Adeus, Ofimático. Ola, barrio de Xuxán

Urbanización Parque Ofimático, en construción © Google

Entre 1993 e 1994 a Xunta de Galicia expropiou 80.000 metros cadrados de terreo entre Eirís e Matogrande. O predio debía servir para construción de edificios de oficinas para empresas do sector da informática e as novas tecnoloxías, polo que foi bautizado como parque ofimático. Porén, o proxecto autonómico fracasou pola falta de interese das compañías que se tiñan que instalar alí. Xunta e Concello reformularon a idea inicial, recualificando os terreos para construír alí máis de 1.500 vivendas, unha decisión que os antigos propietarios recorreron xudicialmente, dándolles a razón os tribunais. Porén, a reparcelación dos terreos facía imposible xa a súa devolución, polo que o Goberno galego debía compesalos con edificabilidade.

Iván Méndez recolleu no seu informe medio cento de topónimos que existían no lugar que ocupou o Ofimático: Camiño de Elviña, Camiño de Galán, As Peladas, Os Lagos, Longarela, Freixeiro, Agrelo, O Cubelo, O Barreiro... ou Xuxán

Máis alá das polémicas, conflitos e da lea xudicial que sempre acompañou a esta promoción, sempre se mantivo para o novo barrio que se estaba a construír a denominación (provisional e oficiosa) de "Parque Ofimático" ou "Ofimático". O avance das obras nos últimos tempos, que achega o momento en que as novas rúas sexan urbanizadas e habitadas, espertou o debate sobre o nome que se lle debía dar a este lugar. Hai uns meses, durante unha visita institucional á Real Academia Galega na nova alcaldesa, Inés Rey, xurdiu a idea de que a institución podía elaborar un informe sobre a toponimia tradicional dese espazo, que corría o risco de desaparecer coa nova construción.

Iván Méndez, técnico do seminario de Onomástica da RAG, elaborou o informe en base ás investigacións que el mesmo realizara, a partir de fontes documentais e persoais, recollendo ao redor de medio cento de topónimos que existían no lugar no que nos últimos anos se construíu o Parque Ofimático. Entre eles Camiño de Elviña, Camiño de Galán, As Peladas, Os Lagos, Longarela, Freixeiro, Agrelo, O Cubelo, O Barreiro... ou Xuxán.

Localización dos topónimos tradicionais no polígono do Ofimático ©

"O que propuñamos era que non facía moito sentido o topónimo que se estaba utilizando de 'Ofimático', habendo xa toponimia previa alí"

O lugar de Xuxán situábase no centro xeográfico do actual polígono e daba nome ademais a unha fonte e a un lavadoiro. É, ademais, un topónimo moi singular, que de feito non existe como tal en ningún outro lugar de Galicia. Podía ser, polo tanto, unha denominación axeitada para algunha das rúas do novo barrio ou para o barrio todo. E, de feito, podería ser o escollido polo Concello da Coruña. A concellería de Urbanismo solicitou xa o informe entregado pola Real Academia Galega para o seu estudo, de cara a facer efectiva na Comisión de Honras e Distincións e posteriormente no pleno municipal a proposta para nomear unha das vías principais do barrio.

"Xuxán era unha pequena entidade de poboación que existía alí, seguro, dende o século XVIII, pois así está documentada, e posiblemente moito antes. O topónimo corría o risco de desaparecer e era unha mágoa que desaparecese, e así o dicíamos no informe", explica Iván Méndez en conversa con Praza.gal. "Nós non propuxemos que ese lugar se tiña que chamar así, que Xuxán tiña que dar nome a todo o barrio. O que propuñamos era que non facía moito sentido o topónimo que se estaba utilizando de 'Ofimático', habendo xa toponimia previa alí", engade.

"O nome de Xuxán é moi simbólico, porque ademais de ocupar o centro xeográfico do polígono, é un topónimo singular en todo o país"

Méndez comenta que "en realidade nesa zona non había unha aldea como tal, un núcleo dun gran número de casas, como si sucedía noutras zonas. O espazo que se está a construír ocupaba parte de Carracedo, parte de Galán, parte da Pereiroa....". Porén, engade, "o nome de Xuxán é moi simbólico, porque ademais de ocupar o centro xeográfico do polígono, é un topónimo singular en todo o país". "Así mesmo, era un lugar que tiña importancia na contorna, porque en Xuxán había unha fonte que levaba activa dende o século XVIII e un lavadoiro público, e había outra toponimia relacionada (Viña de Xuxán, Xuxán de Arriba...)", di.

