Entidades a prol de galego, vasco e catalán apelan á "diversidade" da UE para pedir a oficialidade das linguas

Representantes d'A Mesa, Kontseilua, Plataforma per la Llengua, Òmnium, Obra Cultural Balear ou Acció Cultural País Valencià, en Bruxelas CC-BY-SA A Mesa

"Temos a honra de falar na nosa lingua", dixo Ana Miranda, europarlamentaria do BNG, no momento de presentar o acto no que a Rede Europea para a Igualdade Lingüística (ELEN) pediu aos estados membros que este martes voten no Consello de Asuntos Xerais da UE a favor de incluír o galego, o éuscaro e o catalán entre as linguas oficiais das institucións comunitarias

"Calquera votación que se dea mañá ten que ser no camiño da ampliación dos dereitos lingüísticos dos cidadáns europeos; non hai ningunha outra opción"

Sería, dixeron varios dos seus representantes, unha oportunidade "única" para que a UE promovese e impulsase os que son dous dos seus principios fundamentais: "A defensa do multilingüismo e da diversidade cultural". Foi a demanda de ELEN feita pública este luns en Bruxelas da man de varias das súas organizacións membros no Estado: A Mesa pola Normalización Lingüística, Euskalgintzaren Kontseilua, Plataforma per la Llengua, Òmnium Cultural, Obra Cultural Balear ou Acció Cultural País Valencià. 

"Calquera votación que se dea mañá ten que ser no camiño da ampliación dos dereitos lingüísticos dos cidadáns europeos; non hai ningunha outra opción", expresaron ao seren preguntados polos condicionantes e atrancos políticos que hai nun debate que non só ten difícil a unanimidade requirida de todos os estados, senón que tampouco ten segura unha votación que decida xa este martes se galego, catalán e vasco viran en linguas oficiais da UE. 

Cabina de persoal intérprete no Parlamento Europeo © Frederic Sierakowski / European Union 2017 / EP

"Votando a favor da proposta, os estados membros demostrarán que apoian os valores europeos de democracia e igualdade", insistiron, tras lembrar que ese voto afirmativo fará que se demostre tamén que a Unión "é realmente unha organización que representa unha Europa multicultural e multilingüe". 

“O recoñecemento da oficialidade total das nosas linguas sería un fito tamén porque recoñecería a natureza plurilingüe do Estado e de Europa" dixo Elsa Quintas, da Mesa

"Os dereitos lingüísticos son dereitos humanos e cómpre un marco lexislativo que defenda os intereses dos galegofalantes", dixo Elsa Quintas, vicepresidenta da Mesa. “O recoñecemento da oficialidade total das nosas linguas sería un fito tamén”, explicou, “porque recoñecería a natureza plurilingüe do Estado español e de Europa. Porén, cómpre recordar que isto non suporía automaticamente o fin da minorización. Queda aínda un longo camiño por percorrer", advertiu nunha rolda de prensa de ELEN, que defendeu xa antes nun comunicado que a inclusión destas tres linguas entre as oficiais da UE achega "numerosos beneficios prácticos, así como o prestixio que confire o status oficial". 

"Tamén daría á UE a oportunidade de estar á altura da súa política de apoio á diversidade lingüística e permitir aos seus cidadáns utilizar a súa lingua coas institucións da UE", di ELEN, que insiste no "impacto moi positivo" que para galego, vasco e catalán tería o que sería "un gran paso para o recoñecemento e a normalización" dos tres idiomas. "O status oficial a nivel europeo é clave para protexer os dereitos lingüísticos dos seus falantes", di. 

Así, ELEN lembra que hai "máis de 500 disposicións legais de todo tipo que esixen a presenza e o uso das linguas oficiais da UE, especialmente cando afecta a consumidores, e isto é moi importante porque ten un impacto directo e indirecto na vida cotiá das persoas". Ao tempo, Quintas lembrou que que o galego segue sen ser oficial no conxunto do Estado español e que, precisamente, hai "500 disposicións legais que impoñen" a lingua castelá, que goza da oficialidade da que carece a lingua galega.

Von der Leyen intervén ante o Parlamento Europeo en 2022 © UE

ELEN e as entidades que a forman apelan ao principio de "diversidade cultural e lingüística" da UE para pedir aos estados que voten pola proposta do Goberno de España

A maioría dos representantes das diferentes plataformas lingüísticas incidiron no beneficio que o oficialización dos idiomas na UE suporía para "o prestixio interno e a promoción externa" das linguas en cuestión, pero sobre todo aludiron aos principios de "diversidade" cultural e lingüística que defende a UE. "É unha grande ocasión para que a Unión Europea amose o seu respecto pola diversidade lingüística e cultural, que renove ese compromiso e que o mostre de novo", insistiron. 

"A mellor maneira que ten Europa de enviar unha mensaxe de diversidade lingüística é aprobar a oficialidade do catalán, o éuscaro e o galego nas institucións europeas", engadiron, logo de apelar de novo a esa diversidade á que apela tamén a UE, mesmo no seu lema (In varietate concordia, Unidos na diversidade).

"Non só o reclamamos porque o pida o Estado español, senón porque suporía unha enorme axuda á hora de asegurar o respecto e plena despregadura das nosas linguas", insistiron. Ademais, e preguntados sobre a posibilidade de que a decisión final se adíe, membros de ELEN lembraron que, como no caso do catalán, "xa hai moitos anos" que se reclamou a súa oficialidade na UE. "Queremos que haxa unha aprobación, unha votación e unha decisión con consecuencias xurídico-legais a favor da oficialidade", insistiron nun acto no que estiveron presentes varios europarlamentarios, como a do BNG, Ana Miranda, ademais de representantes de ERC ou o PNV. 

Por outra banda, e requiridos sobre as críticas ao elevado custo que a implantación da oficialidade podería supoñer, membros de ELEN cre que ese é "un debate falso" e advertiron tamén da necesidade de pular polo recoñecemento doutras linguas non oficiais, aínda que o obxectivo agora se centre nas que son tamén oficiais en España alén do castelán. 

Rolda de prensa das diferentes entidades a prol de galego, vasco e catalán en Bruxelas © Òmnium Cultural

“Francia está destinada a ser a terra dos dereitos humanos. Co tempo, chegaremos tamén a iso (ao recoñecemento de todas as súas linguas como oficiais) tamén", dixo Davyth Hicks, portavoz de ELEN, ao ser preguntado pola posición do país galo tendo en conta os atrancos que xa puxo ao catalán e ao vasco en concellos onde se falan esas linguas. 

"Non precisamos volver á noción do regulamento de 1958 de 'unha lingua, un Estado". Canto pasou desde aquela? Estamos na Europa do século XXI e agora aceptamos que é multilingüe", 

“No necesitamos volver a la noción del Reglamento de 1958 de 'una lengua, un Estado'. ¿Cuánto ha transcurrido desde entonces? Estamos en la Europa del siglo XXI y ahora aceptamos que es multilingüe”.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.