Que nomes lles poñemos ás rúas? A recuperación da toponimia tradicional mírase no espello de Pontevedra

A Coruña, vista dende A Gramela CC-BY-SA Jglamela

A Carrasqueira, O Espincelo, Chan da Parafita, As Regas, Agro das Estrela... Nos últimos anos o Concello de Pontevedra recuperou para as súas rúas un gran número de denominacións tradicionais, os topónimos preexistentes en zonas que posteriormente foron urbanizadas. Non é algo que suceda en todas as cidades e vilas. Nos máis dos casos adóitase reservar para a maior parte das novas denominacións de vías públicas e outros espazos nomes de persoeiros aos que se quere deste xeito homenaxear. Porén, esta práctica (independentemente do consenso social que xere esa nova denominación) leva á desaparición definitiva dos topónimos preexistentes no lugar.

Nos últimos anos o Concello de Pontevedra recuperou para as súas rúas un gran número de denominacións tradicionais

Expertos como o coruñés Iván Méndez avogan por primar esta recuperación na microtoponimia tradicional no proceso de nomeamento das rúas, aplicando noutros lugares a política desenvolvida nos últimos anos en Pontevedra. Méndez, que realiza a súa tese de doutoramento sobre a toponimia da cidade da Coruña, participou o pasado ano na IV edición das xornadas de Onomástica Galega, organizadas en Pontevedra pola Real Academia Galega. A RAG vén de publicar o libro que recolle os traballos presentados naquel encontro, entre os que se atopa a achega de Méndez, 'Pola rúa da Amargura: o declive da toponimia tradicional no nomenclátor urbano da Coruña', unha análise do proceso de desaparición destas denominacións na cidade herculina.

O proceso de expansión urbana levou por diante os antigos nomes dos lugares, dos camiños e agras sobre os que se ían trazando os novos barrios

Así foi sucedendo dende o século XIX, no que o proceso de expansión urbana da cidade levou por diante os antigos nomes dos lugares, dos camiños e agras sobre os que se ían trazando os novos barrios e ensanches. Nas décadas seguintes escolléronse denominacións honoríficas ou nomes de países, cidades ou ríos galegos, unha dinámica que foi semellante tanto na Segunda República coma na Ditadura franquista e tamén na restauración da Democracia a partir de 1977 e nos gobernos municipais posteriores. Con diferenzas, iso si, entre as mencións honoríficas escollidas no réxime franquista e nos períodos democráticos, pero substituíndo unhas e outras a toponimina preexistente.

Localización dos topónimos tradicionais no futuro barrio de Xuxán ©

A Coruña pode estar comezando a mudar esta dinámica. O vindeiro pleno municipal debaterá a escolla do nome de Xuxán para o barrio hoxe coñecido oficiosamente como Ofimático. Hai uns meses a alcaldesa Inés Rey encargoulle a RAG un informe sobre a toponimia existente no lugar, un informe que foi realizado polo propio Iván Méndez, técnico do seminario de Onomástica da Academia. Entre os topónimos do lugar destacou un -Xuxán-, que foi finalmente o proposto e o escollido.

"A escolla dunha persoa é unha cuestión moi subxectiva. Cando se lle pon a unha rúa o nome dunha persoa córrese o risco de que dentro dun tempo a consideración desa persoa sexa moi diferente"

Ademais da importancia que ten a recuperación da microtoponimia tradicional, Iván Méndez destaca as vantaxes que este tipo de nomes teñen sobre as denominacións honoríficas: "A escolla dunha persoa é unha cuestión moi subxectiva e sempre pode haber casos que xeren polémica. Moita xente pode dicir que Amancio Ortega merece unha rúa, e outros moitos dirán que non a merece", di. Hai que ter en conta que o tempo pon a cada quen no seu lugar. Cando se lle pon a unha rúa o nome dunha persoa córrese o risco de que dentro dun tempo a consideración desa persoa sexa moi diferente. Penso por exemplo nas rúas que hoxe levan o nome de Xoán Carlos I", sinala. "O tempo pasa e as glorias que hai 100 anos puido ter unha persoa para merecer ter unha rúa hoxe pode non ser relevantes", engade.

