Abelaído ou Balaído veñen designar un bosque de abeleiras, destaca Gonzalo Navaza, que comenta que o plural Balaídos acabou por se impoñer e popularizar, ligado ao estadio do Celta
De onde vén o toponimo Orzán? E Balaídos? E Agolada? E cal é a orixe de Moeche? A Real Academia Galega ofrece na súa canle de Youtube unha nova tempada da serie audiovisual O Seminario de Onomástica responde, na que académicos e académicas e filólogos da RAG explican a orixe e o significado de distintos topónimos do país.
Entre os capítulos máis destacados desta nova entrega destacan os dedicados a dous lugares clave nas cidades de Vigo e A Coruña, Balaídos e Orzán. O académico de número Gonzalo Navaza explica ao pé do campo de fútbol a orixe e o significado deste topónimo vigués, mentres que o filólogo da RAG Iván Méndez pisa a area do Orzán para profundar na historia destoutro nome da terra tan singular e vencellado á cidade herculina.
Balaídos: bosque de abeleiras
A Real Academia Galega ofrece na súa canle de Youtube unha nova tempada da serie audiovisual O Seminario de Onomástica responde, na que académicos e académicas e filólogos da RAG explican a orixe e o significado de distintos topónimos do país
Gonzalo Navaza explica que antes que Balaídos apareceu o topónimo Balaído, que sinalaba, segundo a documentación histórica, a ponte que atravesa o Lagares (río que antigamente se chamaba Sárdoma, topónimo este último que hoxe só se conserva como de parroquia). Balaído designaba ademais distintos puntos da mesma zona situada entre as parroquias de Matamá, Comesaña, Castrelos e Coia: Balaído da Ponte, Balaído de Dentro, Balaído de Fóra... Porén, co tempo o plural Balaídos acabou por se consolidar como forma habitual a través do nome do estadio do Celta.
O topónimo é un nome colectivo de abeleira, resultado da alteración dun antigo Abelaído. Así pois, Balaído perdeu o a- inicial e alterou tamén o vocalismo respecto á súa forma inicial. En calquera caso, Abelaído ou Balaído veñen designar un bosque de abeleiras, como tamén fan Abeledo, Abeleda, Abelendo, Abelenda e mesmo Abelaído e Abelaíndo.
O Nomenclátor de Galicia informa de que hai dúas entidades de poboación chamadas Abelaído no concello pontevedrés da Lama e no ourensán de San Xoán de Río, e mais unha variante nasal, Abelaíndo, que designa un núcleo de poboación do concello pontevedrés de Cerdedo-Cotobade.
Orzán: auga que flúe
Iván Méndez apunta que a orixe etimolóxica de Orzán pode estar ligada a Ortia ou Ortium que poden significar ‘auga que flúe’, neste caso do mar
Pola súa banda, o filólogo da Real Academia Galega Iván Méndez afonda na orixe do topónino Orzán, que dá nome a a toda a enseada coruñesa tamén coñecida como Mar do Orzán, entre a torre de Hércules e o monte de San Pedro (identificado no mundo mariñeiro como monte da Penaboa ou simplemente como A Penaboa).
Derivados de Orzán hai topónimos antigos como A Cancela do Orzán ou O Curro do Orzán, este último xa perdido; o da rúa do Orzán, que naceu coa construción na zona dunha serie de vivendas dende finais do século XVII; e o da Agra do Orzán, un dos barrios máis populosos da cidade da Coruña, que ata mediados do século XX era un inmenso terro de cultivo.
Derivados de Orzán hai topónimos antigos como A Cancela do Orzán ou O Curro do Orzán, este último xa perdido; o da rúa do Orzán e o do barrio da Agra do Orzán
Méndez apunta que a orixe etimolóxica de Orzán pode estar ligada a Ortia ou Ortium que poden significar ‘auga que flúe’, neste caso do mar, como tamén sucede co río Orza. “Antigamente toda a zona da Pescaría era unha illa e o mar do Orzán pasaba entre ela. Polo tanto, esa hipótese de ‘auga que flúe’ veríase referendada por esa situación. Consideramos que esta tese pode explicar moi ben a orixe deste topónimo tan propio da cidade da Coruña”, conclúe Iván Méndez.
Fóra da Coruña, o Nomenclátor non rexistra ningunha entidade de poboación con este nome e a base de datos de Galicia Nomeada, e só identifica un Monte de Orzán no concello de Viana do Bolo, á beira do río Bibei.
Os outros sete capítulos detéñense na orixe dos topónimos de Agolada, Cereixo (Vimianzo), Chamoso (O Corgo), Eiré (Pantón), Moeche, Palas de Rei e Vilariño de Conso
A última tempada do Seminario de Onomástica responde conta con outros sete capítulos dedicados a outros sete nomes da terra de distintos puntos de Galicia. A académica correspondente Luz Méndez aborda as distintas hipóteses sobre o do termo municipal pontevedrés de Agolada; o académico correspondente Xosé María Lema conduce o episodio sobre a parroquia de Cereixo, no concello de Vimianzo; Óscar Castro achégase a Chamoso, nome dun río e dunha parroquia do Corgo; o académico correspondente Antón Palacio fala de Eiré, topónimo único no Nomenclátor de Galicia que designa unha das parroquias de Pantón.
Finalmente, a historia de Moeche é rescatada pola académica de número Ana Boullón; o coordinador do Seminario de Onomástica, o académico de número Antón Santamarina, continúa a súa ruta polos concellos do Camiño Francés, desta volta con parada en Palas de Rei; e o coordinador da unidade técnica de toponimia, Vicente Feijoo, dedícalle un episodio ao concello ourensán de Vilariño de Conso.