Os milleiros de nomes da terra e do mar en Galicia, todos cunha historia detrás

Sinal cun topónimo de Marín © BNG Marín

Xarda vén de iniciar a publicación de Na Terra Fonda, unha serie audiovisual sobre o patrimonio inmaterial galego

Galicia conta con máis de 30.000 núcleos de poboación, cada un co seu nome. E, dentro deles, todos os camiños, penas e regatos contan tamén coa súa denominación específica, conservada polo coñecemento colectivo. Un universo de microtopónimos que se estende ata o mar, con milleiros de talasónimos que bautizaron cada rocha que emerxía da auga e mesmo as que quedaban cubertas por el. 

Toda esta riqueza toponímica está a ser estudada, recuperada e protexida por proxectos como Galicia Nomeada e a iniciativa Toponimízate, que ademais convidan á colaboración da cidadanía, que nos últimos anos serviu para rexistrar máis de 43.000 novos nomes. Agora a cooperativa Xarda vén de iniciar a publicación de Na Terra Fonda, unha serie audiovisual sobre o patrimonio inmaterial galego. 

A serie, que conta co apoio do Fondo de Proxecto Culturais Xacobeo 21, componse de cinco vídeos dun total de 50 minutos que afonda na riqueza microtoponímica e na variedade lingüística do país. O primeiro vídeo, centrado na talasonimia (os nomes do mar e do litoral) xa se pode ver e os seguintes irán publicándose nas vindeiras semanas, un cada domingo.

No documental aparecen voces expertas e tamén de persoas que nos últimos anos recuperaron numerosos topónimos

"Na Terra Fonda quere darlle valor a cada unha das historias que orixinou o nome dunha pedra ou dun pesqueiro. Estes nomes moitas veces naceron con anécdotas de pastores ou mariñeiros -as persoas máis sabias neste eido-, outras falan de capítulos da nosa historia...", destacan os seus responsables. Nos vídeos Vicente Feijóo, responsable de Galicia Nomeada, a aplicación da Real Academia Galega que recolle a microtoponimia galega, explica que "en total, hai máis de vinte motivacións para definir a microtoponimia en Galiza".

O traballo tamén fai fincapé nas causas diversas que nas últimas décadas reduciron considerablemente o número de microtopónimos

O documental inclúe voces de expertas en talasonimia e microtoponimia, como Xosé Lois Vilar, Ana Filgueiras ou Antón Santamarina. E nesta serie de vídeos tamén se recolle a testemuña de moitas recolledoras de microtopónimos: Álvaro Crego na Mariña, o mariñeiro Víctor Mosquera ou a profesora Rocío Pomar, que canda o seu alumnado foi quen de recuperar centos de topónimos en Malpica.

O traballo tamén fai fincapé nas causas diversas que nas últimas décadas reduciron considerablemente o número de microtopónimos: dende o despoboamento no interior do país, o uso do GPS na navegación marítima, ata a construción de infraestruturas e grandes empresas en distintos puntos do país ou a plantación masiva de eucaliptos.  

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.