O Ingreso Mínimo Vital é a prestación da Seguridade Social lanzada polo Goberno de España na primavera de 2020 e concibida como unha achega económica para persoas en situación de pobreza que fose compatible coas rendas mínimas ou de inclusión xa existentes nas comunidades autónomas, caso da Risga da Xunta. Neste tempo, as persoas solicitantes víronse inmersas nun labirinto burocrático lastrado polo atasco administrativo e as demoras. Tamén por resolucións que, en moitas ocasións, acaban en reclamacións ante a Administración ou mesmo ante a Xustiza.
A porcentaxe de resolucións xudiciais favorables á persoa reclamante do IMV supera en Galicia a media estatal en vinte puntos
Segundo os datos obtidos por Civio e publicados por este medio, especializado na procura da transparencia nas Administracións públicas, nos primeiros nove meses de 2021 emitíronse en Galicia medio cento de sentenzas xudiciais por outros tantos casos nos que persoas solicitantes do IMV levaran a Seguridade aos Tribunais. O 60% destas sentenzas foron favorables á persoa reclamante, o cal implica, como explica Civio, que "a Xustiza decretou que o Estado subestimou ou denegou a prestación cando non correspondía".
Como amosa o gráfico sobre estas liñas, no momento en que están datados os datos obtidos por Civio aínda quedaban 75 litixios sobre o IMV pendentes de resolución en Galicia. Fóra desta conta están os 19 procesos que non chegaron a termo e o único que foi arquivado.
A porcentaxe de sentenzas sobre o IMV rexistradas en Galicia con resultado favorable para a persoa solicitante supera moi notablemente a que se rexistra no conxunto do Estado. Sempre segundo os datos obtidos por Civio, no mesmo período (do 1 de xaneiro ao 1 de outubro de 2021), en todo o Estado rexistráronse 263 sentenzas en litixios deste tipo. Catro de cada dez foron favorables á persoa reclamante, pero na maior parte dos casos (152) o xulgado ditaminou que a razón estaba do lado da Seguridade Social. Nesa altura eran máis de 1.200 os litixios pendentes.
Na súa análise dos datos, Civio destaca tamén a notable diferenza territorial no resultado destes procesos e pon o foco na elevada porcentaxe de casos que, no caso galego, tiveron resultado favorable para a persoa reclamante. Os datos son especialmente rechamantes en tres das catro provincias galegas (Lugo, Ourense e Pontevedra), que son as que contribúen a que o dato global galego chegue á devandita proporción do 60% de sentenzas favorables ás persoas reclamantes.
Máis de 3.500 reclamacións pendentes de resolver
Seis de cada dez reclamacións contra resolucións do IMV presentadas en Galicia ata o pasado outubro estaban sen resolver
Os devanditos procesos xudiciais contra a Seguridade Social por conflitos nas solicitudes do Ingreso Mínimo Vital adoitan chegar despois de reclamacións ante a propia Administración. Segundo os datos obtidos por Civio, nos primeiros nove meses do ano formuláranse en Galicia 5.630 reclamacións, das que 3.520 estaban pendentes de resolución, o 62,5% do total.
Ese total de reclamacións pendentes é unha suma de todas as que non foron respondidas e inclúe tanto as que aínda están en prazo como as que xa pasaron a ser consideradas silencio administrativo, que neste caso equivale a contestación negativa. Como amosa o gráfico sobre estas liñas, neses primeiros nove meses do ano houbo en Galicia 565 respostas a reclamacións contra resolucións do IMV que foron estimadas, mentres que outras 1.545 foran desestimadas pola Administración.
Nova lei e atrancos en Galicia por non ser compatible coa Risga
A nova lei do ingreso mínimo vital crea o complemento de axudas á infancia e introduce mudanzas coas que o Ministerio de Inclusión pretende paliar as eivas burocráticas na súa xestión
Estes datos recompilados por Civio evidencian as eivas dunha prestación que, de agora en diante, deixará de estar rexida polo Real Decreto coa que foi creada, no ano 2020, para estar regulada por lei. O Congreso dos Deputados aprobaba definitivamente este 16 de decembro a Lei do Ingreso Mínimo Vital, unha norma que, destaca o Ministerio de Inclusión, inclúe "melloras" coma o complemento de axudas á infancia (100 euros por fogar ao mes cando nel residan nenas ou nenos de 0 a 3 anos, 70 euros se teñen de 3 a 6 e 50, dos 6 á maioría de idade).
Subliña o departamento de José Luis Escrivá que a lei palía ademais unha das eivas que viñan sinalando tanto persoas perceptoras como entidades sociais: "converte en permanente a posibilidade de solicitar a prestación cos ingresos do ano en curso" para poder atender situacións de dificultades económicas sobrevidas. Ao tempo, a lei dá cobertura ao denominado Rexistro de Mediadores do Ingreso Mínimo Vital, que permitirá a entidades sociais "acreditar a idoneidade dos potenciais beneficiarios" e pretende reducir os tempos de tramitación.
Segundo os datos do Ministerio, a 3 de decembro deste ano eran 362.017 as solicitudes de Ingreso Mínimo Vital que foran aprobadas, con algo máis de 824.000 persoas beneficiarias das que 305.000 son menores de idade. No caso de Galicia, indica o departamento estatal, as resolucións aprobadas son 17.700 e o total de persoas beneficiarias, case 37.000, unhas 13.000 delas menores de idade.
O IMV segue sendo incompatible coa Risga malia que o Estado concibiu a súa prestación para ser combinada coas autonómicas. Para que o fosen sería precisa unha reforma que a Xunta aínda non acometeu
Xunto cos problemas de tramitación ou as devanditas demoras nas reclamacións, no caso de Galicia as persoas solicitantes do IMV atopáronse en moitos casos cun atranco adicional: a lei galega de inclusión social fai que a prestación estatal sexa incompatible coa Renda de Inclusión Social de Galicia (Risga) e, ao contrario do acontecido noutras comunidades autónomas, o Goberno galego non emprendeu unha reforma inmediata para propiciar a compatibilidade. Ben ao contrario, a ausencia desta reforma acabou derivando en que a propia Xunta reclamase a persoas sen recursos que devolvesen varias mensualidades da Risga, cobradas mentres se tramitaba a súa solicitude de IMV, que unha vez concedida supuxo cobrar varios meses retroactivamente.
Foi en setembro deste 2021, tras máis dun ano co IMV en vigor, cando a Consellería de Política Social lanzou a reforma da lei que regula a Risga para adaptala á existencia do ingreso mínimo. A intención da modificación, indicou o departamento que dirixe Fabiola García, é introducir "melloras na xestión" das prestacións e achegar "seguridade xurídica", pero sen aclarar se prevé que sexan compatibles, como preveu o Estado. Co ano a piques de rematar, o Goberno galego aínda non enviou a reforma ao Parlamento.