En xullo de 2015 o pleno municipal de Pontevedra aprobou unha moción do BNG que propoñía a incorporación de 30 mulleres ao rueiro do concello. A moción, á que posteriormente foron incorporados outros tres nomes a proposta da Marea de Pontevedra, destacaba que "a presenza de nomes femininos da denominación de vías e outros espazos públicos é absolutamente minoritaria en relación cos nomes de homes". A listaxe completa pódese consultar neste enlace.
As elixidas para denominar estes espazos foron Ernestina Otero Sestelo, Dolores Trabado, Vasquida García e María Vinyals
A situación é semellante en todas as cidades galegas, nas que as rúas con nome de muller son clara minoría. Nos últimos anos varios concellos puxeron en marcha iniciativas para incrementar o seu número, como por exemplo en Ourense, e tamén na Coruña ou Lugo.
Seguindo este acordo plenario, nos últimos anos xa foron renomeadas a Avenida Josefina Arruti, o Parque Amalia Álvarez e a Avenida María Victoria Moreno. E este xoves a Comisión de Cultura do Concello aprobou por unanimidade o nomeamento de tres novas rúas no polígono de Tafisa e da zona verde situada fronte ao edificio da Xunta de Galicia. As elixidas para denominar estes espazos foron Ernestina Otero Sestelo, Dolores Trabado, Vasquida García e María Vinals.
Quen foron estas mulleres? A web Do Gris ao Violeta, que o Concello de Pontevedra presentou en decembro, ofrece información biográfica de cada unha delas. Ernestina Otero foi mestra, firme defensora dun modelo educativo renovador e dos dereitos da muller, e sufriu unha dura represión na Guerra Civil e na Ditadura franquista. Nacida en Redondela, durante a Segunda República ocupou a dirección da Escola de Maxisterio e presidiu o Consejo Provincial de Primera Enseñanza. En febreiro de 1933 asinou o manifesto en favor do Estatuto de Autonomía de Galicia sendo ela, xunto con María Cruz Pérez, as dúas únicas mulleres. En novembro de 1936 é suspendida de emprego e soldo e depurada da súa praza como mestra, regresando a Redondela e sobrevivindo dando pasantías particulares. Só en 1951 pode regresar como mestra a Pontevedra, cinco anos antes de falecer.
Dolores Trabado foi a primeira taxista no Estado Español. Tiña carné de conducir desde 1923, cando había 1417 na provincia de Pontevedra e ela era a única muller que o tiña. Realizou servizos de transporte ata os anos 60, tanto a particulares como para a Cruz Vermella, funcionando o seu taxi como ambulancia.
María Vinyals i Ferrés, que dará nome a un parque, foi coñecida como "a Marquesa Vermella" polas súas ideas progresistas. Naceu no Castelo de Soutomaior, no seo dunha familia catalá. Destacou pola súa gran cultura, dominaba varias linguas, e participou activamente no ambiente cultural madrileño. Amiga persoal de Emilia Pardo Bazán, colaborou en diferentes publicacións de carácter cultural e feminista e en 1906 a Real Academia Galega nomeouna académica correspondente. Convertida en propietaria do castelo á morte do seu tío, fundou un sanatorio, que tivo moita sona, "mais a fama do local como centro de reunión de altos cargos socialistas e a pertenza de María á Agrupación Feminista Socialista fixeron declinar a clientela", destaca a web Do Gris ao Violeta.
A menciñeira Vasquida García foi encarcerada en Compostela pola Inquisición baixo a acusación de practicar a maxia e a bruxaría
Finalmente, a outra rúa levará o nome de Vasquida García, unha menciñeira do século XVI detida pola Inquisición baixo a acusación de practicar a maxia e a bruxaría e foi encarcerada en Compostela. Coa promesa de ser perdoada, autoinculpouse como feiticeira, afirmando que que si tiña pactos co demo. Porén, isto agravou a súa condena. Despois de ser exposta á vergoña pública, foi azoutada e desterrada. En 1579 foi de novo detida e xulgada pola Inquisición, que a someteu a novas torturas.