Unha comedia metanarrativa e sensorial. Así define Lois Patiño o seu último filme, 'Ariel', que vén de estrear en Galicia no festival Curtocircuíto de Compostela
Unha comedia metanarrativa e sensorial. Así define Lois Patiño o seu último filme, Ariel, que vén de estrear en Galicia no festival Curtocircuíto de Compostela. É difícil competir coa beleza do solpor na praza da Quintana, mais o equipo da película, producida por Beli Martínez dende Filmika Galaika, saíu entre aplausos da proxección, á que tamén puido asistir Irene Escolar, coprotagonista xunto a actriz arxentina Agustina Muñoz.
Ariel explora a obra A Tempestade, de William Shakespeare, e inclúe unha homenaxe á montaxe que a compañía Voadora realizou deste texto, coa presenza dos actores da compañía Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz na propia película, así como imaxes da representación que estrearon no ano 2014. A película chegará ás salas de cinema o 25 de decembro, tras rematar o seu paso por festivais.
“Esta é unha versión moi desprexuizada, moi libre, como o que fixeran en Voadora. Cunha estética moi marcada e uns personaxes tamén moi marcados, na súa versión tamén hai esa ruptura dos personaxes que de pronto se queixan de que a obra de Shakespeare está mal escrita. Na película quería abordar ese intento de rebelión dos personaxes ante Shakespeare por deixalos atrapados na obra”, conta Patiño sobre o filme, que foi seleccionado en certames internacionais como o IFFR en Rotterdam, o FICCI en Cartaxena de Indias ou BAFICI en Bos Aires, e que tamén estará nun festival en Londres, no berce de Shakespeare.
A película explora a obra 'A Tempestade', de William Shakespeare, e inclúe unha homenaxe á compañía Voadora, coa presenza de Hugo Torres, Marta Pazos e José Díaz
Este proxecto comezou a catro mans entre Lois Patiño e Matías Piñeiro, que ten explorado en varios filmes as obras de Shakespeare, centrado sobre todo nos personaxes femininos do autor británico. “Gústame moito o cinema de Matías e a el interesáballe tamén o meu, queriamos atopar un proxecto no que aprender un do outro, e así foi como nos lanzamos coa Tempestade e decidimos focalizarnos no personaxe de Ariel, que se transforma no vente e é o espírito da illa. Era o que máis dialogaba coas miñas inquedanzas. Logo o que sucedeu foi que chegou a pandemia e os axustes de axenda fixeron que Matías non puidera continuar. Pero o filme xa estaba financiado e apostei por lanzarme eu só. Dixen: vou xogar con Shaskespeare levándoo ao meu terreo”, explica o cineasta vigués.
O filme transcorre nunha illa na que están sucedendo todas as obras escritas por Shakespeare á vez. Alí está tamén a personaxe de Ariel, que comparten as actrices Irene Escolar e Agustina Muñoz, que se encarga de asegurar que todas as representacións se completen, pois non saben o que pode pasar se non chegan a rematar. Nese contexto, unha actriz chega nova á illa e se atopa inmersa nese mundo teatral paralelo, sendo a única que non ten, en principio, un papel asignado.
Precisaban moitas persoas para interpretar a Othelo, Hamlet, o Rei Lear, Romeo e Xulieta... e optaron por realizar probas de selección entre a poboación das Azores, coas súas paisaxes e acantilados, onde transcorre a maior parte do filme.
“Foi moi divertido porque como necesitabamos moita xente iamos asignando personaxes a todo o mundo. Ao final Romeo e Xulieta son dúas mulleres; Próspero, que normalmente é un rei moi serio, é unha señora que traballa vendendo froita... A idea era trasladar a Shakespeare dos castelos ao supermercado, ao aparcadoiro, á gasolineira... Sacar os mitos do seu contexto tamén xera estrañamentos cómicos”, debulla Lois Patiño.
"A película non só se centra en Shakespeare, é a miña primeira aproximación ao teatro e quería abrila tamén a esas outras influencias que houbo en min, sobre todo no caso de Beckett ou da propia idea de Luigi Pirandello e os seus personaxes en busca de autor, que está no xermolo deste proxecto"
Ariel bebe moito do teatro do absurdo, sobre todo de Samuel Beckett mais tamén de Eugène Ionesco. “A película non só se centra en Shakespeare, é a miña primeira aproximación ao teatro e quería abrila tamén a esas outras influencias que houbo en min, sobre todo no caso de Beckett ou da propia idea de Luigi Pirandello e os seus personaxes en busca de autor, que está no xermolo deste proxecto”, conta Patiño.
“Cando remata isto? Cando imos saír de aquí?”, pregúntase un dos personaxes do filme, cando en realidade seguimos inmersos nos mesmos temas que abordou Shakespeare nas súas obras. “Sobre todo no ámbito do poder e do amor romántico, dos extremos, da paixón e as envexas”, apunta Patiño, que colle de Pirandello a cuestión máis existencialista para Ariel.
“Afrontamos a cuestión da liberdade desde moitas perspectivas, pero sobre todo desde ser conscientes da gaiola na que podemos estar inmersos sen sabelo; e que se chegamos a ser conscientes é preciso ter moita valentía para rachar cos estereotipos”, salienta Patiño, que creou o guión da película a partir dunha selección de textos que foi fiando ata compoñer unha gran homenaxe.