De confirmarse a escolla de Xuxán para dar nome a todo o barrio produciríase un proceso semellante ao que se deu noutras zonas da Coruña, nas que un topónimo tradicional non só sobreviviu á construción da cidade, senón que pasou a dar nome a un espazo moito máis amplo. "Na Coruña sucedeu en moitos barrios que os nomes de antigos lugares quedaron reflectidos, co paso do tempo, na toponimia actual. Por exemplo, Os Castros, O Castrillón, a Agra do Orzán... eran pequenas aldeas que coa transformación urbanística que sufriron hoxe non teñen nada que ver co que eran, pero mantiveron os seus nomes", explica Iván Méndez.

Localización dos topónimos tradicionais no espazo que hoxe ocupa o polígono do Ofimático ©

A perda da toponimia tradicional nas cidades

"Os Castros, O Castrillón, a Agra do Orzán... eran pequenas aldeas que coa transformación urbanística que sufriron hoxe non teñen nada que ver co que eran, pero mantiveron os seus nomes"

Mentres que en boa parte de Galicia, nas zonas máis rurais, a toponimia tradicional está en risco polo proceso de envellecemento, despoboamento e o cambio de usos do territorio, como destacaba nesta entrevista Vicente Feijóo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, nas zonas urbanas as ameazas para a toponimia veñen doutro lado.

"Danse dous procesos completamente diferentes. En gran parte do país hai unha profunda despoboación, que fai mesmo que mude o propio territorio: unha leira que sempre se traballara, convértese nunha leira a monte, e ao perder a súa función perde tamén a súa designación. Ademais, a relación deixa de ter esa relación continua que antes tiña co territorio e pérdese a memoria de cada lugar", comenta Iván Méndez. "En cambio, nas zonas urbanas prodúcese unha transformación dos topónimos completamente distintos", continúa. 

"A creación de novos barrios fixo desaparecer boa parte dos topónimos que había neses lugares"

"En todas as cidades houbo procesos urbanísticos que foron modificando o territorio, xa dende o século XIX. A creación de novos barrios fixo desaparecer boa parte dos topónimos que había neses lugares. Por exemplo, na Coruña onde hoxe está o barrio do Ensanche estaba o Campo do Carballo, Garás..., e moitos outros nomes. E este proceso intensificouse na segunda metade do século XX. Onde hoxe está o Polígono de Agrela estaba o Barrio Novo, a Infesta, a Torre das Vellas, O Regueiro... e ningún destes nomes se mantén", di.

E conclúe: "no que hoxe é o Ofimático ata hai menos de dez anos había xente vivindo. Debuxouse un novo deseño sobre un mapa e borrouse todo o que había anteriormente, facendo desaparecer toda a vinculación que había co pasado, coa tradición". "As administracións públicas están obrigadas a protexer o patrimonio, e a toponimia forma parte do patrimonio", reclama.

Recuperar topónimos ou honrar persoas?

"No que hoxe é o Ofimático debuxouse un novo deseño sobre un mapa e borrouse todo o que había anteriormente, facendo desaparecer toda a vinculación que había co pasado, coa tradición"

A maior parte das rúas das cidades galegas levan nomes honoríficos. Na Coruña, por exemplo, segundo a propia investigación de Iván Méndez, dúas de cada tres rúas teñen nomes honoríficos, a maioría en homenaxe a un home, e só unha de cada catro ten nome toponímico. 

"Moitas veces no nomenclátor urbano o que se fai é unha especie de Panteón de Galegos Ilustres, ou de Panteón de Coruñeses Ilustres neste caso", afirma o investigador, que reivindica a utilización dos topónimos tradicionais á hora de nomear as novas rúas creadas no proceso de urbanización. "Nas últimas décadas na Coruña apenas se recuperaron topónimos tradicionais para dar nome a rúas, escolléndose sobre todo nomes de persoa", critica. "Pero temos que ter en conta que non somos conquistadores dun territorio novo. O territorio existe e posiblemente leva chamándose así varios séculos", afirma.

"Nunha cidade como A Coruña non existe ningún mecanismo para salvagardar a toponimia tradicional das súas rúas, como si hai na cidade de Pontevedra, onde antes de nomear un novo espazo estúdase se alí había unha denominación tradicional", sinala.

"Moitas veces no nomenclátor urbano o que se fai é unha especie de Panteón de Galegos Ilustres, ou de Panteón de Coruñeses Ilustres neste caso"

Iván Méndez subliña que "o nomenclátor urbano reflicte a ideoloxía de cada época". "Na Coruña, por exemplo, houbo un momento no que se puxeron nomes de santos ás rúas e isto o que facía era plasmar unha ideoloxía. Para que o nomenclátor deixe de ser fascista non só fai falla retirar os nomes de rúas de autoridades franquistas, porque moitos outros nomes responderon á súa ideoloxía", di. "Porén, se os cambiamos por outros nomes, escolleremos os nosos propios santos  e esta escolla responderá tamén a ideoloxía deste momento. En cambio, a toponimia perdura e está a indicarnos de onde vimos", conclúe.

 

Compara aquí o estado actual do barrio de 'Xuxán' co aspecto que presentaba décadas atrás

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.