O informe sobre o custo da inclusión de galego, vasco e catalán foi realizado a partir da experiencia da incorporación do gaélico como lingua oficial e de traballo do UE dende a proposta realizada por Irlanda no ano 2007
A oficialidade de galego, vasco e catalán na Unión Europea e o seu uso en pé de igualdade coas linguas oficiais neste momento tería un custo anual de 132 millóns de euros, 44 millóns por idioma, segundo unha estimación preliminar realizado pola Comisión Europea a partir dunha petición do Goberno español. Unha cantidade que sería aboada polo Estado español, segundo o compromiso adquirido nos últimos meses polo Executivo de Pedro Sánchez cando este fixo a proposta de que os tres idiomas se incorporasen á relación de linguas oficiais nas institucións europeas.
A Comisión Europea advirte de que se trata dunha "avaliación preliminar" e que non poderá realizar un cálculo máis exacto ata que o Consello de Asuntos Xerais non adopte unha decisión ao respecto e o Goberno español detalle como se realizaría a proposta de adaptación do actual sistema. O informe sobre o custo da inclusión de galego, vasco e catalán foi realizado a partir da experiencia da incorporación do gaélico como lingua oficial e de traballo do UE dende a proposta realizada por Irlanda no ano 2007. Entre 2015 e 2022 o gaélico funcionou como lingua de primeira, pero con algunhas excepcións, que foron definitivamente eliminadas o 1 de xaneiro do pasado ano.
España comprometeuse a asumir os novos gastos que supuña a medida, pero aínda así varios países expresaron nos últimos meses dúbidas e resistencias que ían máis aló do custo económico, entre outros motivos pola posibilidade de que se abrise ao camiño á incorporación de novas linguas minorizadas
España comprometeuse a asumir os novos gastos que supuña a medida, pero aínda así varios países expresaron nos últimos meses dúbidas e resistencias que ían máis aló do custo económico, entre outros motivos pola posibilidade de que se abrise ao camiño á incorporación de novas linguas minorizadas, coma o bretón, o corso (falados en Francia) ou mesmo o ruso (falado nos países bálticos). Tamén preocupa o incremento da complexidade burocrática de aumentar de 24 a 27 as linguas de traballo.
Porén, o ministro español de Exteriores, José Manuel Albares, defende que a proposta presentada para catalán, vasco e galego é unha iniciativa "feita a medida" destas linguas, que non funcionaría como precedente e non podería servir para a inclusión de novos idiomas.
A Comisión Europea advirte de que se trata dunha "avaliación preliminar" e que non poderá realizar un cálculo máis exacto ata que o Consello de Asuntos Xerais non adopte unha decisión ao respecto e o Goberno español detalle como se realizaría a proposta de adaptación do actual sistema
Dende o pasado 19 de setembro galego, vasco e catalán poden empregarse con normalidade no Congreso, como resultado do compromiso adquirido por Pedro Sánchez no marco das negociacións cos grupos nacionalistas que serviron para sumar unha maioría suficiente para ser investido presidente. Este compromiso incluía tamén a oficialidade das tres linguas no marco da UE, que na actualidade conta con 24 idiomas oficiais, que poderían pasar a ser 27.
Porén, mentres que o proceso de inclusión no Congreso solucionouse tecnicamente con rapidez e politicamente só atopou críticas no PP e unha perrencha pública por parte de VOX, as xestións europeas están a atopar importantes resistencias en moitos países, o que está adiando a decisión final, chegando España a priorizar a oficialización do catalán por riba do vasco e do galego.
A Mesa cre que a incorporación de galego, vasco e catalán sería "un fito" porque "recoñecería a natureza plurilingüe do Estado e de Europa"
Este outono a Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren Kontseilua, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Obra Cultural Balear ou Acció Cultural País Valencià reclamaron aos estados membros que voten a prol de facer oficiais os tres idiomas nas institucións comunitarias. A Mesa cre que logralo sería "un fito" porque "recoñecería a natureza plurilingüe do Estado e de Europa".