A pandemia de COVID e as súas consecuencias económicas nos últimos dous anos fixeron máis pobres aos pobres e excluíron máis aos colectivos que xa sufrían exclusión. A crise incrementou as desigualdades e atacou especialmente aos fogares que dependen de mulleres, á mocidade, ás persoas inmigrantes e, en xeral, a todos os grupos que previamente xa se atopaban nunha situación máis fráxil e que nos máis dos casos xa sufriran o impacto da Gran Recesión e aínda non se recuperaran dos seus efectos.
A diferenza entre a poboación con máis e menos ingresos aumentou máis dun 25%, cifra superior ao incremento rexistrado durante a crise de 2008
Son as principais conclusións do informe 'Evolución de la cohesión social y consecuencias de la Covid-19 en España', presentado este martes por Cáritas e a Fundación Foessa, unha completa radiografía social da crise provocada pola pandemia en todo o Estado, que destaca que a diferenza entre a poboación con máis e menos ingresos aumentou máis dun 25%, cifra superior ao incremento rexistrado durante a crise de 2008
Nos últimos anos o Informe Foessa tense convertido nun dos mellores instrumentos de análise da realidade social, sobre todo no que atinxe ao estudo da exclusión, a desigualdade e a pobreza. Na última edición do informe, publicado en 2019, uns meses antes do inicio da pandemia, alertábase xa da gran cantidade de persoas que en Galicia vivían na "antesala da exclusión", ou "no gume da navalla".
Cáritas recoñece que "a diferenza de crises anteriores, houbo unha resposta máis rápida e global das políticas públicas para conter o aumento das necesidades sociais", pero pide mellorar a cobertura do Ingreso Mínimo Vital ou incrementar o SMI
A maior parte destes colectivos máis débiles sufriron un forte impacto nos últimos anos, polo que Cáritas fai un chamamento a reforzar as políticas sociais. Aínda que recoñece que "a diferenza de crises anteriores, houbo unha resposta máis rápida e global das políticas públicas para conter o aumento das necesidades sociais", reclama pasos adiante para mellorar a cobertura do Ingreso Mínimo Vital, incrementar o Salario Mínimo, manter as medidas provisionais (contra os desafiuzamentos, os ERTE, axudas sociais) adoptadas durante a pandemia, ou poñer en marcha accións para mellorar o acceso á vivenda, un dos aspectos nos que máis incidían anteriores informes.
Mulleres, mocidade e traballadores pobres
Cáritas e Foessa destacan que a pandemia aumentou a fenda de xénero, sinalando que a exclusión social medrou máis do dobre nos fogares cuxa sustentadora principal é unha muller, pasando do 18% en 2018 ao 26% en 2021, mentres que no caso dos fogares sustentados por homes pasou do 15% ao 18%.
A exclusión social medrou máis do dobre nos fogares cuxa sustentadora principal é unha muller
Tamén subliñan que en 2021 sumáronse máis de 650.000 persoas novas (entre 16e 34 anos) á situación de exclusión, a maioría en situación de exclusión severa. Isto significa un total de 1,4 millóns de mozos e mozas vivindo en situación de exclusión severa. A taxa de exclusión da poboación menor de 30 anos triplica á da poboación maior de 65 anos.
O informe salienta que "hai un grupo de mozos que experimentou xa dúas crise moi importantes xusto nunha fase esencial dos seus proxectos vitais nos que ten lugar a transición ao emprego ou á construción de novos fogares"
O informe salienta que "hai un grupo de mozos que experimentou xa dúas crise moi importantes xusto nunha fase esencial dos seus proxectos vitais nos que ten lugar a transición ao emprego, á vida adulta, á emancipación ou á construción de novos fogares: aos que tiñan 18 anos en 2008 alcanzoulles a crise de 2020 con 30 anos.
En parte, as situacións de pobreza que sofre a mocidade están relacionadas coa precariedade laboral que sofren. O informe alerta dun "empeoramento das condicións de traballo que xera máis traballadores pobres" e explica que ademais dos baixos salarios, "o que empobrece a moitos traballadores é moitas veces traballar unha xornada de 3 horas cando poderían e desexarían traballar unha xornada completa, ou a temporalidade e estacionalidade dos contratos".
