A oficialidade do galego na UE: unha "oportunidade única" nin doada, nin tan inmediata

Cabina de persoal intérprete no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

Os acordos froitos dos pactos e das negociacións para a presidencia do Congreso dos Deputados e para unha futura investidura de Pedro Sánchez fixo que a maioría progresista incorporase unha antiga reivindicacións das forzas nacionalistas e independentistas: a reclamación da oficialidade do galego, o éuscaro e o catalán na UE ao nivel do castelán e do resto de idiomas do resto de Estados membros

Foi así como o pasado 17 de agosto, o ministro de Exteriores, José Manuel Albares, remitiu unha carta á presidencia do Consello da UE para que incorpore as tres linguas ao réxime lingüístico comunitario e tornen así en idiomas oficiais e de trabalo. O escrito reclamaba o inicio do proceso e que a demanda fose incluída na orde do día da vindeira reunión de Consello de Asuntos Xerais do 19 de setembro, que reúne os ministros de Exteriores de cada Estado. 

Intérpretes traballando no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

O caso a tratar supón a modificación do regulamento número 1 do Consello en canto ao establecemento dos idiomas oficiais da UE, o que require da unanimidade dos Estados. Xa que logo —e no caso de que o día 19 se leve a cabo xa a votación— todos os representantes de cada un dos países debería votar a favor da oficialidade do galego (e mais do catalán e o vasco). 

A votación do vindeiro día 19 no Consello require da unanimidade de todos os Estados para dar o visto e prace á oficialidade do galego na UE

Neste pasado xoves, Albares afirmou ter constatado entre os socios europeos un "espírito construtivo" aínda que lembrou que será ese día 19, no debate, onde "se analizará e debaterá xa en firme" unha proposta "clara" e con "vontade política" por parte do Goberno central. 

"Non é fácil; en Europa, cando pides algo, tamén vas ter que dar algo ao outro, sempre hai contraprestacións e haberá que negociar", di unha fonte comunitaria en Bruxelas, coñecedora destes procesos. Refírese, como outras, aos presumibles atrancos que porán outros Estados con minorías lingüísticas que tampouco teñen recoñecida a oficialidade na UE ou mesmo no propio país. 

Todas as olladas viran a Francia, de tradición centralista e con escaso apoio, recoñecemento ou promoción do alsaciano, o occitano ou o bretón. Nun territorio onde perto de 200.000 persoas falan catalán ou éuscaro, onde hai continua polémica coa introdución de idiomas alleos ao francés na escola ou onde os tribunais prohibiron o uso do catalán nalgúns municipios da Catalunya Nord. Pero o labor diplomático desde España parece que ten facilitado o si galo. 

A posición de Eslovaquia ou Croacia semella o principal atranco para a oficialidade de galego, catalán e vasco

"O problema se cadra non está tanto aí e si en Eslovaquia ou Croacia... Non será fácil lograr esa unanimidade", di outra fonte con experiencia na Eurocámara e coñecedora dunhas negociacións "que requiren de toda a maquinaria diplomática". 

No caso de que a oficialización destas linguas fose aprobada por unanimidade o vindeiro día 19, a implantación total deste cambio de regulamento só tería empezado. "Sería un proceso longo e paseniño", advirte Nicolás González Casares, eurodeputado galego socialista. "Non creo que tan longo como se pensa", retruca outra fonte comunitaria. 

Intérpretes a traballar no Parlamento Europeo © Parlamento Europeo

"Hai que transmitir o acordo ás diferentes institucións da UE, seguir uns trámites para a posta en funcionamento, contratar tradutores... O normal é que, no caso de que saíse adiante, non se aplicase ata despois das próximas eleccións europeas", insiste Casares. 

O paso suporía traducir a galego, catalán e éuscaro os tratados, que en realidade xa foron traducidos por outras vías, pero tamén toda a documentación e lexislación que se produza desde agora, regulamentos e acordos institucionais. 

No caso de lograrse a oficialidade, concellos e outras entidades galegos poderían remitir calquera documentación en galego á UE, que debería responder na mesma lingua

Que máis suporía? Moito. Por exemplo, que toda a documentación que os estados membros remitan á UE poida estar en galego (e en catalán e éuscaro) cando ata o de agora só se podían enviar nunha das linguas oficiais e estatais. Xa que logo, que os concellos ou calquera outras entidades do país poidan dirixirse en lingua galega ás institucións comunitarias e non en castelán como agora. E que estas teñan que responder en galego, tamén no caso de se dirixir a unha persoa en particular. 

Ocorrería o mesmo cos regulamentos e anuncios publicados no Diario Oficial da Unión Europea (DOUE), que poderían -e deberían- ser publicados tamén en galego. No traballo dun europarlamentario galego, por exemplo, a mudanza é obvia. "Poderían remitir calquera pregunta ou cuestión na súa lingua cando agora o fan en castelán, maioritariamente, ou noutras linguas como o portugués", explican fontes comunitarias. 

