Desde hai semanas, son varias as entidades sociais en Galicia que advirten da sorpresa e problemática coa que moitas persoas perceptoras da Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) se están a atopar ultimamente. En xuño de 2020, logo de que o Goberno central aprobase a creación do Ingreso Mínimo Vital (IMV), beneficiarias da axuda autonómica solicitaron tamén a estatal, que non lles foi aprobada en moitos casos ata esta primavera. O pasado mes de abril, o Estado ingresou dunha vez e de maneira retroactiva todos os meses, situación que xente en exclusión ou con problemas económicos aproveitou para pagar débedas ou atrasos no alugueiro. Tan só días despois, a Xunta reclamou a devolución de todo o cobrado da renda autonómica durante os meses nos que se percibiron ambas prestacións, por seren incompatibles.
A Xunta empeza a reclamar a persoas perceptoras da Risga que veñen de recibir o IMV de forma retroactiva que devolvan varios meses de prestación
"Logo de meses recibindo unha renda sen problema nin aviso ningún, chégalles a carta na que lles ordenan devolver milleiros de euros e o problema é importante", relata Ana Louzán, responsable de Acción Social da ONG Viraventos. "Hai persoas que teñen que devolver uns 5.000 euros, outras 3.000, 2.000... Non sei se está a ser xa algo masivo, pero na pasada semana tivemos tres ou catro casos", explica Cristina de la Puente, directora da entidade social Poten100mos, que advirte da "tardanza" en conceder o IMV como unha das causas do agromar agora de casos que, prognostica, será "aínda maior" nos vindeiros meses.
Non o único. "Nin desde o Estado nin desde a Xunta se avisou con claridade, nin por carta nin por ningún medio, da incompatibilidade do IMV coa Risga", engade De la Puente. "Tárdase moito en analizar os expedientes, debería haber forma de comprobar no momento se alguén xa está recibindo outra prestación incompatible e non seguir pagando coma se nada", di Louzán.
Entidades sociais denuncian a falta de información ás persoas vulnerables por parte das administracións da incompatibilidade das dúas rendas básicas
Agora, nas entidades levan tempo advertindo aos perceptores de ambas rendas sociais que "non toquen" os cartos da Risga --algo máis de 420 euros mensuais-- porque seguramente serán reclamados pola Xunta. Ocorre, como relata unha traballadora social, que xente con importantes problemas económicos vese imposibilitada a dispor dun diñeiro paralizado para evitar, ademais, incorrer cunha débeda coa Administración que puidese imposibilitar a solicitude de axudas.
Desde ONG e colectivos varios advirten tamén da "contradición" que en moitos casos supón que mentres recomendan aos perceptores da Risga que non fagan uso dela para poder devolver logo os cartos e evitar problemas, técnicos da Xunta "dinlles que non se preocupen ou que aínda non saben como se vai amañar a situación". "Chegamos a atopar dificultades para pagar a débeda dalgunha persoa porque na Administración autonómica non teñen un mecanismo consolidado para acelerar a resolución destes problemas", explican.
O Goberno central concibiu o IMV como "compatible" coa Risga, pero en Galicia só sería posible de reformarse a lei de inclusión social
No fondo de todo, o feito de que ambas rendas sexan incompatibles malia que o Goberno de España concibiu o IMV como "compatible" coas rendas de inclusión ou de garantía de ingresos xa existentes nas comunidades autónomas. Aínda que ambas prestacións son diferentes en contías e condicións, unha parte da poboación á que se dirixen é coincidente e, segundo dixera o Ministerio de Inclusión e a Vicepresidencia de Dereitos Sociais, a intención é que puidesen "complementarse". Pero isto non sucede en Galicia e non sucederá ata que o Parlamento tramite unha reforma da lei de inclusión social. Constituída a nova Cámara lexislativa desde o pasado agosto, non hai traza aínda de mudanza ningunha.
Desde a Consellería de Política Social sinalan o Goberno central por "tardar moito en pagar o IMV" e advirten de que si se están a reclamar os cartos cobrados da Risga simultaneamente coa renda estatal, aínda que din que darán "as máximas facilidades". Entre elas, ata 30 meses de prazo para devolver as contías e a posibilidade, no caso de que as persoas volvan acceder á Risga nese período de tempo, de ir satisfacendo a débeda mediante pequenos descontos mensuais na cantidade a percibir. Ademais, e no caso de familias con menores ao seu cargo, a Administración autonómica aposta por condonar ata máis de 3.000 euros de haber un informe favorable dun traballador social municipal.
"Falamos de persoas en situacións complicadas, que viven ao día e que ao dispoñer dos cartos é lóxico que os utilicen"
"Estamos a falar de persoas en situacións complicadas, que viven ao día e que ao dispoñer dos cartos é lóxico que os utilicen para pagar débedas ou satisfacer necesidades básicas", conta De la Puente, que insiste en que deberan ser as administracións as que cadrasen contas antes de "meter nun problema" a xente vulnerable. Ademais, e tal e como aseguran desde varias entidades sociais, piden tamén á Xunta que valore a posibilidade de permitir a compatibilidade da renda estatal coa autonómica, tal e como ocorre noutros territorios como as Canarias ou Castilla y León.
Iso vén de reclamar a Marea Atlántica desde A Coruña, cidade onde varias entidades sociais denunciaron estes últimos días a problemática. A formación municipalista insta a Xunta a "renovar e ampliar a Risga como resposta á crise derivada da pandemia para non deixar atrás a milleiros de persoas que precisan axuda" e reclama "que se faga compatible con outras prestacións como a Renda Social Municipal da Coruña ou o IMV do Estado".
“Non pode consentirse que o Goberno galego estea a reclamarlle a persoas en risco de exclusión por ter solicitado o Ingreso Mínimo Vital; en lugar de axudar a quen o precisa, afóganos”, denuncia a concelleira Silvia Cameán.
Para que a compatibilidade fose posible, debería tramitarse unha reforma da lei de inclusión, norma da que, dende 2013, depende a aplicación da Risga, existente dende 1991. Dende 2019 -con máis de cinco anos de atraso sobre o estipulado na devandita lei-, a renda de inclusión está tamén regulada por un decreto de seu. Ambas normas fixan o réxime de incompatibilidades da Risga e considerána incompatible "coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de importe igual ou superior ás ditas pensións".
Para que a Risga sexa compatible co IMV, o Goberno galego ou os grupos parlamentarios deben impuilsar a reforma da lei e que o Parlamento a aprobe
Dado que o mínimo de renda que garante o ingreso mínimo vital é exactamente o mesmo que o das pensións non contributivas (PNC), 5.538 euros anuais para unha persoa adulta soa, esta disposición converte de facto a Risga en incompatible co ingreso mínimo vital. Así, aínda que a regulación estatal considere o IMV compatible cunha prestación como a Risga, a regulación da Risga si a fai incompatible co IMV. Para superar este atranco cómpre que o Goberno galego ou os grupos parlamentarios impulsen unha reforma lexislativa e que o Parlamento a aprobe.
En Galicia, segundo os últimos datos, hai arredor de 10.000 persoas que perciben a Risga mensualmente e esta renda conta cun orzamento anula duns 65 millóns de euros.