O Goberno de España encalla no recoñecemento oficial de galego, éuscaro e catalán na UE

Unha intérprete, traballando na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas durante as audiencias aos membros da Comisión en novembro de 2024 CC-BY © European Union 2024– Source: EP

O Goberno español batalla en Bruxelas para conseguir a oficialidade do galego, o éuscaro e o catalán nas institucións da Unión Europea. A iniciativa está proposta sen éxito desde hai máis dun ano, co obxectivo de que as tres linguas se poidan empregar, por exemplo, nos debates do Consello e que os informes, comunicados de prensa e a documentación das institucións comunitarias se traduzan tamén a estes idiomas.

As retesías de países con minorías rusoparlantes ou o medo a sentar precedentes para outros idiomas frean a unanimidade necesaria para a proposta

España aínda non convenceu o resto de Estados membros para modificar concretamente o Regulamento 1/1958 que fixa o réxime lingüístico dentro da UE, e sen esa unanimidade é imposible conseguir a oficialidade para os tres idiomas. O goberno bate con diversas sensibilidades, por unha banda gobernos conservadores ou de extrema dereita coma o italiano ou o húngaro que non ven con bos ollos abrir o melón das linguas nacionais. Por outro, as repúblicas bálticas ou Polonia onde existen importantes minorías ruso parlantes que poderían aproveitar a iniciativa española para buscar o seu recoñecemento ante a UE, un movemento susceptible de ser manipulado por Moscova.

Unha fonte coñecedora destes debates explica tamén que coa Comisión Europea "houbo que facer pedagoxía, para convencelos de por que as linguas cooficiais non teñen parangón". Esta fonte cita, por exemplo, o acceso completo á administración ou sanidade dentro das administracións autonómicas ou o pleno ensino das linguas no sistema educativo, "algo que non ocorre co bretón, o corso ou o frisón".

Pedro Sánchez conversa con António Costa, presidente do Consello Europeo, esta semana en Bruxelas © Consello Europeo

A guerra de Ucraína xogou en contra da oficialidade do éuscaro, o galego e o catalán durante 2024, as presidencias rotatorias de Bélxica e Hungría non impulsaron na axenda do Consello a proposta española e, agora, o Goberno quere convencer o seu homólogo polaco, que este semestre ostenta o posto, para retomar a iniciativa nas negociacións co resto de socios europeos.

Esta fonte en Bruxelas recoñece a infoLibre ser positiva sobre este empurrón político. "Teño a sensación de que o Goberno español si está implicado, que está a traballar e facendo a súa parte. Está complicado pero teño esperanza e creo que si hai posibilidades" de conseguir a oficialidade nas institucións da UE. "Nos nosos contactos coa REPER [a Representación Permanente de España ante a UE] o que nos piden é discreción".

O Goberno español negocia con varios socios comunitarios mentres Junts ou PNV aproveitan para premer, pero a Eurocámara segue paralizada

O obxectivo da negociación con Polonia é que a oficialidade "se trate na axenda do Consello" entre os 27 durante este primeiro semestre do ano. Se os polacos non a introducen, o Goberno non debota elevala de maneira individual, unha competencia nas súas mans. Así o deixa entrever, Fernando Sampedro Marcos, secretario de Estado para Asuntos Europeos, ao insistir na capital comunitaria que van "seguir defendendo con moita forza" a proposta e que esperan "importantes avances durante a presidencia polaca". En febreiro, Sampedro confirma que viaxará a Varsovia para discutila bilateral e directamente.

O Goberno sente presión. Desde Waterloo, Carles Puigdemont observa estas negociacións políticas e aprema a conseguir a oficialidade polo menos para o catalán. É unha das liñas vermellas que considera incumpridas do acordo co Goberno. Hai dúas semanas, fontes de Junts citaban en privado esta falta de avances, xunto ao bloqueo da Lei de Amnistía, para exemplificar que para Cataluña non habería tantas diferenzas cun executivo de PP-Vox. E iso que o Goberno prometeu empezar polo catalán nesta normalización lingüística nas institucións europeas.

En Bruxelas tamén preme o PNV. O lehendakari Imanol Pradales acaba de visitar a capital comunitaria e expuxo cuestións da "axenda vasca" como a "oficialidade do éuscaro" en persoa ao presidente do Consello Europeo, António Costa. Pradales recoñeceu "como positivos" os esforzos do executivo, "que está a promover esta cuestión", pero tamén que a oficialidade das tres linguas "é un tema delicado, porque hai 27 Estados con opinión" e que as negociacións "deben facerse con prudencia". Aínda así, o lehendakari vasco insistiu en Bruxelas que o seu deber é "reclamar continuamente a oficialidade do éuscaro no seo das institucións europeas".