O exemplo de Pontevedra

Méndez aposta por aplicar na Coruña a política seguida nos últimos anos en Pontevedra polo Goberno de Miguel Anxo Fernández Lores. Con todo, cómpre ter en conta que a cidade pontevedresa tardou bastantes anos en aplicar de xeito decidido esta iniciativa, como explicou moi ben nesas mesmas xornadas de Onomástica Concepción Cochón Rodríguez, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Pontevedra. Nas décadas dos 80 e 90 predominaron as homenaxes a persoas (sobre todo homes), que dominaron as novas denominacións de rúas. 

Só a partir de 2003 gaña terreo a toponimia tradicional. O cambio máis importante chega no ano 2005, cando se crea un grupo de traballo municipal interdepartamental centrado na toponimia

A chegada do BNG ao poder en 1999 supuxo un cambio, pero o cambio aínda tardou varios anos en materializarse. No primeiro mandato de Fernández Lores os nomes conmemorativos de home seguiron mandando e só a partir de 2003 gaña terreo a toponimia tradicional. O cambio máis importante chega no ano 2005, cando se crea un grupo de traballo municipal interdepartamental centrado na toponimia, co obxectivo de coordinar a investigación para recuperar toponimia tradicional de fontes escritas. Así, entre 2005 e 2012 a meirande parte dos nomes das novas vías preservan a toponimia tradicional da zona, ben fixando os usos aínda vivos, ben recuperando formas antigas conservadas en fontes documentais escritas, destaca Concepción Cochón.

Barrio de San Roque, en Pontevedra CC-BY-SA Juantiagués

Dende o ano 2015 hai tamén unha aposta para homenaxear a mulleres no rueiro, aínda que dando prioridade á toponimia tradicional e así chegaron as avenidas Josefina Arruti Viaño e María Victoria Moreno, os parques María Vinyals e Amalia Álvarez ou as rúas Vasquida García, Dolores Trabado ou Ernestina Otero Sestelo. "A débeda coas mulleres é grande, pero xorde a dúbida de se no futuro se ponderarán os criterios marcados de forma favorable para a toponimia tradicional", escribe Concepción Cochón.

"A diferenza entre hodónimos conmemorativos dedicados a homes e mulleres é abismal. Porén, o noso territorio, o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva"

"A diferenza entre hodónimos conmemorativos dedicados a homes e mulleres é abismal. Porén, o noso territorio, o noso espazo público ten nomes propios de seu en perigo de extinción da nosa memoria colectiva", sinala, defendendo que "existen moitas maneiras de darlles visibilidade ás mulleres e moitos espazos para homenaxealas; e, ao contrario, a toponimia perde parte do seu sentido se a desvinculamos do lugar de orixe". "Non parece xusto devolverlle a visibilidade á nosa memoria feminina á custa de perdermos a memoria da nosa toponimia tradicional, que tamén é memoria histórica", conclúe.

Como facer compatible a recuperación da toponimia e o reequilibro de xénero?

"Galicia é un país que está moi toponimizado e podemos asegurar que en Galicia calquera anaco de terra habitada ten nome de seu"

Esta é unha dúbida que xorde cando se aposta pola recuperación da toponimia tradicional. Choca este obxectivo coas iniciativas que nos últimos anos están poñendo en marcha moitos concellos para rebautizar espazos con nomes de muller, modificando un rueiro ata agora dominado por completo polos homes?

"En parte, a aposta por respectar a toponimia tradicional si que implica renunciar a homenaxear persoas a través de darlle o seu nome a rúas e outros espazos", sinala de forma clara Iván Méndez. "Galicia é un país que está moi toponimizado e podemos asegurar que en Galicia calquera anaco de terra habitada ten nome de seu. Moitos, desafortunadamente, hoxe están perdidos ou en perigo de desaparición", destaca.

