'Lúa Vermella', de Lois Patiño, estrearase no Festival de Cine de Berlín

Fotograma de 'Lúa Vermella' © Zeitun Films

A segunda longametraxe de Lois Patiño, Lúa Vermella, terá a súa estrea mundial no Festival de Cine de Berlín, dentro da sección Forum, que se celebrará do 20 de febreiro ao 1 de marzo. O filme galego foi seleccionado pola Berlinale xunto a títulos estadounidenses, italianos, rusos, franceses, romaneses ou nixerianos. A sección Forum está dedicada ás creacións máis vangardistas e independentes.

No filme, que ten lugar nunha vila costeira, tres mulleres tentan atopar ao Rubio, un experimentado mergullador, desaparecido desde hai uns días

No filme, que ten lugar nunha vila costeira, tres mulleres tentan atopar ao Rubio, un experimentado mergullador, desaparecido desde hai uns días. A súa rodaxe realizouse en Galicia (na comarca de Lemos e na Costa da Morte) e da produción encargáronse a produtora coruñesa Zeitun Films e a monfortina Amanita Studio.

A esperada segunda longa de Patiño chega sete anos despois de Costa da Morte, un dos filmes que abriu os éxitos do novo cinema galego. A película recibiu unha ducia de galardóns en festivais de todo o mundo; por exemplo, gañou o premio ao mellor filme no Play-Doc de Tui, e ademais foi recoñecida en citas tan importantes coma Locarno (premio ao cineasta emerxente), o mexicano Ficunam, o coreano Jeonju IFF ou o Festival Internacional de Sevilla. “O maior perigo que debía sortear en ‘Costa da Morte’ era o 'efecto postal', que evitei en todo momento”, destacaba nesta entrevista.

Fotograma de 'Lúa Vermella' © Zeitun Films

A esperada segunda longa de Patiño chega sete anos despois de Costa da Morte

Para a realización de Costa da Morte Patiño recibiu unha das axudas ao talento convocadas por Agadic, unha mostra do impulso que este apoio institucional supuxo para a formación e promoción dos novos creadores. Antes de Costa da Morte, Lois Patiño (Vigo, 1983) realizou varias curtametraxes, como Montaña en sombra (2012), La imagen arde (2013), Noite sem distância (2015) e outras pezas como Paisaxe Duración ou Paisaxe Distancia.

A escolla de Lúa Vermella para a Berlinale prolonga o bo momento do cine galego, tanto a nivel de crítica como de público, con éxitos recentes como O que arde, que esta fin de semana pode gañar algún dos Goya aos que está nominado, ou Longa Noite.

Fotograma de 'Lúa Vermella' © Zeitun Films
Fotograma de 'Lúa Vermella' © Zeitun Films

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.