O galego afronta unha semana transcendental no Congreso e na UE sen o apoio de PP nin Xunta

Intérpretes traballando no Parlamento Europeo © Javier Bernal Revert / European Union 2020 / EP

O galego poderá usarse no Congreso desde este vindeiro día 19. Será un día histórico para a lingua, logo de que a Cámara Baixa acelerase os prazos e adiantase unha posibilidade que estaba prevista para o debate de investidura de Feijóo dos días 26 e 27. Agora, os deputados poderán expresarse en galego, éuscaro e catalán xa nos dous plenos previstos o martes e o xoves próximos, precisamente, para aprobar a reforma do regulamento que oficializará ese dereito. 

O galego poderá ser usado xa no Congreso o martes 19, data na que a UE debate a súa oficialidade, reunión da que depende a decisión sobre a súa utilización na Eurocámara

Coincide a xornada do martes, na que o galego será oficial no Congreso 46 anos despois, con outra xornada clave para a lingua galega a 1.600 quilómetros. En Bruxelas celébrase a reunión do Consello de Asuntos Xerais, que reúne os ministros de Exteriores de cada Estado, e na que se debaterá a demanda do Goberno de España para que a UE incorpore o galego, o vasco e o catalán ao réxime lingüístico comunitario en igualdade cos 24 idiomas con plena oficialidade. 

En definitiva, a modificación do regulamento número 1 do Consello que establece os idiomas oficiais nas institucións comunitarias. Para que iso acontecese requírese da unanimidade de todos os estados e, xa que logo, que todos eles voten a favor dunha medida sobre a que pairan moitas dúbidas na capital da UE. Se é que se vota, xa que estas reticencias fan que non se descarte que a decisión final se adíe. Do que aconteza ese martes en Bruxelas dependerá tamén o que ocorra na Eurocámara. 

Cabina de persoal intérprete no Parlamento Europeo © Frederic Sierakowski / European Union 2017 / EP

A Mesa do Parlamento Europeo debateu o pasado luns a posibilidade de permitir o uso de catalán, éuscaro e galego nas sesións plenarias, unha opción reclamada polo Goberno de España xa en 2022. Sería realidade —como é lóxico— no caso dunha oficialidade plena na UE, pero tamén pode selo antes e mesmo no caso de que non se alcance a unanimidade para unha mudanza lexislativa para todo o ámbito comunitario. Nesta última reunión desta semana non se tomou decisión ningunha, ao preferir o órgano que dirixe a Eurocámara agardar ao que ocorra no Consello do día 19.

Un martes que virará en histórico para a lingua galega, ao ser permitido xa o seu uso no Congreso, pero que podería selo aínda máis se é declarada oficial tamén en todas as institucións da UE, unha posibilidade que diversas fontes comunitarias ven agora mesmo "moi complicada". Todo nun proceso impulsado polos acordos entre partidos para unha posible investidura de Pedro Sánchez, que apoian PSOE —e PSdeG— mais o BNG, pero do que renegaron o PP, como era agardado, o PPdeG e a propia Xunta. 

O PPdeG votou en contra do uso do galego no Congreso e o presidente da Xunta cre que "non é prioritario": "Non ten moito sentido"

Así, o pasado mércores, no Parlamento de Galicia, o PP votou en contra dunha iniciativa presentada polo BNG e secundada polo PSdeG para apoiar o uso de todas as linguas cooficiais no Congreso. José Luis Ferro, deputado popular, xustificou o rexeitamento na teórica inconveniencia dunha cuestión que "non preocupa na rúa" e na teoría de que a oposición procura un "aval" da súa formación "ás negociacións para que Pedro Sánchez siga no Goberno". "Un maquiavélico xogo", engadiu, tras asegurar que a Goberno galego "é consciente de que hai problemas moito máis prioritarios que o de que en vez dunha lingua, no Congreso se poidan falar catro ou cinco". 

Xa o venres, foi o propio presidente da Xunta, na rolda de prensa tras o Consello, o que insistiu en que o uso do galego no Congreso "non é prioritario". Fíxoo en resposta á pregunta de se votar contra esa proposta non ía en contra do ideario galeguista do PPdeG. "Usar pinganillo entre persoas que se entenden noutra lingua non ten moito sentido", dixo respecto dunha medida que supón que 46 anos despois da constitución do primeiro Congreso elixido en eleccións libres tras a ditadura e ás portas do 45º aniversario da Constitución, a lingua propia de Galicia poida ser utilizada sen atranco ningún e con pleno dereito.

