A crise económica provocada pola pandemia de coronavirus terá efectos moi negativos sobre amplas capas da poboación, especialmente entre aqueles colectivos máis vulnerables. Véñeno denunciando numerosas entidades sociais nos últimos meses, facendo un chamamento a unha acción máis decidida por parte das administracións públicas. Aínda o pasado mes de maio un estudo de urxencia realizado por Igaxes alertou de que os colectivos máis vulnerables estaban xa a sufrir as consecuencias da crise e a recepción do ingreso mínimo vital nos primeiros días de aplicación desta medida veu corroborar a necesidade deste tipo de axudas.
O indicador medrou no 2019 por segundo ano consecutivo e achégase á media do Estado Español, que leva 5 anos en descenso
Porén, os últimos datos publicados amosan que en Galicia a situación económica dos grupos máis desfavorecidos da poboación xa estaba a deteriorarse nos meses anteriores ao inicio da pandemia. O INE vén de publicar a Enquisa de Condicións de Vida correspondente ao ano 2019, un estudo que recolle por exemplo a taxa de risco de pobreza ou exclusión en cada comunidade autónoma.
A enquisa revela que o pasado ano a taxa de pobreza aumentou en Galicia por segundo ano consecutivo, achegándose as súas cifras á media española, despois de que os datos do conxunto do Estado acumulen varios anos consecutivos de melloras.
En concreto, a Taxa de Risco de Pobreza situouse en Galicia no 20% (era do 18,7% no ano anterior), no que constitúe o peor dato no noso país dende o ano 2009. A media estatal descendeu pola súa banda do 21,5% ao 20,7%, o dato máis baixo dende o 2013.
Mentres a Taxa de Risco de Pobreza só contempla os ingresoas, a Taxa de Risco de Pobreza ou exclusión social (Taxa AROPE) inclúe outros elementos na análise, como as carencias materiais ou a falta de emprego. Neste caso o indicador galego sitúase no 24,3%, cun aumento tamén por segundo ano consecutivo (era do 22,6% no ano 2017) e a tan só un punto da media estatal (25,3%) despois de cinco anos de descensos consecutivos.
Finalmente, a porcentaxe de persoas con carencia material severa incrementouse en Galicia no último ano do 1,6% ao 3,6%, fronte a un dato no conxunto do Estado do 4,7%, tamén en descenso no último ano.
Durante o ano 2019 a renda media descendeu en Galicia por primeira vez dende o 2015, situándose nos 11.218 euros
A Enquisa ofrece tamén datos sobre a renda media neta anual en cada comunidade autónoma, un indicador no que Galicia sempre se situou por debaixo da media española. Porén, ao longo da crise económica posterior ao ano 2008 Galicia foi achegándose ao dato estatal, pasando dunha diferenza de máis de dous mil euros nese ano 2008 a menos de 2000 no 2018. Porén, durante o ano 2019 a renda media descendeu en Galicia por primeira vez dende o 2015, situándose nos 11.218 euros. Pola contra, o dato do conxunto do Estado elevouse ata os 11.680 euros.
O 6% non pode permitirse manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada e o 5% tivos atrasos nos últimos 12 meses nos pagamentos básicos relacionados coa vivenda (auga, luz, calefacción...)
O estudo preguntou tamén por algunhas carencias económicas concretas das familias galegas e do conxunto do Estado neste ano 2019. Os datos amosan igualmente un empeoramento da situación en Galicia para moitos fogares. Por exemplo, o 8,9% asegura que non pode permitirse comer carne ou peixe cando menos dous días por semana. E un 24,4% di que non ten capacidade para afrontar gastos imprevistos.
De igual xeito, o 6% non pode permitirse manter a súa vivenda a unha temperatura axeitada e o 5% tivos atrasos nos últimos 12 meses nos pagamentos básicos relacionados coa vivenda (auga, luz, calefacción...). Si se reduce un chisco a porcentaxe de persoas que din non poder permitirse saír de vacacións unha semana ao ano, pero a porcentaxe, moi elevada, é do 41%.
Por último, na enquisa si descende o número de persoas que asegura chegar con dificultades a fin de mes, cunha porcentaxe que en Galicia se sitúa no 39% (5,5% moitas dificultades). A proporción no 2018 era do 45,5% (6,2% con moitas dificultades). A cifra no conxunto do Estado situábase o pasado ano preto do 50%.