A xuízo dous ex-alcaldes do PP en Miño por prorrogar contratos de xeito ilegal malia os reparos do interventor

Casa do Concello de Miño © Google

A Fiscalía pide dez anos de inhabilitación para Juan Maceiras e Jesús Veiga por prevaricación e para o segundo outros cinco anos de cadea por malversación

A Audiencia Provincial da Coruña acolle a partir do vindeiro xoves 15 un xuízo contra os ex-alcaldes do PP de Miño Juan Maceiras e Jesús Veiga, un concelleiro e unha empresaria por diversas prórrogas ilegais de contratos aprobadas polos cargos políticos malia reiterados reparos do interventor municipal. A Fiscalía pide para Maceiras dez anos de inhabilitación por prevaricación e para Veiga a mesma pena e engádelle o delito de malversación con cinco anos de cadea.

Sede da Audiencia da Coruña, na antiga fábrica de tabacos CC-BY-SA Praza Pública

Juan Maceiras foi alcalde de Miño entre 2003 e 2013, primeiro como independente cun discurso crítico contra a macrourbanización que Fadesa impulsou nese concello e despois integrouse no PP e pasou a ser favorable ao proxecto que quedou a medio construír. Jesús Veiga foi tenente de alcalde de Maceiras e sucedeuno na alcaldía entre 2013 e 2015, cando a perdeu nas eleccións municipais daquel ano ante Compromiso por Galicia, ao que deu o seu apoio. Hoxe Miño está gobernado polo PSdeG.

A Fiscalía considera a actuación dos acusados "arbitraria" e "contra todo interese público"

Segundo o escrito de acusación da Fiscalía, Maceiras e Veiga prorrogaron durante anos contratos de limpeza de instalacións e mantemento de zonas verdes de dun campo de fútbol sen sacalos novamente a concurso malia sucesivos e reiterados reparos de ilegalidade por parte do interventor municipal. Unha actuación que foi "arbitraria" e "contra todo interese público". A Fiscalía considera eses feitos constitutivos dun delito continuado de prevaricación polo que pide para os dous ex-alcaldes e un concelleiro 10 anos de inhabilitación para calquera cargo ou emprego público. 

Entre os contratos prorrogados ilegalmente había de limpeza de instalacións e mantemento de zonas verdes CC-BY-NC-SA CIG

Ademais, a Fiscalía acusa tamén a Veiga, o concelleiro e a administradora dunha empresa de permitir que dous contratos de servizo para traballos de xestión urbanística se prolongasen no tempo e non fosen entregados totalmente ata varios anos despois do prazo de remate, co que "toleraron o indebido lucro" da empresa. Neste caso a Fiscalía ve un delito continuado de prevaricación en concurso ideal con malversación de caudais públicos, polo que pide que os tres acusados sexan condenados a devolver uns 28.000 euros e reciban ademais condenas de 5 anos de cadea e 9 de inhabilitación. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.