En maio do ano 2020, en plena crise económica provocada pola pandemia de COVID-19, o Goberno central aprobaba o Ingreso Mínimo Vital, unha nova prestación que buscaba chegar onde as anteriores rendas mínimas (como a RISGA) non chegaban. Nese momento o Executivo fixou como obxectivo que o IMV chegase a 40.000 familias en Galicia, cubrindo así as necesidades básicas dunha porcentaxe significativa do case medio millón de persoas que se atopan en risco de pobreza no noso país. Porén, despois de dous anos de aplicación da prestación, o seu alcance segue lonxe dese obxectivo inicial.
Neste momento unhas 52.600 persoas reciben o Ingreso Mínimo Vital en Galicia, o dobre que hai un ano, pero aínda lonxe do obxectivo do Goberno central
Neste momento unhas 52.600 persoas reciben o Ingreso Mínimo Vital en Galicia. A cifra duplica os datos de hai pouco máis dun ano (eran 24.000 persoas en marzo de 2021), pero só alcanza a cubrir o 10,72% das 490.000 persoas en risco de pobreza en Galicia. A cobertura no noso país é, ademais, inferior á da media do Estado Español (13,35%) e sitúase aínda máis lonxe dos datos de Navarra (28%), Euskadi (22%), A Rioxa (18%), Andalucía, Castela e León ou Aragón (17%).
A cifra de beneficiarios do IMV é moi superior á das persoas que recibían a RISGA, unhas 9.738 axudas en 2019, con 27.538 beneficiarios
A cifra de beneficiarios si é moi superior á das persoas que antes da posta en marcha do Ingreso Mínimo Vital recibían a Renda de Integración Social de Galicia (no 2019 foron 9.783 as axudas concedidas, que descenderon un 35% no primeiro ano de aplicación do IMV, sumando ao redor de 27.538 beneficiarios). Aos problemas de tramitación do IMV e á lentitude da súa posta en marcha, en Galicia súmanse outras dificultades, provocadas pola non actualización por parte da Xunta da Lei de inclusión social de 2013, que fai incompatible o IMV e a Risga.
A pesar de que o IMV foi concibido para ser "compatible" coas rendas de inclusión que as comunidades autónomas xa tiñan en marcha, a Lei de inclusión social de 2013 estableceu que a Risga é incompatible con outras prestacións similares e nos últimos dous anos o Goberno galego non foi quen de adaptala, a pesar das demandas e críticas de entidades sociais e das forzas da oposición.
Aos obstáculos burocráticos do IMV, en Galicia súmanse outras dificultades provocadas pola non actualización por parte da Xunta da Lei de inclusión social de 2013, que fai incompatibles as dúas prestacións
A consecuencia da inacción do Goberno galego foi que nos últimos meses un gran número de persoas beneficiarias da Risga recibiron cartas da Xunta nas que lles reclamaban a devolución de mensualidades cobradas mentres agardaban pola resolución positiva ou negativa do IMV), unha prestación que acumulou moitos atrasos pero que finalmente recibiron a través dun ingreso retroactivo.
As reclamacións superaron nalgúns casos os catro mil euros, indicando o Goberno galego que se as persoas afectadas (familias con poucos recursos e en situación de vulnerabilidade) non reintegraban nun prazo máximo de 30 meses os cartos cobrados "indebidamente" podían ter que aboar igualmente xuros de demora. Porén, varias sentenzas xudiciais anularon as reclamacións que Política Social fixo a persoas nesta situación para que devolvesen os cartos cobrados da Risga, indicando estes ditames que a devolución do xa cobrado só pode solicitarse se houbo fraude ou ocultación.
En Galicia só se concederon o 33% das solicitudes de IMV presentadas, cos peores datos na provincia de Pontevedra
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais publicou este mércores un informe non que critica a lentitude de aplicación do IMV, lembrando que a cifra total de persoas beneficiarias no Estado (ao redor de 1,2 millóns) é aínda a metade dos 2,3 millóns que esperaba acadar o Goberno central.
O IMV arrastrou dende o seu comezo un gran número de problemas burocráticos e dificultades na súa tramitación, que só en parte foron subsanados nos últimos meses. Por exemplo, en Galicia só se concederon ata o momento ao redor dun terzo das solicitudes presentadas (33%, dato de setembro de 2021), denegándose o 65%. A porcentaxe de expedientes aprobados é algo maior en Lugo (38%) e A Coruña (36,6%), baixa en Ourense (32,6%) e acada as menores cifras en Pontevedra (28,8%)
"As trabas burocráticas poden estar a xerar un gran volume de traballo administrativo, con poucos resultados para a poboación en risco de pobreza", denuncia a entidade
A Asociación de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais denuncia que "as trabas burocráticas poden estar a xerar un gran volume de traballo administrativo, con poucos resultados para a poboación en risco de pobreza". "As 'colas da fame' deberían avergoñar aos gobernantes e en lugar de ser noticia, tería que selo a denuncia continua da impericia do Goberno na xestión da 'vacina contra a pobreza', que é o Ingreso Mínimo Vital", conclúe a entidade.