Pontón e Besteiro ven "unha vergoña" e "triste" que Rueda non secunde a Euskadi e Catalunya a prol do galego

Rueda, este venres en Mérida coa presidenta de Extremadura; Ana Pontón en conferencia de prensa e Besteiro, co presidente catalán, Salvador Illa CC-BY-SA Xunta | BNG | PSdeG

"É un esperpento que o galego vaia ser defendido polo lehendakari e polo presidente de Catalunya, pero non polo presidente de Galiza", cre a líder do BNG

"Un auténtico despropósito, unha vergoña". A portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, reaccionou este venres a medio camiño entre o estupor e a contrariedade ao confirmarse que o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, se negou a asinar canda os seus homólogos de Euskadi e Catalunya unha carta dirixida aos Estados membros da Unión Europea para defender a oficialidade dos respectivos idiomas nas institucións comunitarias.

"É un esperpento que o galego vaia ser defendido polo lehendakari e polo presidente de Catalunya, pero non polo presidente de Galiza", quen ve "moi preocupante" que Rueda "poña paus nas rodas" ante unha cuestión que, admite, "ten a súa complexidade" -vén volver ser adiada por falta de acordo-. E por iso, subliña a líder do Bloque, é tan "importante seguir mantendo o debate e a presión".

Ana Pontón, en conferencia de prensa este venres CC-BY-NC-SA BNG

"Este -reflexiona Pontón- é o pacto que ofrecen" dende a Xunta a prol do galego. "Facelo unha lingua de segunda", razoa. Do seu punto de vista, "non merecemos un presidente que traballa contra o recoñecemento internacional do galego".

"Quen non ama a súa lingua non pode amar o seu país", di Besteiro para censurar que Rueda "non se sume á defensa do noso idioma" que fan Illa e Pradales

Para o secretario xeral do PSdeG, que este venres compartiu xornada de traballo en Vigo, Santiago e A Coruña co presidente catalán, que Rueda "non validase esa carta" xunto a Salvador Illa e Imanol Pradales é "unha triste noticia". E un evidente paradoxo que "eles se sumen á defensa do noso idioma, pero non o presidente da Xunta".

"É triste", incide José Ramón Gómez Besteiro, porque "quen non ama a súa lingua non pode amar o seu país". Mentres, di, o PSdeG, igual que o PSC, si están a prol dunha oficialidade que é mostra do "orgullo" co que, afirma, os socialistas "defendemos esta riqueza cultural en España e en Europa". A lingua, precisamente, é un dos eixos dos grupos de traballo constituídos durante o encontro entre os socialistas galegos e cataláns.

José Ramón Gómez Besteiro, con Salvador Illa este 18 de xullo en Santiago CC-BY-NC-SA PSdeG

Illa: "Gustaríame que Rueda asinase"

"Non imos parar, porque temos razón e isto vai acabar saíndo", afirma o presidente catalán

Durante unha comparecencia ante os medios con Besteiro en Santiago, o propio Illa evidenciou que Rueda -este venres de visita oficial en Extremadura- recibiu o ofrecemento de sumarse á carta. "Claro que estaba ao corrente" porque nin el nin o lehendakari "actuamos a escondidas de ninguén". "Gustaríame que asinase" e, agrega, será ao propio xefe do Goberno galego ao que "corresponda dar explicacións" sobre por que non o fixo.

Neste sentido, alén de que Rueda aclare os motivos, Illa expresa tamén o seu desexo de que o ex-presidente Feijóo, como líder do PP, "dese instrucións ao seu partido para que non obstaculizase a oficialidade das linguas en Europa". "Que teima con esa uniformidade, que problema hai?", pregúntase ante un debate sobre o que, advirte, "a mensaxe" que quere transmitir é que "non imos parar" porque "temos razón" e "isto vai acabar saíndo".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.