"Para honrar unha persoa hai moitas vías posibles, dende nomeala filla predilecta ou crear un premio co seu nome"

E conclúe: "debería primarse a recuperación da toponimia e unicamente recorrer a outros nomes cando non haxa outro recurso". E pon o exemplo da futura rúa Luísa Villalta, no propio barrio de Xuxán: "en Xuxán hai xa unha rúa Luísa Villalta, que é unha persoa que merece ter unha rúa na Coruña, pero no lugar que ocupa esa rúa hai topónimos previos". Méndez subliña que "para honrar unha persoa hai moitas vías posibles, dende nomealo fillo ou filla predilecta ou crear un premio co seu nome ou o que sexa".

Inauguración da Praza Elvira Bao Maceiras na Coruña, na celebración do 8 de marzo CC-BY-SA Praza Pública

Iso si, pode haber outras fórmulas, como a substitución de denominacións que hoxe xeran polémica e que nomean espazos que no pasado non contaban cun topónimo claro. "Temos unha rúa Primo de Rivera que foi de nova creación nun espazo no que non había un topónimo claro, como moito estarían nomeadas as rochas na liña de costa", di. "Aí si que poderías reinterpretar ese espazo e darlle un nome que servise para honrar a outra persoa, a alguén que na Coruña non estea suficientemente dignificada", engade.

Sobre todo tendo en conta que o nomenclátor urbano coruñés é esencialmente masculino: unha de cada tres rúas que pisamos as persoas que aquí habitamos teñen nome de home, coruñés ou non, case dez veces máis que as correspondentes rúas femininas, escribe Iván Méndez na publicación que vén de difundir a RAG.

Solucións de transición

Iván Méndez destaca que o desenvolvemento urbano propiciou a desaparición de multitude de microtoponimia de terreos, leiras, penas, pedras, camiños tradicionais, fontes, montes, outeiros e aldeas, que non foi considerada para incluír no nomenclátor e progresivamente foi perdendo peso a favor da hodonimia conmemorativa. Un proceso que se mantén a pesar de que a Lei do patrimonio cultural de Galicia de 2016 inclúe a toponimia como elemento do patrimonio inmaterial galego.

"Non se pode coller un nomenclátor e mudalo por completo, pero si se poden facer modelos de transición"

Ademais das apostas en barrios 'novos' como Xuxán, Méndez apunta a posibilidade de poñen en marcha iniciativas de transición, con denominacións dobres e un traballo de difusión pública. "Non se pode coller un nomenclátor e mudalo por completo, pero si se poden facer modelos de transición", di. "Seguramente é difícil agora cambiar o nome da avenida Linares Rivas por Garás. Pero si que nas placas se podería poñer 'Avenida Linares Rivas, antigo Camiño de Garás'. Sería unha forma de deixar constancia do que había antes e conseguir que a xente se vaia acostumando ao nome que había; e se cadra dentro dalgúns anos se pode pensar nun cambio oficial do nome", explica.

Avenida Linares Rivas, antigo Camiño de Garás CC-BY-SA Xosé Castro Roig

"Non somos uns conquistadores que chegamos a un sitio, colonizámolo e poñémoslle un nome novo. Neste lugar houbo antes un pasado que non pode ser borrado"

Defende, ademais, que se poña en marcha un traballo semellante ao que se está a levar a cabo en Pontevedra, contando cunha comisión de persoas expertas que participe na toma de decisións sobre os nomes que se lles dan aos espazos urbanos. "En Pontevedra antes de tomar unha decisión sempre se ten en conta o que alí había previamente. Sempre se investiga, e esa investigación non só ten un valor toponímico, senón que ten un valor histórico. Cando se afonda un pouco saen a relucir cousas da historia da cidade que nos comunica a toponimia", di. E remata: "non somos uns conquistadores que chegamos a un sitio, colonizámolo e poñémoslle un nome novo. Neste lugar houbo antes un pasado que non pode ser borrado".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.