Alfonso Rueda, tras o Consello da Xunta do pasado 14 de setembro CC-BY-SA Xunta

As expectativas para o galego na UE non son prometedoras; na Eurocámara xa se pensan alternativas a legalizar o seu uso: permitilo se o Goberno de España o pide con antelación

Alfonso Rueda foi tamén preguntado sobre se apoia o uso do galego na Eurocámara, onde xa se utilizan os auriculares para a tradución aos que fixera referencia. "Non creo que sexan situacións comparables. No Congreso hai unha lingua común, que é o castelán; no Parlamento Europeo hai varias", dixo. 

Sexa como for, as expectativas para o galego (e o vasco e o catalán) non son tan prometedoras na UE. "Vexo moi complicado que saia agora", coinciden en sinalar dúas fontes parlamentarias coñecedoras das negociacións que se levan a cabo tanto de cara ao Consello como á Eurocámara. Todo malia os "importantes esforzos" que está a facer a diplomacia española e, nomeadamente, o ministro de Asuntos Exteriores, José Manuel Albares. 

"O ambiente é agora máis favorable que hai uns días polo labor que está a facer o Executivo español, sobre todo nesta semana, pero segue a ser complexo", admite unha fonte da Eurocámara. "Hai movementos e avances, pero é difícil", insiste outra. 

No que abrangue á Eurocámara, a Mesa decidiu aprazar a decisión a outra reunión, agardar ao debate que sobre a oficialización das tres linguas ten o Consello o vindeiro martes e reclamar novos informes sobre as repercusións técnicas, burocráticas e orzamentarias que tería. Neste caso, suporía que galego, éuscaro e catalán tornasen en linguas internas do Parlamento Europeo pero non en linguas oficias da UE, que é o propósito de máximos que se marcou o Goberno do Estado. 

Núñez Feijóo e a ministra de Asuntos Europeos de Suecia, Jessika Roswall, en abril de 2023 CC-BY-SA PP

E aínda hai unha vía alternativa que xa se manexa na Eurocámara: a de permitir o uso do galego, o catalán ou o éuscaro por parte dos eurodeputados nas sesións plenarias, sempre que o Goberno de España o solicite con antelación e se faga cargo de calquera gasto extra adicional que supoña a tradución e interpretación destas linguas, que serían consideradas "de traballo" pero non oficiais nin "internas" do Parlamento.

É a mesma opción que está xa vixente no Comité das Rexións e que converteu o presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño, na primeira persoa que falou de xeito oficial en lingua galega nunha institución da UE, en novembro de 2005, nun pleno no que tamén se puido escoitar vasco e catalán.

A ministra sueca Roswall, que se reuniu con Feijóo en abril, rachou coa discreción do debate lingüístico amosando as súas reticencias a facer oficiais galego, catalán e vasco

Que o galego vire plenamente en oficial na UE semella máis complexo. "Hai estados que están poñendo problemas ou que expresan as súas dúbidas", explican as mesmas fontes. Un deles foi Suecia, que o fixo ademais publicamente a través da súa embaixada en España e da súa ministra de Asuntos Europeos, Jessika Roswall. Nun comunicado, explicou que o seu Executivo "dubida" á hora de "revisar o regulamento número 1". "Hai moitas linguas minoritarias que non son linguas oficiais na Unión Europea", argumenta respecto das reticencias do seu Executivo, que pide "analizar máis a fondo cales son as conscuencias xurídicas e financeiras da proposta".

"A Suecia foi precisamente Feijóo en precampaña a varias reunións", desliza unha fonte comunitaria. Jessika Roswall, que vén de rachar a discreción no debate lingüístico cunha posición contraria á oficialidade de máis idiomas na UE, foi unha das persoas coas que o líder do PP se reuniu o pasado mes de abril no país escandinavo, que daquela ocupaba a presidencia rotatoria. É ministra e forma parte do Partido Moderado, pertencente ao grupo do Partido Popular Europeo. 

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.