Cáritas e Foessa inciden en que o"' aumento da pobreza constatado nos primeiros meses da pandemia produciuse cando un segmento non pequeno dos fogares vulnerables non culminara o proceso de recuperación da crise de 2008". "Moitos deles esgotaran os seus recursos despois de varios anos de acomodación dos seus gastos e estratexias a unha situación prolongada de precariedade", explican.
A desconexión dixital é o novo analfabetismo do século XXI
Un 17% dos fogares en exclusión severa manifesta ter perdido distintas oportunidades por non se poder conectar a internet
O informe tamén dedica un espazo a alertar do crecente problema da exclusión dixital, isto é, das persoas que non poden acceder á rede ou non saben como facelo, o que lles impide acceder a oportunidades laborais, formativas ou a servizos de todo tipo. Para Cáritas e Foessa, a pandemia destapou "un novo factor de exclusión social", concluíndo que "a desconexión dixital é o novo analfabetismo do século XXI". O informe calcula que "o apagamento dixital" afecta ao 35% da poboación, ben por non dispor dos aparellos necesarios, por carecer dunha conexión axeitada á rede (21%) ou das habilidades necesarias para a súa manexo (29%).
Un 17% dos fogares en exclusión severa manifesta ter perdido distintas oportunidades por non se poder conectar a internet (fronte a un 4,5% do conxunto da poboación). Entre elas, oportunidades de emprego, de acceso á formación, aos dereitos mediados polas administracións públicas ou de manter relacións sociais de apoio mutuo.
Medidas de solución
Cáritas reclama que se manteñan as medidas provisionais tomadas no caso da saúde, a vivenda ou a protección social
O informe inclúe unha serie de demandas e propostas de solución para os varios problemas apuntados. Cáritas destaca que "a diferenza de crises anteriores, houbo unha resposta máis rápida e global das políticas públicas para conter o aumento das necesidades sociais, o que puido contribuír a aliviar o impacto desta nova crise". Porén, critica que "ese efecto amortiguador quedou limitado pola demora nos cobros dalgunhas axudas e as dificultades de acceso a elas dos colectivos máis vulnerables".
Cáritas reclama que se manteñan as medidas provisionais tomadas no caso da saúde, a vivenda ou a protección social, destacando que "o reto do sistema de protección social é evitar que estas novas situacións de vulnerabilidade e intensificación da exclusión severa transfórmense en crónicas". E conclúe que se debe "reimpulsar o modelo de estado de benestar no seu conxunto, cunha orientación clara cara ao acceso aos dereitos como canle para a inclusión social e o 'rescate' dos sectores máis excluídos".
O informe incide especialmente no dereito á vivenda, reclamando facilitar o acceso das persoas e colectivos excluídos. Dende o 2018 case se duplicou o número de fogares con problemas para pagar o alugueiro ou a hipoteca
Entre as medidas nas que máis incide o informe está a mellora da cobertura do Ingreso Mínimo Vital, o incremento do Salario Mínimo Interprofesional e o complemento dos "salarios escasos" con outras medidas redistributivas, a modo de estímulos ao emprego, ben a partir de prestacións complementarias para os traballadores de baixos salarios, ben como deducións fiscais reembolsables. Tamén reclama melloras na sanidade, de cara a "garantir un sistema de saúde público de calidade" e un "cambio de estratexia e paradigma no ámbito da atención a persoas en situación de dependencia e con necesidade de coidados".
Finalmente, incide especialmente no dereito á vivenda, reclamando facilitar o acceso das persoas e colectivos excluídos. Neste senso, lembra que dende o ano 2018 duplicouse a porcentaxe de fogares que residen en vivendas insalubres (o 7,2% en 2021) ou en situación de amoreamento (o 4% en 2021). Ademais, case se duplicou o número de fogares que sufriron atrasos ou non tiveron diñeiro suficiente para o pagamento dalgún dos gastos relacionados coa vivenda, dende o alugueiro á hipoteca.