Durante as últimas semanas, persoas perceptoras da Risga (Renda de Inclusión Social de Galicia) están a recibir cartas nas que a Xunta lles reclama a devolución de todas as mensualidades cobradas desde que solicitaron o Ingreso Mínimo Vital (IMV) que o Goberno central instaurou o pasado mes de xuño.
A Xunta reclama a persoas sen recursos que devolvan varios meses da Risga ao mantela incompatible co Ingreso Mínimo Vital
Ata perto de 4.000 euros son reclamados a algunha persoa, segundo denunciaran en Praza.gal varias entidades sociais, desde o pasado mes de abril. Só días despois de que o Estado comezase a ingresar dunha vez e de maneira retroactiva todos os meses pendentes, a Xunta solicita a devolución de todo o cobrado da renda autonómica durante os meses nos que se percibiron ambas prestacións, por seren incompatibles.
Agora, a Xunta sinala o Goberno central, ao que pide que estableza “vías de coordinación real” para "superar as eivas do IMV". Así o demandou a conselleira de Política Social, Fabiola García, tras participar este martes nunha reunión do Consello Territorial de Servizos Sociais, acompañada polo director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado.
A Xunta recoñece que está a reclamar a devolución de mensualidades da renda autonómica, unha situación que afecta xa unhas 2.000 persoas, culpa o Executivo central e pide un "mecanismo de compensación para evitar que as persoas que transitaron da Risga ao IMV se vexan prexudicadas a causa dos meses nos que compatibilizaron ambas prestacións, polos atrasos na concesión do IMV".
Política Social pide ao Estado "un mecanismo de compensación para evitar que as persoas que transitaron da Risga ao IMV se vexan prexudicadas"
Parrado xustifica que a Administración galega seguise concedendo a Risga a quen xa solicitara o IMV en que se fixo "para axudar estas persoas a saír adiante" e porque "tardaron meses en ver resolta a súa solicitude". Pero nada di da incompatibilidade da renda autonómica co Ingreso Mínimo Vital, que a Xunta mantén malia que abonda unha reforma lexislativa que permitiría compaxinar ambas axudas, tal e como se aplica en moitas outras comunidades autónomas e tal e como reclaman entidades sociais e formacións políticas.
Porque o Goberno de España concibiu o IMV como "compatible" coas rendas de inclusión ou de garantía de ingresos xa existentes nas comunidades autónomas. Aínda que ambas prestacións son diferentes en contías e condicións, unha parte da poboación á que se dirixen é coincidente e, segundo dixera o Ministerio de Inclusión e a Vicepresidencia de Dereitos Sociais, a intención é que puidesen "complementarse". Pero isto non sucede en Galicia e non sucederá ata que o Parlamento tramite unha reforma da lei de inclusión social. Constituída a nova Cámara lexislativa desde o pasado agosto, non hai traza aínda de mudanza ningunha.
Para que a compatibilidade fose posible, debería tramitarse unha reforma da norma da que, dende 2013, depende a aplicación da Risga, existente dende 1991. Dende 2019 -con máis de cinco anos de atraso sobre o estipulado na devandita lei-, a renda de inclusión está tamén regulada por un decreto de seu. Ambas normas fixan o réxime de incompatibilidades da Risga e considerána incompatible "coas pensións non contributivas ou con calquera outra prestación ou pensión de importe igual ou superior ás ditas pensións".
O Goberno central concibiu o IMV como "compatible" coa Risga, pero en Galicia só sería posible de reformarse a lei de inclusión social
Dado que o mínimo de renda que garante o ingreso mínimo vital é exactamente o mesmo que o das pensións non contributivas (PNC), 5.538 euros anuais para unha persoa adulta soa, esta disposición converte de facto a Risga en incompatible co ingreso mínimo vital. Así, aínda que a regulación estatal considere o IMV compatible cunha prestación como a Risga, a regulación da Risga si a fai incompatible co IMV. Para superar este atranco cómpre que o Goberno galego ou os grupos parlamentarios impulsen unha reforma lexislativa e que o Parlamento a aprobe.
Nada se sabe desta opción polo momento. Mentres, a Xunta pide ao Goberno central que a tramitación do IMV sexa "áxil, accesible e eficaz" e reclama o traspaso da súa xestión ás comunidades autónomas. Ademais, a Consellería de Política Social denuncia que "a actual situación, derivada da accidentada posta en marcha do IMV e das sucesivas modificacións que se introduciron na súa normativa durante o último ano, está xerando saturación nos servizos sociais básicos". E reclama que o Estado incremente o seu financiamento para facer fronte ao número crecente de solicitudes.