As 140 organizacións que integran EAPN-Galicia presentaron as súas demandas, con lemas como "as Persoas primeiro" ou “somos persoas, non expedientes”
"As Persoas primeiro" ou “Somos persoas, non expedientes” son dous dos lemas cos que as 140 organizacións integradas na Rede Europea contra a Pobreza e a Exclusión Social (EAPN Galicia) veñen de presentar ás distintas formacións políticas que concorren ás eleccións ao Parlamento Galego as súas demandas para a vindeira lexislatura.
As entidades pídenlles que sitúen no centro das súas políticas a loita contra a pobreza e a exclusión social e lémbranlles que na actual emerxencia social da COVID19 "as palabras xa non abondan". EAPN-Galicia propón un total de 64 medidas concretas, agrupadas en 15 grandes accións. Esixen "loitar contra as causas da pobreza e a desigualdade, moi lonxe do asistencialismo", cun compromiso en orzamentos e planificación a medio e longo prazo.
Lémbranlles aos partidos que na actual emerxencia social da COVID19 "as palabras xa non abondan"
Así mesmo, chaman a incrementar a cordinación política e técnica entre as administracións e organizacións especializadas co obxectivo de "reducir drasticamente a burocracia". E, finalmente, o "recoñecemento lexislativo e marco estable de dialogo e financiamento do Terceiro Sector de Acción Social como alicerce do sistema público de servizos sociais".
Entre as 64 medidas, que se poden consultar e descargar neste enlace, está a aposta por "blindar o orzamento da Renda de Inclusión Social de Galicia (RISGA) asegurando a súa compatibilidade e subsidiariedade co Ingreso Mínimo Vital". Ademais, pídese garantir o dereito a unha vivenda digna, axeitada e accesible, priorizando no Plan de Vivenda 2021 a rehabilitación e o alugueiro social.
Reclámase tamén "erradicar o curtopracismo e a descoordinación institucional na acción política"
Reclámase tamén "erradicar o curtopracismo e a descoordinación institucional na acción política". E lémbrase a necesidade de "manter servizos básicos contra a exclusión territorial e a pobreza rural", sanitarios, sociais, educativos, transporte ou vivenda e erradicación da fenda dixital e de acceso ás novas tecnoloxías.
Proponse tamén un Plan galego de loita contra a soidade non desexada e igualmente unha Lei ou Estratexia Galega contra a violencia machista, en especial á máis extrema (prostitución, trata, senfogarismo) e unha Lei Integral contra a Trata de mulleres e nenas con fins de explotación sexual. De igual xeito, rexéitanse as diferenzas entre “pobreza de aquí e de alá” e pídese garantir un 0,2% dos orzamentos consolidados da Xunta de Galicia dedicados á loita contra a pobreza en países empobrecidos.