No inicio deste ano 2020 tan particular botou a andar oficialmente o proxecto Galicia Nomeada, unha iniciativa da Real Academia Galega -co apoio da Xunta- que busca recoller a microtoponimia tradicional e que anima á cidadanía a colaborar para recoller alí os nomes empregados tradicionalmente nas súas zonas.
O proxecto suma ao redor de medio millón de topónimos e microtopónimos
Dende a súa posta en marcha, a plataforma sumou ao redor de 20.000 novos topónimos, remitidos por un total de 1.300 persoas colaboradoras. Arredor do 75% dos vinte mil nomes xa foron validados lingüisticamente polo equipo de especialistas do Seminario de Onomástica da Real Academia Galega que coordina e revisa este traballo. Leiras, devesas, fontes, penedos ou veigas que enriquecen unha base de datos que se achega ao medio millón de topónimos e microtopónimos. Todos estes nomes poden ser consultados a través da web e da aplicación Galicia Nomeada para dispositivos móbiles.
1.300 persoas enviaron as súas achegas cos nomes das súas zonas
Nos nove primeiros meses deste ano, e a pesar das dificultades engadidas pola pandemia de coronavirus, engadíronse 13.000 novos nomes, que se sumaron aos 6.600 incorporados durante 2019 na fase de probas desta ferramenta informática. A Real Academia destaca que "o número de solicitudes de persoas interesadas en sumarse ao proxecto non deixou de medrar durante o estado de alarma", subliñando que "as cifras dos últimos meses dan conta da boa acollida que está a ter a iniciativa, mais tamén da importancia que para a poboación ten salvagardar e difundir a microtoponimia tradicional como parte importante do patrimonio cultural de Galicia".
Moitos microtopónimos "están na memoria da xente maior, e a xente maior vainos abandonando e moitos lugares van quedando deshabitados"
O concello de Rianxo é o termo municipal cun maior número de achegas, con máis de 1.800 topónimos engadidos, seguido moi de preto por Silleda con máis de 1.400 e Mondariz con 1.300. Pola contra, noutros 37 concellos, como Laxe, Muxía, Tordoia, Trazo, Becerreá, Cervantes, Negueira de Muñiz, A Peroxa, Barbadás, Laza, Lobeira, Cuntis, Forcarei ou Meis, aínda non se rexistrou ningún microtopónimo. Na maioría destes últimos, polo seu acelerado despoboamento, "é moi urxente a recolla da toponimia canto antes", alerta a Academia, que fai un chamamento ás persoas destes e doutros concellos "para unirse a esta iniciativa e que non deixen perder esa parte tan importante da historia da súa terra e dos seus antepasados".
"A microtoponimia é o espello no que podemos ver a pequena historia de cada aldea. Cada nome está posto por algo", destacaba o pasado mes de decembro Vicente Feijóo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG. Feijóo alertaba da urxencia de realizar este traballo, pois moitos microtopónimos "están na memoria da xente maior, e a xente maior vainos abandonando e moitos lugares van quedando deshabitados"
Usuarios e usuarias máis activas
O concello de Rianxo é o termo municipal cun maior número de achegas, con máis de 1.800 topónimos engadidos, seguido moi de preto por Silleda con máis de 1.400 e Mondariz con 1.300
Entre os usuarios máis activos no sistema destacan Alberte Reboreda, que incluíu 2.169 topónimos nos concellos de Mondariz Balneario e Mondariz, e o alumnado do IES Pintor Colmeiro, que achegou 1.187 topónimos do concello de Silleda procedentes do proxecto didáctico A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda, traballo de recompilación toponímica e lendaria que gañou o Premio Didáctico Antonio Fraguas no curso escolar 2014-2015.
Destacan tamén as achegas de Susana Silva, con máis de 1.000 topónimos compilados en Rianxo; Ana Clotilde Bravo, tamén con máis de 600 no mesmo concello; Xoán Carlos García Porral, que traballou Lalín con 630 nomes (ademais de dirixir os seus alumnos do IES Pintor Colmeiro de Silleda); Xulio Dobarro no Irixo (515); Rocío Romar (500) en Malpica de Bergantiños; Miguel Conde (461) na Pobra do Caramiñal; Ana Martina Varela (400) en Cabana de Bergantiños; ou Sandra Beis (376) en Touro.