risga no primeiro ano"

"Os beneficiarios do IMV superan en menos dun ano os que ten a Risga, creada en 1991", di o Ministerio, que sinala que no primeiro ano de xestión a renda autonómica chegou a 2.667 fogares, mentres que o IMV, "sen ter cumprido un ano", supera os 13.000 fogares en Galicia. "Son cinco veces máis", remata. 

Entre reproches mutuos, a Xunta pide ao Goberno central que a tramitación do IMV sexa "áxil, accesible e eficaz" e reclama o traspaso da súa xestión ás comunidades autónomas. Ademais, a Consellería de Política Social denuncia que "a actual situación, derivada da accidentada posta en marcha do IMV e das sucesivas modificacións que se introduciron na súa normativa durante o último ano, está xerando saturación nos servizos sociais básicos". E reclama que o Estado incremente o seu financiamento para facer fronte ao número crecente de solicitudes. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.