De Cangas a Riós: doce concellos cambiarán de nome

Mapa cos concellos que mudarán os seus topónimos, sobre unha vista de Cangas CC-BY-NC-SA Montaxe e mapa: Praza.gal | Foto: Concello de Cangas

A Cañiza pasará a ser A Caniza, Cangas será Cangas de Morrazo, Castro Caldelas denominarase O Castro de Caldelas, Oza-Cesuras, Mondariz-Balneario e Cerdedo-Cotobade perderán o guión e Porto do Son incorporará o artigo —O Porto do Son—, ao igual que O Riós, O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín.

En total, doce concellos galegos cambiarán o seu nome oficial se o Consello da Xunta dá o visto e prace á proposta de actualización do Nomenclátor feita pola Real Academia Galega (RAG) e que vén de aprobar a Comisión de Toponimia do Goberno galego. 

Un documento presentado polo Seminario de Onomástica da RAG que incrementa a case 43.000 (42.909) os nomes de concellos, parroquias e lugares rexistrados tras a revisión de case 4.400 nomes. Dos resultados desta detallada análise e estudo ditouse un novo ditame para 2.624 denominacións, moitos deles para incorporarlles artigos ou para restituír as formas dialectais propias de cada zona.

A Comisión de Toponimia da Xunta aproba a proposta da RAG para cambiar o nome de doce concellos e máis de 2.600 parroquias e lugares

A RAG "celebra" a aprobación da proposta, presentado polo coordinador do Seminario de Onomástica, Antón Santamarina, este venres na xuntanza da Comisión de Toponimia canda outros académicos e persoal técnico da Academia. 

O presidente da RAG, Henrique Monteagudo, compareceu xunto ao conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, para informar das principais novidades. “Os nomes de lugar teñen unha grande importancia mesmo para a identidade local, e é tarefa da Academia darlle a súa forma normativa, respectando, por suposto, as características dialectais de cada zona”, explicou. 

Ademais, lembrou que, segundo a Lei de Normalización Lingüística (1983), os topónimos de Galicia teñen como única forma oficial a galega e que lle corresponde á Xunta a sanción final das denominacións das entidades de poboación que propón a RAG.

López Campos, pola súa banda, destacou “a necesidade de actualizar" o Nomenclátor, "un labor imprescindible para non perder a nosa riqueza toponímica, e que nos comprometemos a revisar cunha maior periodicidade”.

Vista de Castro Caldelas CC-BY-SA HombreDHojalata

Segundo explica a Academia, algunhas incorporacións corresponden ao Nomenclátor a novas entidades de poboación, se ben a maioría, máis de 1.100, son nomes de aldeas non contempladas polo INE "por teren moi poucos habitantes, pero que se incorporan á listaxe grazas á información facilitada polos concellos, o Instituto de Estudos do Territorio e as persoas que colaboran con Galicia Nomeada", o proxecto da Academia e a Xunta para a xeolocalización de microtopónimos que designan leiras, montes ou veigas.

Riós, Campo Lameiro, Porto do Son e Ribeira de Piquín incorporan o artigo e A Pastoriza pérdeo; Cerdedo-Cotobade, Oza-Cesuras e Mondariz-Balneario perden o artigo

En canto aos criterios lingüísticos tidos en conta polos especialistas para propoñeren unha serie de cambios que pretenden emendar os erros detectados no Nomenclátor de 2003, a RAG aclara que son "a etimoloxía do topónimo, as atestacións escritas na documentación histórica, a tradición gráfica consolidada nos últimos dous séculos ou o uso oral e escrito que a veciñanza fai do topónimo" algúns dos máis relevantes.

A gran maioría dos cambios corresponden a nomes de lugares ou parroquias, pero hainos que tamén atinxen nomes de concellos. Así o municipio ourensán rexistrado como Riós pasa a se denominar O Riós, o coruñés Porto do Son tamén incorpora o artigo e recoñécese como O Porto do Son, o mesmo acontece con O Campo Lameiro ou A Ribeira de Piquín, mentres que Castro Caldelas pasa a denominarse O Castro de Caldelas; Pastoriza deixa atrás o artigo e A Cañiza é A Caniza. Cangas, pola súa banda, pasará a denominarse oficialmente Cangas de Morrazo, mentres que os concellos Cerdedo-Cotobade, Oza-Cesuras e Mondariz-Balneario perden o artigo. 

Cangas será oficialmente Cangas de Morrazo; Alfoz vira en Alfoz de Castro de Ouro e Castro Caldelas será O Castro de Caldelas

Outro dos concellos que tamén verá cambiado o seu nome é Alfoz, que pasaría a chamarse Alfoz de Castro de Ouro, unha nova denominación que foi incluída finalmente na proposta malia que houbo dúbidas ata o último momento. 

Esta proposta da RAG, con todo, tardará en ser efectiva segundo explican fontes da propia Academia, que esperan un "proceso longo" ata que as mudanzas sexan definitivas. No entanto, concellos como o de Riós comparten xa na súa web oficial o actual e o futuro nome. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.