PSOE, Sumar, BNG, ERC, EH Bildu e PNV rexistraron este mércores unha proposición de lei de reforma do regulamento do Congreso para poder usar o galego, catalán e éuscaro en todos os debates da Cámara Baixa e na presentación de iniciativas.
Con esta medida, a lingua galega terá presenza normalizada no Congreso 46 anos despois da constitución do primeiro elixido en eleccións libres tras a ditadura e ás portas do 45º aniversario da Constitución. A proposta permitirá usar o galego, o catalán e o vasco en todos os debates desde a mesma entrada en vigor da reforma, mentres que para os textos escritos establécese un período transitorio de seis meses.
A idea do bloque progresista é que a devandita reforma sexa aprobada en dúas semanas para que poida ser aplicada xa no debate de investidura de Alberto Núñez Feijóo previsto para os vindeiros 26 e 27 de setembro.
A idea do bloque progresista é que a reforma sexa aprobada en dúas semanas para que poida ser aplicada xa no debate de investidura de Feijóo
A intención é que a proposición de lei sexa admitida pola Mesa do Congreso na súa xuntanza do vindeiro martes e se tramite polo procedemento de urxencia, o que supón acurtar os prazos parlamentarios á metade.
Coa maioría absoluta na Mesa do Congreso, o PSOE e Sumar levarían este texto ao pleno da semana do 19 ao 21 deste mes para aprobalo en lectura única, é dicir, sen pasar pola Comisión de Regulamento, que aínda non está constituída.
"A práctica do plurilingüismo (...) favorece un clima de liberdade, de normalidade e, en definitiva, de convivencia democrática", di a proposta
"A práctica do plurilingüismo, aplicando os recursos tecnolóxicos de tradución hoxe dispoñibles, non só non constitúe un obstáculo para o normal funcionamento da vida parlamentaria desta Cámara, senón que a enriquece e favorece un clima de liberdade, de normalidade e, en definitiva, de convivencia democrática", reza o texto presentado polos partidos.
Así, a proposta é que se engada un apartado novo no artigo seis que aclara que "os deputados e deputadas terán o dereito de usar en todos os ámbitos da actividade parlamentaria, incluídas as intervencións orais e a presentación de escritos, calquera das linguas que teñan carácter de oficial nalgunha comunidade autónoma de acordo coa Constitución e o correspondente Estatuto de Autonomía". Ademais, establécese que haberá "servizos de tradución e interpretación" de todas estas linguas.
No apartado 2 do artigo 70 engádese que "o orador ou oradora poderá pronunciar o seu discurso en calquera das linguas" xa referidas e engade este dereito para a presentación de escritos que "poderán acompañarse dunha tradución" ao castelán se non están redactados neste idioma.
Néstor Rego (BNG) cre que a proposta "avanza no recoñecemento do Estado español como un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e remata cunha anomalía democrática"
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que a proposta presentada "avanza no recoñecemento do Estado español como un estado plurinacional, pluricultural e plurilingüe e remata coa anomalía democrática que se producía na Cámara Baixa".
“A diversidade lingüística das nacións que compoñen o Estado español debe de ter reflexo no Congreso. Era unha anomalía non poder utilizar a lingua das persoas que nos elixen” apunta o deputado do BNG. A pesar de ser simbólica, engade Néstor Rego, este feito é un paso máis na democratización do Estado español normalizando “o uso da lingua, o galego, tal e como estabelece a propia Carta Europea das linguas que o propio Estado español ten asinado”.
"É un avance histórico que fará que as nosas institucións se parezan máis ao país. Que se fale a lingua de Rosalía de Castro, Bernardo Atxaga ou Joan Margarit é unha riqueza", dixo Marta Lois, deputada galega e portavoz de Sumar no Congreso.
Apenas un ano despois doutra proposta
Hai pouco máis dun ano, en xuño de 2022, o pleno do Congreso rexeitara por ampla maioría absoluta (PSOE, PP, Vox e C's) a iniciativa que formularan ERC, PNV, JxCat, PDeCat e BNG para permitir que nos debates e tramitacións da Cámara Baixa puidesen ser empregados os idiomas oficiais diferentes do castelán. Agora, o xogo de maiorías emanado das eleccións xerais do pasado xullo abriu de vez a porta a que, 46 anos despois da constitución do primeiro Congreso, esa petición poida virar en realidade.
Durante as negociacións para a conformación da Mesa do Congreso, que consolidaron o pasado 17 de agosto na elección da socialista Francina Armengol como nova presidenta por maioría absoluta, a cuestión de ampliar as marxes para o uso parlamentario normal do galego, o éuscaro e o catalán estivo sobre a mesa do PSOE por parte das formacións soberanistas. Ao tempo, Sumar formulaba especificamente a proposta como vía para impulsar os posibles acordos mentres forzas coma o Bloque lembraban a importancia que para elas tiña a proposta tombada en 2022.
As conversas derivaron en acordo. E apenas 24 horas despois de que Pedro Sánchez se comprometese a impulsar o uso nas institucións da Unión Europea de todas as linguas oficiais do Estado e non só do castelán, Armengol ratificaba tras a súa toma de posesión que ese dereito chegará tamén ao Congreso. Agora, a proposta presentada confirma que o galego será usado sen restricións no Congreso 46 anos despois. Podería ser na sesión de investidura de Núñez Feijóo.
Precisamente, o ex-presidente da Xunta e líder do PP non recibiu con agrado a posibilidade de falar galego no Congreso. "Soy gallego y hablo mis dos lenguas, pero no concibo un Congreso con pinganillos. Si todos los políticos nos comunicamos en la lengua común, no procede que los ciudadanos paguen para entendernos en el hemiciclo. Puigdemont y Díaz no necesitaron traductor", dixo cun chío en Twitter.