Hai unha semana púxose en marcha a ferramenta dixital Galicia Nomeada, unha iniciativa impulsada pola Real Academia Galega e a Xunta que busca recoller a microtoponimia tradicional e que anima á cidadanía a colaborar para recoller alí os nomes empregados tradicionalmente nas súas zonas. Ata o momento recompiláronse máis de 478.000, pero calcúlase que en total poderían superar os dous millóns.
Galicia Nomeada conta cunha versión de escritorio e tamén está dispoñible nunha aplicación para móbiles Android e iOS. A plataforma levaba xa uns meses funcionando en probas, recibindo achegas de nomes dun número reducido de participantes especialmente interesados e interesadas neste ámbito.
Detrás do proxecto está Vicente Feijoo, coordinador do equipo técnico de toponimia da RAG, e que xa participou entre os anos 2000 e 2011 no proxecto Toponimia de Galicia, que recolleu sobre o terreo 430.000 destes microtopónimos. Falamos con el sobre o proxecto e sobre a riqueza cultural que constitúe a microtoponimia galega e que en moitos lugares está en serio risco de desaparición.
"O traballo básico era chegar ás aldeas, contactar coa xente maior e a base de enquisas orais, pateando o territorio, ir anotando todos os microtopónimos"
Galicia Nomeada botou a andar nos últimos meses, pero non parte de cero. Cal é a orixe do proxecto e da importante base de datos coa que xa se conta?
Isto vén de vello. Entre os anos 2000 e 2011 existiu un proxecto da Xunta, o proxectoToponimia de Galicia, do que eu era un dos coordinadores. Nese tempo estivemos recollendo microtoponimia por unha boa parte do país, cubrimos máis ou menos o 35% do territorio, traballando sobre todo en concellos nos que os propios alcaldes tiñan interese en recollela. No 2011 contratáronme para outro proxecto, pero eu sempre tiven ansia de volver á microtoponomia, porque corre o risco de desaparecer día a día. A miña teima era que aínda que non houbese diñeiro para contratar a xente como faciamos antes, indo ás aldeas cunha fotografía aérea, para que a xente maior nos dixese o nome de cada lugar, se puidese crear unha aplicación dixital para que cada persoa puidese incorporar directamente os microtopónimos da súa aldea.
É importante involucrar á cidadanía na procura e no rexistro destas denominacións?
Agora a idea é esa, si: aproveitar o altruísmo e a boa vontade da xente, sobre todo daquela xente que considera que isto é interesante e que está preocupada pola desaparición desta riqueza cultural. Ofrecémoslle esta ferramenta á xente. Durante todos estes anos que estivo parado o proxecto, seguíronme chamando moitísimas asociacións culturais e veciñais, e tamén mestres, que nos reclamaban unha ferramenta para que os rapaces e rapazas recollesen directamente os topónimos dos seus lugares. O proxecto tardou, pero finalmente conseguimos o financiamento a través dunha convocatoria europea de subvencións para proxectos de patrimonio colectivo.
"Os microtopónimos están na memoria da xente maior, e a xente maior vainos abandonando e moitos lugares van quedando deshabitados"
Supoño que o proxecto Toponimia de Galicia empregou tamén algunhas fontes escritas e bases de datos previas, pero a base era a recollida aldea por aldea?
O noso proxecto sempre se baseou no traballo de campo. Neses 11 anos en que estivo en marcha evidentemente consultabamos o catastro e os mapas do Instituto Xeográfico Nacional, pero o traballo básico era chegar ás aldeas, contactar coa xente maior e a base de enquisas orais, pateando o territorio, ir anotando todos os microtopónimos e incorporándoos a unha base de datos.
De aí a importancia e a urxencia de rexistrar este patrimonio? Estase a perder para sempre?
Os microtopónimos están na memoria da xente maior, e a xente maior vainos abandonando e moitos lugares van quedando deshabitados. Así que en moitos sitios vai ser moi difícil xa recuperar esta microtoponimia, está desaparecendo. Na miña terra, por exemplo, todas as persoas que foran informantes meus van morrendo, os seus fillos e netos xa non saben nin a terceira parte dos que sabían eles e de feito agradecen moito poder contar con esta ferramenta para poder coñecer os topónimos que os seus avós e avoas lles contaran e que xa nin coñecían ou lembraban.
"Se un lugar se chama A Xunqueira ou A Lagoa é porque hai auga e polo tanto alí non se debería construír, porque a natureza sempre volve ao seu"
Como está a ser a resposta da xente nestes primeiros días?
Dende o día que fixemos pública a aplicación, hai unha semana, chegaron xa máis de 300 solicitudes de persoas que queren participar en Galicia Nomeada, recollendo os nomes das súas zonas. Cando dou as charlas de Toponimízate, saio entusiasmado, porque vexo que a xente está desexosa de participar, nos colexios rurais os mestres e mestras están motivadísimos.