O lehendakari, Imanol Pradales, con Teresa Ribera en Bruxelas o pasado xaneiro CC-BY Goberno Vasco

A Comisión Europea cifra nuns 130 millóns de euros o custo de implantar na UE o catalán, o galego e o éuscaro, segundo un informe interno que solicitou o Consello ante a demanda española. Unha cifra lixeiramente superior aos 40 millóns por cada lingua. Para minimizar as suspicacias de moitos socios frugais, como Países Baixos, Austria, Finlandia ou Alemaña, España comprométese a asumir o pago destes intérpretes, servizos de tradución da documentación e as bases de datos ou das aplicacións informáticas. Nin así conseguiu o Goberno a unanimidade dos 27.

"Consideramos que a efectos económicos se cadra non sexa o máis adecuado", recoñece Sampedro deste informe aínda confidencial da Comisión, "porque establece un máximo" ao basearse no caso do irlandés, con moitos menos falantes. Por iso, o acceso a intérpretes, tradutores e mesmas aplicacións sería máis limitado e custoso que para as tres linguas españolas, insiste o secretario de Estado de Asuntos Europeos.

O Parlamento Europeo frea a oficialidade

A Eurocámara mantén un grupo de traballo formado por lexisladores de todos os grupos políticos para analizar a implantación da oficialidade das tres linguas no seu seo. Creouse por mor da proposta española e en próximas datas presentará, en palabras dun eurodeputado membro dese grupo, un estudo de análise comparando coa realidade doutras "linguas con recoñecemento constitucional non oficiais na UE".

Hai vinte anos a Eurocámara xa rexeitou unha demanda similar española para empregar o catalán, o galego e o éuscaro nos seus plenos ou comisións parlamentarias. España solicitara, como agora, cambiar o regulamento sobre o réxime lingüístico na UE. Mentres o Consello foi flexible, o Parlamento pechouse en banda e só permite comunicación escrita dos cidadáns europeos, que si son respondidos en calquera das tres linguas se se dirixen aos servizos de de a institución. Pero os eurodeputados vascos, galegos ou valencianos non poden empregar as súas linguas natais nas súas intervencións.

Ana Miranda, eurodeputada do BNG, intervindo durante un pleno do Parlamento Europeo en Estrasburgo © Alexis Haulot / Parlamento Europeo

Varias fontes parlamentarias consultadas por infoLibre dubidan de que esta vez a Eurocámara acepte a oficialidade. Nunha visita anterior do lehendakari Pradales, a súa presidenta, Roberta Metsola, mostrouse optimista, pero segundo puido saber este medio o propio xefe do grupo de traballo, o liberal eslovaco Martin Hojsik, foi cauteloso ante Pradales. Se a demanda é votada no Pleno, cren diversas fontes parlamentarias que non sairía adiante pola firme oposición dos grupos de extrema dereita, como os Conservadores e Reformistas de Meloni e os ultracatólicos polacos ou os Patriotas por Europa de Orbán, Le Pen, Salvini e Vox. E tamén porque xera un amplo rexeitamento nas filas dos populares europeos ou liberais.

Ana Miranda (BNG): "O grupo de traballo do Parlamento Europeo puido ser máis rápido no seu informe, porque co cambio de lexislatura a Cámara é máis conservadora e está máis en perigo a iniciativa"

A eurodeputada galega do BNG, Ana Miranda, lamenta que "o grupo de traballo do Parlamento Europeo puido ser máis rápido no seu informe, porque agora co cambio de lexislatura a Cámara é máis conservadora e está máis en perigo a iniciativa, así que os eurodeputados temos que facer máis lobby". A estes receos súmase a do PNV, Oihane Agirregoitia, ao recoñecer que "as cousas avanzan máis amodo do que nos gustaría. Temos que ter paciencia". A eurodeputada vasca engade outros problemas, xa que se "están a avaliar posibles dúbidas xurídicas en canto á utilización do éuscaro, catalán e galego".

"Os traballos de análises tamén continúan", confirma en privado o eurodeputado do grupo de traballo, e céntranse tamén "na parte loxística, como facer tecnicamente" que as tres linguas se poidan interpretar nas cabinas e haxa dobradores ao resto de idiomas permitidos no Pleno e as Comisións. España, como na súa proposta presentada ao Consello, podería asumir o custo.

Aínda que Unidos na diversidade é o lema da Unión Europea desde o ano 2000, cando se empregou por primeira vez, e malia os esforzos políticos e diplomáticos do Goberno desde finais de 2023, a pluralidade lingüística española segue sen estar recoñecida de facto no seo das institucións da UE.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.