Dos 28.534 expedientes resoltos tan só foron aprobados 9.233 (o 32,36% dos resoltos), mentres que 19.301 foron denegados (67,64%)
O Ingreso Mínimo Vital aprobouse en maio do pasado ano cuns obxectivos moi ambiciosos. No contexto da crise económica xerada pola pandemia de Covid-19, a nova prestación buscaba chegar onde as anteriores rendas mínimas (como a RISGA) non chegaban. A optimista previsión do Goberno central fixaba en 40.000 o número de familias que en Galicia se poderían beneficiar desta nova axuda, que ademais presentaba varias vantaxes sobre a RISGA, comezando por ter unha maior contía económica e por ser compatible con outras prestacións e coas rendas xeradas por traballos esporádicos.
Porén, dende o inicio o Ingreso Mínimo Vital presentou importantes eivas de funcionamento na súa tramitación, un proceso complexo, que introducía constantes problemas de comprensión e de requirimentos de documentación para as persoas demandantes. A consecuencia é que nos primeiros seis meses de xestión o Ingreso Mínimo Vital ficou moi por debaixo dos seus obxectivos iniciais.
O número de expedientes presentados si acadou ese nivel previsto dos 40.000 (39.656)
Segundo a estatística oficial facilitada polo Ministerio de Inclusión e Seguridade Social, ata o mes de decembro unicamente se aprobaran en Galicia 9.233 expedientes de Ingreso Mínimo Vital, unha cifra afastada do obxectivo inicial de 40.000 axudas.
O número de expedientes presentados si acadou ese nivel previsto dos 40.000 (39.656). Porén nos últimos días de decembro só foran resoltos 28.534 e 11.122 atopábanse aínda "en subsanación", un 28%, pendentes de ser aprobadas ou denegadas.
Dos 28.534 expedientes resoltos tan só foron aprobados 9.233 (o 32,36% dos resoltos), mentres que 19.301 foron denegados (67,64%). En relación co total de 39.656 expedientes presentados, unicamente o 23% recibiran a finais de decembro o visto bo da administración.
Practicamente a metade das persoas beneficiadas ata agora polo Ingreso Mínimo Vital en Galicia son menores de idade, unha mostra da importancia desta prestación
Os pouco máis de nove mil axudas aprobadas beneficiaron a un total de 23.775 persoas en Galicia, 13.403 adultas e 10.372 menores de idade. Practicamente a metade das persoas beneficiadas ata agora polo Ingreso Mínimo Vital en Galicia son menores de idade, unha mostra da importancia desta prestación, a pesar das eivas de tramitación que está a presentar.
Por provincias, Lugo é o territorio galego que en decembro tiña unha maior porcentaxe de solicitudes pendentes da súa resolución (o 43% do total das presentadas). Todo o contrario de Ourense, con só un 13,5% de expedientes "en subsanación". En canto ás solicitudes resoltas, a porcentaxe de aprobadas é moi semellante en todas as provincias, movéndose entre o 36% de Lugo e o 29% de Pontevedra.
O número de axudas de Ingreso Mínimo Vital aprobadas en Galicia ata decembro sitúase en niveis moi semellantes ao total de axudas da RISGA concedidas no ano 2019 (9.783) e 2020 (ao redor de nove mil). A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais analizou os resultados do proceso de tramitación do Ingreso Mínimo Vital (IMV) en cada comunidade autónoma, destacando as grandes diferenzas existentes entre uns e outros territorios.
O número de axudas de Ingreso Mínimo Vital aprobadas en Galicia ata decembro sitúase en niveis moi semellantes ao total de axudas da RISGA concedidas no ano 2019
Hai lugares, como Canarias, onde o número de IMV aprobadas triplicou a cifra de axudas de rendas mínimas concedidas polo Goberno autonómico. En Castela-A Mancha, Andalucía ou a Comunidade Valenciana a cifra foi ao redor do dobre. Na Rioxa, Galicia, Estremadura ou Castela-León os números de son semellantes nunha e noutra axuda. En cambio, en zonas como Asturias, Cataluña, Baleares ou Navarra a cifra de IMV aprobadas está por debaixo da metade das rendas mínimas existentes anteriormente. No conxunto do Estado español, as persoas beneficiarias do IMV chegan ao 80% das beneficiarias de rendas mínimas.