A toponimia é unha riqueza lingüística, pero entendo que vai moito máis aló da lingua, non si? Que nos conta a microtoponimia sobre un lugar e sobre a relación que establecemos co territorio?
Nas charlas de Toponimízate que imos dando por distintos lugares de Galicia explico que a toponimia é o espello no que podemos ver a pequena historia de cada aldea, de cada recuncho da nosa terra e do noso mar. Cada microtopónimo ten unha historia que contar, está posto por algo. Por unha banda, achega coñecemento sobre a lingua falada en cada recuncho de Galicia, pois cando naceu un topónimo aquela era unha palabra do léxico común que hoxe pode que xa non se utilice. Ademais, achéganos información sobre a paisaxe, a orografía, o tipo de vexetación que hai alí ou que houbo nalgún momento, os animais... Así mesmo, aos arqueólogos danlles indicios sobre se pode haber restos arqueolóxicos ou non: se un sitio se chama a mamoela, a modia ou medoña, pois probablemente haxa alí un dolmen.
"Recollemos unha media de 50 microtopónimos por quilómetro cadrado. A densidade en moitos lugares é moi superior: en Cangas, por exemplo, recollemos 162 topónimos por quilómetro cadrado"
O coñecemento dos nomes dos lugares pode ter tamén un uso eminentemente práctico, por exemplo para o urbanismo. Pregúntocho por exemplo por aqueles lugares construídos en zonas denominadas Braña ou Xunqueira, e que periodicamente sofren inundacións...
Nas charlas de Toponimízate sempre amoso unha nova que publicastes en Praza.gal, a de Xunqueira, Lagoa, Brañas: cando a toponimia sinala onde será o asolagamento, para que a xente se decate de que efectivamente a cousa é así: se un lugar se chama A Xunqueira ou A Lagoa é porque hai auga e polo tanto alí non se debería construír, porque a natureza sempre volve ao seu. Ten moitas máis aplicacións. Se xeolocalizamos todos estes nomes, poderemos utilizalos como referencia, por exemplo para os equipos de extinción de incendios ou para calquera outro uso. Nas charlas sempre utilizo tamén unha viñeta de Davila na que un paisano pide que lle leven un paquete a unha rocha na que está sentado xunto ao mar. Se esa rocha estivese xeolocalizada, claro que se podería levar alí algo.
"Se este traballo o fixéramos hai trinta anos, poderíamos chegar aos tres millóns de microtopónimos dos que falaba Filgueira Valverde"
Falades de que en Galicia pode haber máis de dous millóns de microtopónimos. Como chegades a ese dato?
Si, a ese dato chegamos facendo un cálculo a partir do traballo que desenvolvemos durante 11 anos no proxecto Toponimia de Galicia. Nese 35% do territorio que cubrimos, sacamos unha media de 50 microtopónimos por quilómetro cadrado. É unha media, claro, porque a densidade en moitos lugares é moi superior: en Cangas, por exemplo, recollemos 162 topónimos por quilómetro cadrado. Nós calculamos que se Galicia ten 30.000 quilómetros cadrados, esa media de 50, dános un total de 1,5 millóns de microtopónimos. Se ademais lle sumamos outro medio millón de topónimos da liña de costa e mesmo dos primeiros quilómetros mar a fóra, onde os vellos mariñeiros tamén lle tiñan nome ás rochas e aos baixos, pois temos os dous millóns. Estou convencido de que se este traballo o fixéramos hai trinta anos, poderíamos chegar aos tres millóns de microtopónimos dos que falaba Filgueira Valverde.
"Somos un pobo que nos gusta poñerlle nome a todo, seguramente porque temos unha lingua tan rica que nos permite nomear todo cunha gran variedade de palabras"
Galicia é un dos territorios con maior riqueza toponímica. A que se debe?
Ata onde nós coñecemos, non hai ningunha outra rexión en Europa que teña as características que ten a nosa toponimia: a densidade de nomes, a súa variedade e a súa antigüidade. Hai catro cuestións fundamentais para explicar por que somos tan ricos en topónimos. Por unha banda, Galicia estivo habitada dende tempos inmemoriais, e de feito temos moitos topónimos que son prerromanos, como todos os rematados en -bre, e que fixaban a localización dun castro.
Ademais, temos unha orografía moi rica, compáraa por exemplo coa de Castela; dicía Cunqueiro que somos o país dos mil ríos e dos mil montes e había que poñerlle nome a todo, porque todo estaba traballado. Despois está o grandísimo minifundismo que sempre tivo Galicia: hai zonas nas que cada leira tiña o seu nome, por pequena que fose. E por último a propia idiosincrasia que temos os galegos, que temos que poñerlle nome a todo: ás vacas, ás embarcacións... Somos un pobo que nos gusta poñerlle nome a todo, seguramente porque temos unha lingua tan rica que nos permite nomear todo cunha gran variedade de palabras.