Sen votación durante a presidencia española pero sen veto por parte de ningún Estado, cunhas esixentes condicións que buscan esquivar as reservas dalgún país e co compromiso do Goberno de España de facerse cargo do gasto que suporía. Nesta situación se atopa a proposta para a oficialidade do galego —e mais do catalán e do éuscaro— na Unión Europea.
No último Consello de Asuntos Xerais da UE baixo a presidencia española, o deste martes, o Executivo resignouse a non poder someter a votación a súa proposta para a reforma do regulamento que permita que os tres idiomas se incorporen á relación de linguas oficiais nas institucións europeas. Un compromiso adquirido no marco das negociacións e acordos para a investidura de Pedro Sánchez co soberanismo catalán e que require do apoio unánime de todos os Estados membros da Unión.
A oficialidade do galego na UE non será votada polos 27 no Consello de Asuntos Xerais, o último baixo a presidencia española
"Non haberá votación porque os traballos non avanzaron ata aí", explicou xa Pascual Navarro Ríos, secretario de Estado para a UE, antes do inicio da xuntanza, o último Consello de Asuntos Xerais baixo presidencia española. Os representantes dos 27 volveron debater unha proposición tratada nos últimos consellos, pero non lle dedicaron demasiado tempo ao comprobaren que seguen á espera das análises xurídicas. Sete delegacións tomaron a palabra, ademais da española, segundo fontes que cita Europa Press, e moitas delas lamentaron que o tema siga na orde do día malia a falta de avances. Con todo, ningún país amosou a súa disposición a vetar a iniciativa.
Xa nos outros tres debates anteriores sobre o tema, varios países amosaron as súas dúbidas. Uns reclamaron máis detalles sobre os custos loxísticos, burocráticos e económicos da oficialidade antes de poder votar, e outros mostraron reticencias pola posibilidade de que a medida abrise o camiño á incorporación doutras linguas minorizadas nos seus territorios, como o bretón e o corso en Francia ou o ruso nos países bálticos.
O ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, xa advertiu este luns que proporá a votación cando teña "garantías" de que a proposta será aprobada e que será "a proposta dos Vinte e sete", ademais de lembrar que Irlanda tardou "máis de dous anos" en acadar o recoñecemento do gaélico como lingua oficial da UE. Ademais, o Estado agarda ao informe xurídico do Consello que estableza un marco claro para a pretendida reforma.
Albares trata de superar os escollos advertindo de que as condicións impostas para galego, vasco e catalán só se dan en España e pechan a porta a outras linguas minorizadas
Así, o Goberno español trata de superar os escollos redobrando os esforzos diplomáticos e os compromisos. Na cuestión económica, como xa adiantara, prometeu facerse cargo do gasto que suporía a oficialidade de galego, vasco e catalán, un custo ao que a Comisión Europea puxo cifras nunha "avaliación preliminar" e baseada no caso do gaélico, moi diferente ao dos idiomas en cuestión: 132 millóns de euros ao ano, 44 por cada un deles.
Pero ese non semella o maior atranco. Son varios os países que amosaron as súas reservas á oficialidade das tres linguas pola porta que abre ao impulso ás minorías lingüísticas nalgún territorio, especialmente no caso dos rusofalantes nos países bálticos que, como Letonia ou Lituania, trataron sempre de frear a iniciativa.
Nese contexto, Albares advertía xa hai semanas que a reforma do regulamento para legalizar plenamente o galego, o vasco e o catalán na UE "circunscríbese exclusivamente ao caso de España por cumprir requisitos únicos na Unión". Xa que logo, que "outras linguas non poderán ampararse nesta reforma se o Estado membro non o desexa".
Ese é o argumento forza do Estado ante os receos dalgún socio comunitario e así llelo expresou o ministro nunha carta aos seus homólogos europeos, semellante a outra enviada aos embaixadores de España nos países da UE. Nela debulla os requisitos que terían que cumprir outros idiomas minoritarios para acadar o recoñecemento pretendido para galego, catalán e éuscaro. Unhas "normas esixentes" que non permitiría actualmente a ningunha lingua ampararse nesta reforma. Unhas condicións que só se dan en España.
Os requirimentos fan única a proposta española, xa que esixen que a lingua sexa orixinaria dun Estado membro da UE (o que excluiría o ruso), que estea recoñecida pola Constitución do país, que haxa documentación comunitaria traducida a esas linguas (como xa ocorre con galego, vasco e catalán), que sexa lingua de traballo na Cámara estatal do país demandante (como xa o é no caso español) e que o Estado en cuestión se faga cargo dos custos, algo ao que xa se comprometeu o Executivo de Sánchez.
Precisamente, o informe sobre os custos e a carta da delegación española "explicando algunhas cuestións sobre a posibilidade de que a proposta non sente precedente", como explicou Navarro Ríos, foron obxecto de debate no Consello deste martes.
En todo caso, como explicou o secretario de Estado para a UE, o Consello ten o "compromiso" de "continuar" cos traballos e os debates en futuras reunións coa intención de chegar a "unha aprobación final" da oficialidade do galego, do éuscaro e do catalán na UE. Unha medida que, como advertían os precedentes e diversas fontes comunitarias, nin é doada nin é tan inmediata.
Con todo, cando Bélxica asuma a presidencia o vindeiro 1 de xaneiro e España deixe de ter o control sobre a axenda, o risco de que o asunto quede diluído está tamén presente. Desde o Goberno do Estado insisten en que continuarán solicitando o seu debate e a súa inclusión entre os asuntos a tratar nos vindeiros meses.
Navarro, no entanto, remarcou a "vontade" de Bélixica para continuar impulsando a oficialidade de galego, catalán e vasco na UE e confía en que os traballos avancen "rapidamente" para atopar unha solución "xuridicamente aceptable".
Puigdemont: "A oficialidade continúa na axenda"
Desde Bruxelas, precisamente, o ex-presidente da Generalitat de Catalunya, Carles Puigdemont, recoñece que non se aprobará a oficialidade do catalán durante a presidencia española da UE e que é "un incumprimento" do que lle dixeran que "sería posible". No entanto, cargou contra o PP e non tanto contra o Goberno de Sánchez, ao asumir que a oficialidade das tres lingas "continúa na axenda e é unha esixencia que ten un percorrido" ao que di que non renunciará.
"Valoro positivamente que neste contexto o ministro de Asuntos Exteriores español explicase as razóns polas que a nosa lingua debía tornarse en oficial na UE dunha forma coherente e cos nosos argumentos. Un feito inédito e positivo pero insuficiente", dixo Puigdemont, que sinala como un dos principais atrancos para a oficialidade "o Partido Popular". "Desde o primeiro día tivo interese en facer descarrilar a proposta", asegura.
"As opcións de conseguir a oficialidade non desapareceron; o camiño iniciado é irreversible, aínda que precise máis tempo", insiste quen insta o Goberno de España mesmo a chegar ao Tribunal de Xustiza da UE se cómpre para lograr que galego, vasco e catalán sexan oficiais.