Será o Ofimático "o próximo Gamonal"?

Protesta polos desaloxos do Ofimático © StopDesafiuzamentosACoruña

"O Ofimático será o próximo Gamonal". Con esta pintada de fondo manifestáronse este xoves a última hora da tarde 200 veciños da Coruña en apoio ás familias da zona de Elviña ameazados polo desaloxo e o inminente derrubamento das súas casas. Son os domicilios de varias persoas cuxos terreos deben ser destinados aos equipamentos públicos para os futuros habitantes do parque Ofimático, unha urbanización que se acaba de comezar a construír na entrada da Coruña. Neste mes de novembro, a administración local conta con desafiuzar a Isabel, o seu fillo Álvaro e os dous fillos deste. Con fachos e candeas e sobre as oito da tarde, os manifestantes cortaron o tráfico na principal vía de saída da cidade e colapsaron o tráfico durante algúns minutos. Dous días antes, no pleno municipal, varios cidadáns foron expulsados por berrar contra o goberno local e o pasado luns, outra protesta colapsou a entrada do tráfico ao campus universitario. As convocatorias son cada vez máis concorridas e a indignación, tamén maior ante o silencio do Concello.

As protestas intensifícanse ante as ameazas de desaloxos con cortes de tráfico e irrupcións nos plenos municipais

É o colectivo Stop Desafiuzamentos, que xa amosara a súa capacidade convocatoria no caso da anciá Aurelia Rey ou de Elisabeth Salnés, quen lidera unhas mobilizacións que están a concienciar a veciñanza sobre unhas ameazas de desafiuzamento exemplificadas agora no caso de Álvaro e a súa nai Isabel, de 72 anos, que foron advertidos da inmimente derruba da súa casa a través de dúas funcionarias escoltadas pola policía hai unha semana. Unhas notificacións que cualifican de "intensísima presión" por parte da administración local para unha expropiación "forzosa".

Unha expropiación, explican os afectados, que os obrigou cambiar a súa propiedade por outra con cargas e que non inclúe vivenda. Unha expulsión obrigada para unha urbanización de máis de 1.000 vivendas promovida pola Xunta e que leva vinte anos con atrancos, cambios e numerosas denuncias xudiciais. Nin esta familia afectada inminentemente nin o resto dos veciños con ameaza de desaloxo viron aínda un peso da indemnización da Xunta. Uns 200.000 no caso Álvaro e Isabel pola casa e a horta onde viven. Os cartos foron retidos polo Concello para cubrir os gastos de urbanización do Ofimático e o terreo que lles outorgaron en compensación preto da nova urbanización de nada lles serve porque din que nin teñen capacidade económica para construír nada nin promotor que llelo compre.

E eles non queren nin os cartos da compensación nin ser desafiuzados, senón a desafección, xa que, tal e como lembran e segundo as pevisións, a vivenda de Álvaro e Isabel debe ser derrubada para construír unha ponte "que quedaría truncada a oito metros de altura, suspendida no aire" porque "aínda non está previsto onde rematará". Agora, e tras os avisos do Concello, esperan que o desaloxo se produza na vindeira semana, situación ante a que Stop Desafiuzamentos prepara xa máis mobilizacións. Eles son unha das cinco familias afectadas de Elviña pola ameaza de despexo, pero hai máis tamén noutras áreas que cobre o Ofimático.

Stop Desafiuzamentos advirte que a loita é contra os desaloxos pero tamén "contra a especulación e os caciques locais"

A loita, como advirte Stop Desafiuzamentos, é contra os desaloxos, pero tamén "contra a especulación" e "contra os caciques locais que están a tentar desesperadamente deixar apañados os favores comprometidos cas súas amizades de negocios, esnaquizando para iso a vida das familia, sen que lles dea o máis mínimo reparo substiuír estas persoas por unha grande lameira salpicada de bloques, cemento e coches". "Negreira, escoita, Elviña está en loita", advirten os manifestantes.

"Ese é o concepto de 'progreso' dos partidos que apoiaron esta fanfarronada urbanística , o dos 'beneficios' que se agochan tras as concesións e xestión de obras megalómanas que serven aos corruptos para tecer as súas redes clientelares", denuncia Stop Desafiuzamentos, que denuncia que, malia que os veciños solicitaron unha xuntanza co alcalde Carlos Negreira en setembro, este "prefire seguir agochado e non mirar á cara da xente á que vai estragar a vida".

Ademais, lembran tamén que os afectados presentaron alegacións ao plan do Ofimático en maio, mentres o Concello advirte da inminente derruba das casas "antes de que se pronuncie o xulgado". Segundo o colectivo contra os desaloxos, o devandito plan é modificable e lembran que se está revisando na actualidade "en beneficio de Adif". "A desafección das casas de San Vicente de Elviña é totalmente factíbel e lóxica; daquela, que é o que está a ocultar o Concello?".

"Isto non acaba aquí", aseguran varios dos afectados, que anuncian que continuarán coas mobilizacións

"Non nos dan ningunha alternativa e non queren dialogar con nós", queixábanse dúas veciñas afectadas polo Ofimático tras ser expulsadas do pleno municipal. "Quedamos sen casa e endebedados para o resto da nosa vida, con débedas de ata 200.000 euros e o Concello só nos amosa represión e non dá a cara", dicía outra.

Mentres, as accións de protesta continuarán. "Isto non acaba aquí", advertía o xoves un dos afectados polos desaloxos. Álvaro, que ten a ameaza máis inminente, ve o seu problema agravado xa que nos terreos que se van expropiar ubícase tamén o taller no que el traballa xunto aos seus dous fillos. "Estamos en alerta vermella porque en calquera momento poden vir desaloxar", insiste Stop Desafiuzamentos.

Manifestación na entrada da Coruña polo Ofimático © StopDesafiuzamentosACoruña
Protesta ante os desaloxos polo Ofimático © StopDesafiuzamentosACoruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.