España prioriza a oficialidade do catalán sobre o galego ante as reticencias da UE a recoñecer "tres linguas de vez"

O ministro Albares, durante o Consello de Asuntos Xerais da UE © UE

O artigo tres do Tratado da Unión Europea establece que a UE "respectará a súa rica diversidade cultural e lingüística e garantirá que se salvagarde e mellore o patrimonio cultural de Europa". A ese artigo apelou o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares, no Consello de Asuntos Xerais da UE no que tratou de convencer os estados membros para que recoñecesen xa o galego, o éuscaro e o catalán como linguas oficiais nas institucións comunitarias. 

"O multilingüismo é un dos obxectivos e dos valores da UE e así o sinala o artigo tres dos tratados, que indica que debe promoverse e protexerse", insistiu xa antes dunha reunión na que o Goberno de España intentou superar as reticencias dos socios europeos a implantar xa unha oficialidade que se encadra tamén entre as peticións de Junts para apoiar a investidura de Pedro Sánchez. 

Consello de Asuntos Xerais da UE, este martes 19 de setembro © UE

Moitos dos estados membros cren que é "moi pronto" para implantar a oficialidade e piden máis informes sobre o impacto económico e práctico

Non o conseguiu. Non houbo un rexeitamento e ningún dos 27 pechou a porta a un recoñecemento das tres linguas nun futuro, pero foron moitos os que volveron manifestar as súas dúbidas e receos polo impacto legal e económico que tería a súa oficialidade inmediata. Cren que é demasiado pronto e non houbo nin tan sequera votación sobre unha proposta que será debatida no futuro, en data aínda descoñecida e que haberá que ver se é previa á probable sesión de investidura de Pedro Sánchez, no caso de que Feijóo —como parece— non a logre neste mes. "Intentaremos avanzar o máis rápido posible", dixo Albares. 

Para convencer os socios europeos, Albares, como explicou á saída da primeira das reunións, propuxo "períodos transitorios" e priorizar o catalán, "iniciando a súa despregadura primeiro e seguidamente coas outras dúas linguas". Unha decisión polémica que xa ergueu voces en contra desde Galicia e o País Vasco. 

Albares, ante as reticencias a oficializar "tres linguas dunha soa vez", propuxo "priorizar" o catalán e seguir logo con galego e éuscaro": "En absoluto é unha discriminación"

"Propuxemos iniciar a despregadura primeiro co catalán e, seguidamente, coas outras dúas linguas", defendeu Albares, que axiña dixo que "en absoluto" se trataba dunha discriminación para o vasco ou o galego e que só era unha resposta ás dúbidas de "parte dos estados membro" preocupados polo impacto de "tres linguas dunha soa vez". 

Nadia Calviño, ministra de Asuntos Económicos, xustificou tamén a decisión do seu goberno: "Tense que formular unha solución de compromiso para ir avanzando con aquela lingua que ten máis número de falantes, pero non hai ningún tipo de discriminación. A solicitude de España refírese ás tres linguas"

Porque os 27 resistíronse a tomar unha decisión mentres non haxa sobre a mesa un ditame xurídico do Consello da UE sobre as consecuencias da medida e unha análise do seu impacto económico e práctico no funcionamento do bloque. 

Quedou patente que a oficialidade non chegaría aínda logo de 40 minutos de debate e tras acordaren os estados non someter a votación a solicitude de España. As delegacións dixeron precisar "máis tempo" para estudar o asunto e moitos deles reclamaron máis detalles. 

Albares, pola súa banda, destacou que "ningún estado manifestou un veto á proposta nin exerceu o seu veto" e cre que se deu "un paso clave" na futura reforma do regulamento 1/58 da UE. Ademais, asegurou que España estaba disposta a asumir os custos que supoña a oficialidade das tres linguas no ámbito comunitario. 

Ana Miranda denuncia a "discriminación" ao galego e advirte que "só hai linguas de primeira"

Pero a decisión do Estado de retrucar a esta negativa momentánea relegando o galego e o vasco e priorizando o catalán non sentou ben en moitas formacións. Desde Bruxelas, a eurodeputada do BNG, Ana Miranda, dixo "lamentar" a decisión porque "só hai linguas de primeira e o galego é unha lingua de primeira". "Non imos quedar caladas" ante o que  considera unha "discriminación", asegurou, mentres o seu compañeiro de partido, o parlamentario Luís Bará, advertía que o Bloque será "belixerante" e que non permitirá "ningunha rebaixa do status de recoñecemento". 

“Agardamos que solicitar un ditame xurídico sobre as consecuencias da oficialidade de galego, catalán e éuscaro e unha análise do seu impacto económico non sexa unha manobra para alongar sine die a súa implantación”, reiterou Miranda. "Non hai linguas de primeira e de segunda", repetiu. 

Desde o PNV xa advertiron que a graduación na implantación das linguas na UE "non axuda" a unha investidura de Pedro Sánchez. Mentres, Carles Puigdemont, líder de Junts, advertiu de que o paso "non é suficiente" pero tamén asegurou que "nunca se chegara tan lonxe e nunca antes tantos países da UE se amosaran favorables" á oficialidade do catalán. 

Ademais, desde o PPdeG, o seu portavoz no Parlamento galego, Alberto Pazos, cre que estas decisións demostran que o PSOE "dálle máis importancia a unha lingua sobre outra en función dos votos para a investidura". 

Mentres, A Mesa pola Normalización Lingüística di que non se pode "consentir que o Goberno español discrimine os nosos dereitos linguísticos na UE a cambio de vontades políticas para tirar unha investidura adiante". 

Ana Miranda, en rolda de prensa na sede do Parlamento Europeo en Bruxelas © Delmi Álvarez

Por parte do Goberno de España, Albares defendeu ante os socios da Unión "a especificidade do réxime constitucional lingüístico español, que o fai practicamente único no seno da UE" e lembrou que o uso de galego, vasco e catalán vén de ser aprobado tamén no Congreso. Tamén que a petición non é "nin nova nin inédita",  que "hai case 20 anos que España vén solicitando" a utilización destas tres linguas no ámbito comunitario, o que permitiu os denominados "acordos administrativos" que permiten desde 2005 que os representantes estatais poidan utilizar calquera das linguas oficiais no Estado nalgúns ámbitos comunitarios, previa solicitude e asumindo o custo o Executivo español. 

Outro dos argumentos utilizado por Albares foi a insistencia en aclarar que non se pretendía a oficialidade "de linguas minoritarias". "Son idiomas que falan millóns de persoas. En concreto, o catalán é falado por máis de 10 millóns, o que o sitúa por riba de moitas das linguas que xa son oficiais e moitos dos idiomas dos representantes que se reúnen comigo hoxe", dixo xa antes da xuntanza do Consello. 

Xa antes da xuntanza do Consello, diversos representantes dos diferentes estados deixaron clara a necesidade de "máis tempo" pero ningún deles se opuxo á proposta de España. Mesmo Francia, a través da súa secretaria de Estado do Ministerio de Asuntos Europeos, Laurence Boone, negou que o seu país tivese "medo" ás consecuencias da oficialidade das tres linguas no seu territorio e dixo estar "a favor" de que todo o mundo pida usar o seu idioma, aínda que demandou "un estudo xurídico para ver como acomodar a proposición de España". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.