Helicópteros, barcos, autobuses: a Xunta prorroga contratos e obstaculiza a entrada de novas empresas nos seus medios de transporte

Os catro principais barcos e os dous helicópteros de salvamento de Gardacostas de Galicia están operados por empresas privadas con contratos prorrogados CC-BY-SA Xunta de Galicia

O Consello de Contas e Competencia veñen advertindo contra unha práctica contraria ao libre mercado e habitual do Goberno galego en contratos e concesións de servizos de todo tipo pero especialmente reiterada na xestión de vehículos 

Nos últimos anos a Xunta vén prorrogando sen convocar novos concurso públicos contratos de servizos de todo tipo, desde mantemento de estradas ata subministros enerxéticos ou servizos postais. As prórrogas son legais e estaban permitidas xa nos contratos orixinais deses servizos adxudicados no seu momento por concurso público, pero supoñen un obstáculo á libre competencia, segundo veñen advertindo o Consello de Contas ou a Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia (CNMC), que no caso do Goberno galego se produce de xeito reiterado na xestión de todo tipo de vehículos e medios de transporte, sexan helicópteros, barcos ou autobuses.

A última prórroga dun gran contrato deste tipo é a que vén de revelar Praza.gal do servizo de operación dos dous helicópteros de salvamento marítimo da Xunta. Adxudicado en 2017 por 8,25 millóns de euros ao ano á empresa á que o Goberno galego vendera en 2012 os seus dous helicópteros mercados sete anos antes porque ían quedar obsoletos, tiña un prazo de execución de catro anos, prorrogable por outros dous. A empresa seguiu operando o servizo con aqueles aparatos que lle vendera a Xunta e agora esta prorrógallo outros dous anos máis, ata novembro de 2023 e por 16,5 millóns de euros, malia que no seu momento o propio presidente Feijóo asegurara que en sucesivos concursos se poderían obter aparatos “máis modernos”.

En 2009 a Xunta decidiu prorrogar por lei as concesións de transporte por estrada e en 2016 o Supremo anulouno, pero a metade do transporte escolar aínda está ultimando a súa regularización © Monbús

A Comisión da Competencia di que "incluso cando as prórrogas se atopen xustificadas" só debe recorrerse a elas "como mecanismo verdadeiramente excepcional"

O Goberno galego decidiu prorrogar o contrato en vez de convocar un novo concurso sen máis argumentación que a de que así estaba permitido no contrato asinado hai catro anos e que o servizo de salvamento marítimo non pode deixar de prestarse. No seu momento, cando a Xunta se desfixo dos aparatos, o Consello de Contas xa advertira de que o Goberno galego tomara a decisión sen “ningún estudo sobre a repercusión da venda dos helicópteros” nas futuras contratacións do servizo cando a administración xa non tivese a súa propiedade.

A Xunta tamén prorrogou durante anos á mesma empresa -a antiga Inaer, mercada a mediados da pasada década pola multinacional con base británica Babcock, que agora quere volver desafacerse dela, segundo varios medios-, diversos contratos de helicópteros de loita contra os incendios. Prórrogas que foron censuradas polo Consello de Contas por entender que se producira unha incorrecta planificación do servizo por parte da Xunta.

Porque segundo a Comisión da Competencia, “incluso cando as prórrogas se atopen xustificadas e a súa posibilidade estea establecida nos pregos do contrato, só debe recorrerse a elas como mecanismo verdadeiramente excepcional, para evitar o risco de que outorgamentos sucesivos de prórrogas ao contratista leven a un peche do mercado por longos e potencialmente indefinidos períodos de tempo”, outorgando así aínda máis “vantaxes para os operadores xa instalados”.

A Xunta vén prorrogando desde 2006 o servizo de operación dos catro barcos de maior tamaño de Gardacostas

As prórrogas non só se rexistran nos helicópteros, sexan de incendios ou de salvamento marítimo, senón que nese último sector, tamén no departamento de Gardacostas de Galicia, dependente da Consellería do Mar, o servizo de operación dos catro barcos de maior tamaño da Xunta vén sendo prorrogado sucesivamente sen un novo concurso público desde o que se outorgou en 2006 á empresa Remolcanosa. Cun custo duns 6 millóns de euros ao ano, prevía un prazo de execución de dous anos, pero permitía prórrogas por períodos similares ata un máximo de 25 anos. E así o vén prorrogando a Xunta sen descartar que non volva haber un concurso público ata 2031.

O subsector dos medios de locomoción no que a Xunta, aínda que con demora, si está a dar pasos para rematar con prórrogas sucesivas durante incluso décadas é o do transporte en autobús, no que xa completou a reorganización dos servizos de liña regular e está a ultimar os servizos escolares. Pero tamén eses procedementos de reorganización, e diversos erros cometidos pola propia Xunta, levárona a prorrogar contratos previos para que non quedasen os servizos sen prestar mentres se concretaban os novos concursos. É o que aínda está a ocorrer na metade das liñas de transporte escolar de Galicia, prorrogadas porque a Xunta tivo que reiniciar o concurso para renovalas porque cometera “erros non subsanables”. 

Irregularidades denunciadas en 2007 polo Consello de Contas nos contratos de transporte escolar que non impediron que a Xunta os seguise prorrogando e hoxe aínda estea pendente de rematar a renovación dos contratos da metade do sector CC-BY-SA Praza Pública

En 2009 a Xunta decidiu prorrogar por lei as concesións de transporte por estrada e en 2016 o Supremo anulouno, pero a metade do transporte escolar aínda está ultimando a súa regularización

Nos próximos meses está previsto que á fin queden renovados todos os contratos de transporte escolar tras prórrogas que nalgúns casos se sucedían desde hai varias décadas. Son contratos, dixo no seu momento o Consello de Contas, que se outorgaran incumprindo os sucesivos gobernos galegos “os principios esenciais da contratación administrativa (publicidade, concurrencia, igualdade e non discriminación)” e nos que posteriormente “a utilización do mecanismo da prórroga permitiu estender a duración dos contratos [...] sen que se promovera concorrencia no sector”. 

En 2009 o Goberno de Feijóo chegou a prorrogar os servizos preexistentes de transporte en autobús tanto regular como escolar cunha lei específica, pero mesmo cando en 2016 o Tribunal Supremo a anulou a solución da Xunta foi prorrogar novamente os servizos co argumento de que senón quedarían sen prestar. Ata o actual proceso de renovación de todos os contratos con novos concursos que aínda está pendente de rematar para a metade das liñas de bus escolar.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.