En Galicia o IMV chega unicamente ao 6,3% de todas as persoas en risco de pobreza
Deste xeito, a cobertura do Ingreso Mínimo Vital en función do número de persoas en risco de pobreza é tamén moi desigual entre uns e outros territorios. En Galicia chega unicamente ao 6,3% de todas as persoas nesta situación de necesidade, un número moi semellante ao que anteriormente cubría a RISGA e que agora, en conxunto, pode acadar unha porcentaxe superior.
Neste indicador Galicia sitúase igualmente nun termo medio (6,3%), preto da media do conxunto do Estado (6,4%) e moi lonxe do 14% acadado en Navarra, do 12,2% de Aragón ou do 10% da Rioxa, Castela-León e Cantabria. En cambio, Baleares, Cataluña, Castela-A Mancha e Canarias non chegan ao 5%.
Ao redor do 20% da poboación galega estaba a comezos do ano 2020 (antes da pandemia) en risco de pobreza e un 24,3% estaba en risco de pobreza e exclusión social. Isto supón que máis de 540.000 persoas se sitúan en Galicia nestas condicións de necesidade.
A maioría das denegacións producironse por non cumprir o criterio de vulnerabilidade (ao superar os limiares de renda e patrimonio). Porén, están a valorarse os ingresos da renda de 2019, ano no que non impactou a pandemia
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais criticou esta semana a escasa cobertura acadada polo Ingreso Mínimo Vital nos seus primeiros meses de tramitación e cualifica as cifras de expedientes aprobados de "irrisorias", denunciando que "non responden ás expectativas depositadas neste novo dereito subxectivo nin tampouco responde ás necesidades da poboación azoutada polas consecuencias sociais da pandemia COVID-19".
A entidade explica que as denegacións "prodúcense pola complexidade do procedemento e a dificultade de cumprir uns esixentes requisitos". A maioría das denegacións producironse por non cumprir o criterio de vulnerabilidade (ao superar os limiares de renda e patrimonio). Porén, lembra que "hai que ter en conta que se valoran os ingresos da renda de 2019, ano no que non impactou a pandemia da COVID-19". Así mesmo, un 10% das denegacións débense á falta de acreditación da unidade de convivencia, para a que se segue esixindo o padrón histórico colectivo.
A asociación subliña que estas eivas de tramitación tiveron como consecuencia que "a pesar da crise social" o IMV "non executa máis que o 40% do orzamento anual". "En nove meses a Seguridade Social só desembolsou 920 millóns de euros dos 3.000 anuais previstos", engade a entidade, que lle reclama ao Goberno central que solucione estes problemas para que "a vacina contra a pobreza" chegue ás persoas que o necesitan.
A entidade leva meses demandándolle ao Goberno central que "poña en marcha unha pasarela" cos 297.183 solicitantes das rendas mínimas das comunidades autónomas e "as integre de maneira automática no ingreso mínimo vital"
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais leva meses demandándolle ao Goberno central que "poña en marcha unha pasarela" cos 297.183 solicitantes das rendas mínimas das comunidades autónomas e "as integre de maneira automática no ingreso mínimo vital". Unha "pasarela autonómica" que tamén foi prometida polo ministro José Luis Escrivá.
De igual xeito, a Asociación reclámalles ás Comunidades Autónomas "que os 1.686 millóns de euros que investían en rendas mínimas os orienten á garantía do dereito á inserción social". Pide que, así, se reforcen os servizos sociais "para a loita da exclusión social que produce a pobreza continuada, transmitida xeracionalmente e sen posible saída nun contexto de escaseza e precariedade de oportunidades no mercado laboral".