Lois Patiño gaña o premio ao mellor filme do Play-Doc con 'Costa da Morte'

Felipe Lage, Carla Andrade e Lois Patiño no Play-Doc © Tamara de la Fuente

O xurado internacional da décima edición de Play-Doc Festival Internacional de Documentais de Tui concedeu o premio desta edición -2.000 euros e o trofeo- a Lois Patiño pola súa obra Costa da Morte.

O xurado destacou a coidada estética da obra e o valor do documental para a zona que retrata

O xurado, formado polos críticos e programadores Fernando Vílchez, Antonio Weinrichter e Jara Yáñez, destacou a coidada estética da obra, así como ao valor do filme para a zona que retrata. Na súa argumentación, destacaron a aposta de Patiño "por desenvolver unha proposta onde se xunta o rigor formal coa capacidade de presentar un retrato vivo dun lugar e dunha comunidade".

O vigués Lois Patiño é un habitual do certame, onde xa mostrou en dúas ocasións anteriores as súas cuartas paisaxísticas. Como el mesmo lembrou ao recoller o premio: "Levo vindo aquí cinco anos, ben como espectador ou coas miñas películas, e espero seguir facéndoo moitos máis". Tamén agradecu o galardón, que cualificou como "especial" polo vínculo que o une co festival de Tui.

O premio do Play-Doc únese aos do Festival de Locarno ou do de Cine Europeo de Sevilla

Costa da Morte recibiu varios premios en diversos festivais, como o de mellor director emerxente que levou no Festival de Locarno, mellor filme no Ficunam de México ou o galardón á Mellor Película de non ficción na sección Nuevas Olas do Festival de Cine Europeo de Sevilla (SEFF) 2013. "Deixei de contar", bromeou onte sobre o número de recoñecementos que tivo.

Lois Patiño (Vigo, 1983) compaxinou os seus estudos de psicoloxía na Universidade Complutense de Madrid cos de cinema na escola Tai. Continuou a súa formación de cinema na NYFA de Nova York e en Barcelona, onde realizou o Master de Documental de Creación na Universitat Pompeu Fabra.

Segundo informa a organización este domingo, esta é a cuarta edición consecutiva de Play-Doc na que se inclúe unha película de Galicia na competición internacional. E en tres ocasións -anteriormente Todos vós sodes capitáns e Vikingland- gañou unha fita galega.

O vigués Diego Romero recolleu unha mención especial por 'Stop the Pounding Heart'

Pola súa banda, o tamén vigués Diego Romero recolleu unha mención especial, sen valor económico, por Stop the Pounding Heart. O filme está dirixido polo italiano Roberto Minervini, e Romero é o seu director de fotografía. Aínda que este recoñecemento non lles achegará cartos, ao xurado parecíalle importante destacar este filme "por sinalar un camiño propio de mestizaxe entre o real e a invención".

"Faime moita ilusión recibir este recoñecemento, máis aínda porque son veciño, de aí á beira", dixo Diego Romero, que fotografou a obra de Minervini ao recoller o galardón. Stop the Pounding Heart, segue o día a día de Sara, unha adolescente que se cría nunha familia de granxeiros de Texas, moi tradicional. A película ficcionaliza ese ambiente real, traballando con actores non profesionais, que se interpretan a si mesmos.

Na xornada deste domingo, o Play-Doc clausura a décima edición co último filme da retrospectiva de Nicolás Pereda, Juntos; e coa reposición da película gañadora, Costa da Morte. Coa incorporación, por primeira vez na historia do festival dunha segunda sala, espérase superar os 7.000 espectadores marca do pasado ano, cun público que a organización define como "heteroxéneo e fiel".

Felipe Lage, Carla Andrade e Lois Patiño no Play-Doc © Tamara de la Fuente

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.