Outra cousa é o uso do galego, do éuscaro e do catalán nos plenos do Parlamento europeo, posibilidade obvia de haber esta mudanza lexislativa, pero que podería ser realidade antes grazas a un proceso en paralelo pero alleo ao que agora reclama a oficialidade dos tres idiomas no ámbito comunitario. 

A Mesa da Eurocámara decidirá en breve sobre o uso do galego, vasco e catalán no pleno, un proceso en paralelo pero alleo á última petición do Goberno español

Foi en 2022 cando o Goberno español remitiu á Eurocámara unha solicitude para que as tres linguas puidesen usarse nos seus plenos, unha petición para que a Mesa do Parlamento leva meses agardando un ditame dos servizos parlamentarios sobre o que suporía en canto á tradución e interpretación, infraestruturas e finanzas. "Teremos noticias en breve", advirte González Casares, que aclara que esta opción "é máis factible e non supón moitos custos". 

O eurodeputado galego Nicolás G. Casares, na Eurocámara © S&D

"Estaría moi ben poder falar en galego no pleno do Parlamento; eu non o usaría sempre, pero si nos asuntos que máis impliquen a Galicia. Noutros casos, interesa máis que a túa audiencia no debate sexa máis grande e hai casos nos que é o inglés o idioma común", explica González Casares, que aclara tamén que unha cousa son os debates plenarios e outro, por exemplo, nalgúns comités. "En moitos deles a tradución só abrangue cinco ou seis linguas principais e non hai opcións a máis", conta. 

O caso de Touriño en 2005

Noutros organismos comunitarios, como no comité das rexións ou no Consello, o uso do galego xa estivo permitido nalgunha ocasión e foi usado sen problema, aínda que cumprindo cuns trámites e requirimentos previos. De feito, en 2005, o daquela presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, converteuse na primeira persoa que falou de xeito oficial en galego nun organismo da UE, previa solicitude con sete semanas de adianto. Outra cousa é o uso do galego a través da posibilidade que ofrece a oficialidade do portugués, tal e como fixo hai anos o daquela eurodeputado do BNG Camilo Nogueira ou, ultimamente, nalgunha ocasión, Ana Miranda. 

"A realidade é que non é tan doado como poida parecer e non sería a primeira vez que un intérprete de portugués non traduce o galego, por moito que mudes o acento ou mudes algunhas palabras", explica Casares nunha afirmación que corroboran outras fontes comunitarias.  

Sexa como for, o proceso aberto na Eurocámara o ano pasado é diferente ao que se pretende abrir agora para converter en linguas oficiais o galego, o vasco e o catalán, moito máis ambicioso e con moitos máis implicacións que o que abrangue só ao Parlamento.

Ata onde chegue, xa se verá. "Como galego, estou contento e satisfeito da posibilidade que se nos abre, pero hai que ter en conta que a oficialidade dáselle ao idioma, na praxe suporá que haxa lexislación publicada na nosa lingua pero lembremos que aínda hai páxinas oficiais da UE que non están traducidas a todas as linguas que xa son oficiais na actualidade", aclara Casares. "Non hai os mesmos requisitos para todos os idiomas oficiais; no día a día, non todas as linguas son consideradas do mesmo xeito", insiste. "Por poñer un exemplo, a Comisión adoita facer normativa en todas as linguas oficiais, pero logo hai documentos de análise, máis específicos, que poden estar só en inglés, nin tan sequera xa en francés", explican outras fontes. 

Bandeiras dos estados membros da Unión Europea CC-BY-SA Praza Pública

A oficialidade do galego na UE e a necesidade de intérpretes abriría "moitas posibilidades de traballo para xente que saiba galego"

Na actualidade, e tras a oficialización do croata en 2013, son 24 as linguas oficiais da UE e 552 as combinacións lingüísticas do corpo de intérpretes, só no Parlamento Europeo. Dependendo do ámbito, hai reunións ou debates onde se establece un máximo de seis linguas activas ou pasivas. No caso de que sexan as 24 as dispoñibles, un equipo de interpretación completo requiriría de 72 persoas. Son 270 os intérpretes funcionarios na Eurocámara e uns 1.500 externos acreditados aos que se recorre acotío. 

A oficialidade do galego na UE abre outra fiestra de oportunidades neste ámbito? "Unha non, moitas", explican fontes de persoal en Bruxelas que lembra que a oficialización definitiva do gaélico de Irlanda supuxo a creación dun corpo de intérpretes formado por arredor dun cento de persoas. Cun idioma que tardou quince anos en adquirir un status completo pola falta de recursos e medios para a súa tradución e que apenas se usa nas institucións comunitarias. "Hai moitas posibilidades de traballo para xente que saiba galego, e non só na interpretación senón noutros ámbitos", engaden as mesmas que advirten dunha "oportunidade única e histórica" en todos os sentidos para Galicia. No político, no social e no lingüístico. Tamén no laboral.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.